Parece que as celebracións de San Xoán van ser un pouco diferentes desta volta, pero non nos cabe dúbida de que seguirán sabendo a sardiñas e cheirando a herbas de San Xoán. Hai moitas meigas que espantar este ano e aquí temos unhas cantas tradicións para facelo.
Saltar as fogueiras
Co lume escorrentamos as meigas e os malos espíritos, queimamos o malo e atraemos a boa sorte. O número de veces que se debe saltar a fogueira varía dunhas zonas a outras: nove, sete ou, simplemente, número impar. Aquí nunca nos poñemos de acordo . Tampouco no berro de guerra: uns entoan un “Meigas fóra!”, mentres que outros saltan a fogueira con este dito popular:
do lume de San Xoán,
para que non me morda
cadela nin can
nin bicho vivinte
que ande polo chan.
E logo cada un, engade algo da súa propia colleita: queimar listas, apuntamentos ou mesmo roupa vella.
Bañarse no mar
A auga como símbolo de purificación está moi arraigado nos nosos costumes. A tradición conta que se te bañas no mar durante a noite de San Xoán gozarás de saúde. Dise que hai que facelo de costas, mentres a lúa brille… pero sempre con sentidiño .
A auga tamén representa a fertilidade e para atraela, as mulleres que desexan quedar embarazadas deben saltar nove ondas na praia da Lanzada. Iso si, a medianoite e de costas. Será máis fácil se o mar está acougado e a auga non moi fría, pero aquí nunca se sabe.
Herbas de San Xoán
Lavar a cara o día 24 coas sete herbas de San Xoán protexerate dos malos espíritos e espantará o mal de ollo. Seguindo polo libro a tradición, a auga debe collerse en sete fontes, o que se coñece como “facer o cacho”, e deixar a auga coas herbas á rosada durante a noite anterior.
Cada cal ten a súa “receita”, pero seguro que fiúncho, romeu, herba luisa e herba de San Xoán non poden faltar.
Sardiñas
Xa o di o refrán “Por San Xoán a sardiña molla o pan”. A tradición por excelencia é asar sardiñas e comelas cunha boa broa. Para acompañalo non pode faltar a queimada: “Mouchos, curuxas, sapos e bruxas”.
Seguro que coñeces máis tradicións da noite máis curta do ano. Estamos a desexar escoitalas .