En Viveiro o final do mes de agosto é especial: festéxase a romaría do Naseiro 2026. Alí celebran varios días de festa, comida e bebida que este ano cadra do 21 ao 26 de agosto. Declarada en 1967 Festa de Interese Turístico Nacional, a romaría do Naseiro 2026 é peculiar xa que quen participan da festa conviven durante cinco días nunha contorna natural e diferente. Consulta o programa da romaría de Viveiro, tamén coñecida coma a “Romaxe do Bo Xantar”, que se celebra no val do Naseiro, na vila de Viveiro.
Programa do Naseiro 2026

Imaxe: Viveiro Turismo
Milleiros de persoas acoden ao Naseiro para aloxarse en improvisadas cabanas construídas para a ocasión, creando unha vila que tamén conta cun mercado propio e numerosos postos de comida e de bebida. Todo iso sen esquecer a música das orquestras e unha gran variedade de atraccións.
A festa comeza o venres pola tarde, é o chamado "Día do Polbo", no que se organiza unha gran cea ao son de bandas de música e gaiteiros. Os seguintes días son para comer, beber e divertirse. O marisco, o caldo, a empanada e a típica sardiñada nunca faltan nestes días.
Como o ano pasado, a comisión das festas do Naseiro de Viveiro decidiu ter uns horarios fixos para as sesións vermú e para as verbenas:
- Sesión vermú dende as 14:30 ata as 16:00 h.
- Todas as verbenas darán comezo ás 23:00 h.
Tendo en conta isto, aquí che presentamos o programa da romaría Naseiro 2026:
Venres, 21 de agosto 2026: Día do Polbo
- Comida e charanga con Batukada Kombarullo.
Sábado, 22 de agosto 2026
- 13:30 h. Misa na Capela do Campo da festa, con posterior procesión, na honra da Virxe dos Remedios.
- 14:30 h. Sesión vermú coa orquestra Platinum e o grupo Pasión.
- 23:00 h. Verbena popular coa orquestra Platinum e o grupo Pasión.
Domingo, 23 de agosto 2026
- 13:30 h. Misa solemne na honra da Virxe de los Remedios na Capela do Campo da festa, seguida da procesión.
- 14:30 h. Sesión vermú coa orquestra La Oca Band e o grupo M3 Show.
- 23:00 h. Verbena coa orquestra La Oca Band e o grupo M3 Show.
Luns, 24 de agosto 2026
- 14:30 h. Sesión vermú.
- 23:00 h. Verbena coa orquestra Fuego e o grupo Arizona.
Martes, 25 de agosto 2026
- 14:30 h. Sesión vermú co dúo Belinda e a Disco Truck Hermo.
- 23:00 h. Verbena co dúo Belinda e a Disco Truck Hermo.
Mércores, 26 de agosto 2026: Día do Neno
- Atraccións a prezos populares no Campo da festa.
A orixe da romaría do Naseiro de Viveiro

Segundo conta a historia, a orixe da romaría do Naseiro de Viveiro remóntase ao ano 1933. Daquela, José Barros, veciño de Viveiro e empresario de Chavín, dono dunha nave para a fabricación de compoñentes de automóbiles, impulsou esta iniciativa por primeira vez para enxalzar, non un alimento en particular, senón a comida en xeral.
O Naseiro comezou hai máis de 80 anos como unha concentración de xente á beira dun río, o Landro, onde se colocaban as nasas, pois estes aparellos de pesca eran de uso habitual na zona. Reuníronse para comer e gozar do lugar e hoxe xa é unha das festas máis coñecidas de España.
Entre as árbores do Naseiro, hoxe e por aquel entón, constrúense longas mesas e cabanas ou casetas de todo tipo onde o importante é gozar da boa comida e da xente.
Outro ano máis sen a "Baixada do Landro"
Despois de máis dun cuarto de século de celebración, en 2019 suspendeuse a tradicional "Baixada do Landro" do luns en Naseiro porque as autoridades entendían que esta actividade era "incompatible coa conservación dos valores naturais" da zona.
Por iso, a organización da romaría deixou de celebrar este acto lúdico (un dos máis famosos da festa) no que decenas de romeiros e romeiras saltaban disfrazados á auga dende o eucaliptal de Chavín en todo tipo de aparellos flotantes creados por eles mesmos para chegar á vila da romaría. Un acto de divertimento onde os barcos e os disfraces eran o centro de atención.
Recomendacións para O Naseiro 2026
A comisión de festas fai un traballo inxente na organización do Naseiro 2026, polo que sempre pide a colaboración de todos os romeiros e todas as romeiras.
Dende hai anos o Concello elabora un bando municipal recomendando boas prácticas para a festa, xa que a contorna natural é de vital importancia para a comarca. Así que convén lembralo se queres asistir.
- Prohíbese a realización de cabanas, casetas ou peches das parcelas con plástico negro, ou outros materiais non acordes coa contorna.
- Queda prohibido facer lume preto das árbores e, en todo caso, fóra dos espazos destinados para el.
- Existen aseos preto da contorna da romaría e pídese que se faga un uso adecuado dos mesmos.
- Os residuos deberán depositarse nos colectores instalados para tal fin, respectando a súa recollida selectiva.
- Todos os elementos, obxectos ou pertenzas que os peregrinos utilicen para a celebración da romaría deberán ser desmontados e/ou recollidos ao remate da festa.
- A romaría realízase nun espazo natural protexido incluído na “Rede Natura 2000” e nun medio fluvial, polo que é necesario respectar a contorna e as normas que o protexen e que establezan os órganos competentes.
Se hai unha festa que non podes perder, é esta. Non sabemos se é a mellor, pero é unha das máis curiosas que coñecemos. Por suposto, para saber por que... terás que ir!
Fonte imaxe de cabeceira: Comisión de Festas Naseiro.
