Se es un dos máis do millón de seguidores de Xurxo Carreño en Instagram (@xurxocarreno) xa saberás que o humorista máis viral da nosa terra percorreu o Camiño de Santiago. Saberás que o fixo xunto aos instagrammers Gala González, Martiño Rivas e Cristina Cerqueiras, e, se non o sabes, cóntacho el.

Charlamos con Xurxo Carreño sobre a súa experiencia percorrendo catro etapas do Camiño portugués, dende Redondela.

No seu Instagram podes ver todas as publicacións da ruta cos hashtags #GaliciaDestinoSeguro e #CamiñaAGalicia, que ti tamén podes utilizar se fas o Camiño neste Xacobeo 21-22. Ademais, contas con stickers como a Cunchiña para poñer nas túas historias. Tamén para WhatsApp ou iMessage, Telegram ou Facebook. Búscaa entre os Gifs coa palabra Xacobeo ou Xunta.

E agora si, Xurxo, cóntanos como o pasaches facendo o Camiño de Santiago.

Instagrammer, que é para ti e como levas iso de ser influente?

Ao principio, cando empecei, todo foi moi raro e tiña problemas de ansiedade cando me recoñecía a xente pola rúa; era algo novo para min. Eu estaba afeito a unha vida totalmente anónima. Pero agora xa estou acostumado, aprendín a convivir con iso e moi contento.

Tes xa 1 millón 200 mil seguidores en Instagram. Como empezou todo?

Pois non o busquei, empecei máis ou menos no 2015 a subir contido a Instagram. Un día estaba na miña casa e decidín facer un vídeo de dobraxe, aos meus amigos gustoulles moito, pedíanme máis; todo foi como unha bóla de neve e fun chegando cada vez a máis e máis xente.

Os teus reels dobrando en galego a personaxes de orixe chinesa, animais varios e as túas receitas de cociña fixéronse virais. De onde saíron estas ideas tan tolas?

Nunca fixen guións nin parto dunha idea á hora de facer un vídeo. Sempre penso no momento e solto o que se me vai ocorrendo, creo que iso é en parte o que lle gusta á xente, o ser natural e espontáneo.

Que será o seguinte? Que estás a cociñar nesa cabeciña?

Agora que é verán encántame subir contido de mergullo, sempre me gustaron os animais e a natureza. O poder ensinar todo iso aos meus seguidores é un privilexio para min e é a día de hoxe o contido que máis me gusta facer. E o meu propósito na vida é conseguir poder facer un programa como 'Frank de la Jungla'. Din que de soños tamén se vive.

Dáslle ao balonmán e ao mergullo, así que estás en forma. Pero suaches o 75 km?

O primeiro día foi o máis complicado, o levantarse ao día seguinte esnaquizado. Pero a medida que pasan os días, o corpo xa se afai e tira millas el só. Suar suei como un porco.

Xa se sabe que o Camiño de Santiago une moito, que tal te levaches cos outros instagrammers: Gala González, Martiño Rivas e Cristina Cerqueiras? Xa vos coñeciades?

Ninguén coñecía a ninguén, iso creo que foi o que o fixo especial. Ao final pasar tanta horas coa mesma xente, contando as nosas vidas, os nosos proxectos e metas, une e fai piña. Lévome amigos para toda a vida. Non só con esta xente senón tamén cos nosos guías.

Cóntanos algunha anécdota, que seguro que che levas unhas cantas do Camiño.

Lévome as conversacións cos meus compañeiros e a desconexión. Porque ao final pasas moitas horas falando, pero tamén outras moitas andando só, en silencio coa natureza, non hai quen pague esa tranquilidade. Fun con problemas de ansiedade por temas persoais, de traballo, e volvín novo.

Durante as etapas, fuches publicando en Instagram toda a experiencia. Vímosche facendo reels de Power Rangers, fotos abrazando unha árbore, vídeos promocionando as verbenas… Ademais de divertirte, con que te quedas da ruta a Santiago?

Como xa dixen, a desconexión coa natureza, o non pensar en nada máis que andar.

Cal foi o lugar que máis che gustou?

Gustoume moito a terceira etapa 'Caldas-Padrón': foi todo o camiño por bosques, á sombra. Viñamos dunha segunda etapa con moita estrada, moito sol, queimeime por non botar crema.

Que lle dirías á mocidade para que se anime a facer o Camiño?

Que o fagan polo menos unha vez na súa vida, como queiran, con quen queiran, pero que o fagan, é unha experiencia única que lle recomendo facer a todo o mundo.

E algún consello?

Crema solar, gorro/gorra, calzado cómodo (preferiblemente moi usado) vaselina para os pés, polo tema das bochas. Moito ánimo, que o camiño o pode facer calquera, só hai que poñerlle ganas.

E, para rematar, repetirás o Camiño de Santiago?

Rotundamente si, teño moitas ganas de facer o camiño polo norte, e só. Xa estou a mirar datas.

E ti, aínda non fixeches o Camiño? Segue os consellos de Xurxo e comparte a túa experiencia nas redes sociais dende o teu móbil.

Desexámosche un bo camiño!

Imaxes de https://www.instagram.com/xurxocarreno.