Ola a todos. Hoxe queremos solicitar a vosa colaboración para un proxecto no que poderedes saber como de eficiente é o voso fogar a nivel enerxético. Pasamos aos detalles.
Cantos voluntarios se poden apuntar? Ata 300.
Que se ofrece? Un pequeno sistema domótico de control da enerxía. Consta dunha pasarela domótica , dun enchufe intelixente e dun medidor do consumo, similar ao contador intelixente que están a instalar as compañías eléctricas. Pero, neste caso, envíavos a vós os datos a través do voso usuario na web do sistema. Tamén se vos entregarán de balde 2 lámpadas LED, para que se poida ver o seu consumo e se son rendibles ou non. Poderás comprobar tamén canto gasta a túa neveira, canto consume o teu televisor e calquera outro aparello que queiras. Poderás ter todos os datos das probas que fagas na web de uso do proxecto. Se queres completar a túa instalación con máis enchufes intelixentes ou outros sensores tamén será posible.
De onde hai que ser? De calquera concello da provincia de Pontevedra de menos de 50.000 habitantes, ou sexa todos menos Vigo e Pontevedra (mágoa para os do Lérez e os do Lagares).
Hai que ter un mínimo de conexión de internet? Si, é necesario que teñas un mínimo de 6 megas. Non é necesario, iso si, que sexas cliente de R. Podes ter o servizo con calquera operador.
Que mais requisitos hai que cumprir? Contestar un par de enquisas con preguntas acerca da experiencia e coidar os equipos que se van instalar, que cómpre devolvelos ao remate dos 4 meses do proxecto. Ademais, hai que asistir a dúas formacións nas que se explicará como usar eses equipos e onde se vos axudará a extraer conclusións dos datos que ofrece o sistema do consumo enerxético do fogar.
Interésame. Que fago? Mándanos un correo co asunto "depoGAP" a [email protected] indicando que estás interesado e a dirección concreta. Despois igual che pedimos un certificado de empadroamento no teu concello, así como o DNI no caso de que sexas cliente de R ou coa factura do teu operador (para ver que tes 6 ou máis megas contratados; en ningún caso se usará isto con fins comerciais).
Por que facemos isto? Moi sinxelo. Estamos dentro dun ambicioso proxecto da Deputación de Pontevedra chamado depoGAP (cofinanciado con fondos FEDER). Neste enlace podedes saber mais do proxecto depoGAP, que é moito máis amplo que esta acción.
Dentro de depoGAP adquirimos o compromiso de dotar gratuitamente a 300 fogares da provincia de Pontevedra dun sistema de control enerxético do fogar e de mantelo funcionando durante 4 meses, axudando aos fogares a atopar conclusións para rebaixar o gasto enerxético. Participamos nesta acción porque estamos moi interesados en desenvolver servizos de telecontrol e telexestión dos fogares. Xa viñamos traballando neste eido dende hai tempo e, por iso, a Deputación de Pontevedra encontrou interesante a nosa proposta.
Por outra banda, no depoGAP imos facer outra acción interesante, que é habilitar instalacións de deportes da provincia con cámaras e fibra óptica para que se poidan desfrutar as actividades desde internet (e en formato multicámara) e tamén na tele de R. Pero iso xa será materia doutro post.
Ademais, a nosa participación neste proxecto impulsado pola Deputación de Pontevedra desenvólvese en equipo con Indra, Altia e Ilux como socios principais e tamén con EcoMT, Telecon Galicia, Applus Galicia, Cinfo ou Syntheractive, entre outras empresas. De feito, este é o noso segundo gran proxecto “smart” xunto co de Coruña Smart City (onde precisamente formamos unha UTE R, Indra, Altia e Ilux).
Así que paseniño imos desenvolvendo outra área de traballo interesante para R: as redes de sensores e o internet das cousas aplicado a grande escala (smartcities) ou a pequena escala (fogar intelixente).
depoGAP vai permitir a mellora da xestión nos activos públicos da provincia, controlando a eficiencia, modernización e contención do seu gasto. Búscase reducir o impacto sobre o ambiente e que a cidadanía tamén participe activamente na xestión dos asuntos públicos. Por iso, unha parte deste proxecto é este piloto de eficiencia enerxética que se realizará nas casas de 300 veciños de toda a provincia.
Que pasa despois do piloto? Pasados os meses do proxecto, retiraranse os equipos que se deixaron e estableceranse as conclusións oportunas.
Un saúdo!