Ola a todos. Algunha vez vos tería chegado unha mensaxe do tipo "Warning, warning, memoria insuficiente". Iso significa que tedes unha vida social moi activa e saturastes o móbil con fotos, vídeos, apps, etc. pero tranquilos, ten solución. Hoxe botámosvos un cable para que saibades como liberar espazo e mellorar así o rendemento dos vosos smartphones.
Pero vaiamos por partes porque ás veces non temos moi claro que é iso da memoria nos móbiles. Hai dous tipos de
- memoria RAM: memoria temporal onde se almacena información das apps ou procesos que temos abertos. Canta máis memoria RAM, máis rápido funcionarán e poderás ter máis traballando á vez. Pero ollo, esta memoria non se pode ampliar. Podedes ver o consumo da vosa en Axustes -> Aplicacións -> Administrar aplicacións -> en uso / en execución
- memoria interna: é a memoria na que se almacenan as aplicacións, fotos, vídeos, música... Por defecto, moitos teléfonos non teñen memoria interna, polo que debemos meterlle unha tarxeta SD para poder facer uso dela. Os móbiles máis actuais ou de gama máis alta xa adoitan levar unha memoria interna. E aquí temos que matizar, que a memoria que indica o fabricante non é a que finalmente temos á nosa disposición. Por iso sempre puntualizamos, 16GB si, pero 8GB libres para o usuario. Quen nola está a roubar? Pois o sistema operativo e aplicacións preinstaladas nos nosos teléfonos.
Se queredes mellorar a memoria, nada de comer noces, o que tedes que facer é seguir estes trucos:
- Desinstalar aplicacións: recomendámosvos que desinstaledes todas aquelas aplicacións que non usedes. Podedes facelo en Axustes -> Aplicacións -> Administrar aplicacións. Só tedes que pulsar sobre a aplicación a eliminar e seleccionar "desinstalar". Ollo! Hai aplicacións de sistema que non se poden desinstalar.
- Desinstalar actualizacións: Cada vez que se actualiza unha aplicación, o normal é que leve consigo un aumento de memoria do sistema. En determinados casos, sobre todo coas aplicacións de sistema que non podemos desinstalar e que non usemos, podemos quitarlle as actualizacións que puidesen ter. Xestionádelo en Axustes -> Aplicacións -> Administrar aplicacións. Pulsar sobre a aplicación e seleccionar "desinstalar actualizacións".
- Mover aplicacións á memoria SD: mover aplicacións que están na memoria do sistema á memoria interna (ou á SD). Ollo! Non todas as aplicacións se poden mover; é o caso dalgunhas tan usadas como o Facebook ou o Whatsapp. En Axustes -> Aplicacións -> Administrar aplicacións, na pestana de "teléfono ou tarxeta SD". Se a aplicación está na memoria do sistema aparecerá o check sen marcar e dentro daravos a opción de "mover a tarxeta SD".Se xa está metida na tarxeta SD, veredes o check marcado e dentro vos dará a opción de "mover a memoria interna".
- Almacenar os arquivos multimedia na "nube": cos móbiles pasa como coas cámaras dixitais, como cabe non borramos; pero estamos a ocupar memoria interna. Para evitalo, podedes facer unha limpeza de cando en vez, descargalas ou almacenalas na nube. Xa sabes que en R dispós de 25GB para gardar unha copia de seguridade das fotos, vídeos e contactos do teu móbilR. Por 1€/mes, con nube R: https://nuber.mundo-r.com/nubermovil/index_gl.php.
- ITV ao WhatsApp: unha das apps que máis usamos, o WhatsApp tira moito de memoria. Así que convén que eliminedes chats, aínda que queirades conservar esa conversación especial con ese rapaz/a que vos gusta. Para facelo, só tedes que situarvos sobre un chat e pulsar ata que aparece un menú con opcións "eliminar conversación " / "saír do grupo" ou "enviar chat por correo". No caso dos grupos, se só queredes borrar a conversación, debedes entrar no chat e pulsar sobre "máis", onde vos indicará se queredes "baleirar" o chat.
- Eliminar datos e/ou caché:segundo se van usando aplicacións, vanse almacenando arquivos temporais e aumentando memoria caché. Isto fai que a aplicación vaia máis rápido pero ocupa memoria do sistema. Acontece sobre todo con aplicacións como Facebook, Twitter, YouTube ou o navegador de internet.Para eliminar estes arquivos temporais, debedes ir a Ajustes -> Aplicacións -> Administrar aplicacións, seleccionar a aplicación e pulsar sobre borrar datos ou caché. Pero non o fagamos tan alegremente porque cando borramos datos, borramos toda a configuración da aplicación. Quedaría coma se a acabásemos de instalar, de modo que se tiñamos configurada algunha conta tamén se eliminaría. Non o recomendamos facer con aplicacións de uso frecuente como o Whatsapp.Pola súa banda, cando borramos caché, non afecta á configuración da aplicación, só borraría todos os arquivos temporais que se utilizan para axilizar o funcionamento da aplicación. En moitos casos é recomendable cada certo tempo facer unha limpeza da caché para que non sature o uso da memoria do sistema.
- Aplicacións de xestión de memoria: se preferides non ter que facer manualmente estes procesos, podedes confiar en apps que se encargan de xestionar a capacidade de memoria. Unha das máis populares é APP2SD.Ao iniciar a aplicación calculará o espazo ocupado pola memoria caché e preguntará se queremos borrala.Tamén nos mostrará en distintas pestanas as aplicacións que se poden mover á tarxeta SD, as que xa se encontran na SD e as que non se poden mover.
Esperamos que vos sexan útiles estes conselliños e agora, a poñelos en práctica.
Un saúdo!