R vén de ser elixida “Mellor empresa tractora” de proxectos innovadores nos Premios TIC Galicia 2019, promovidos polo Clúster TIC Galicia e máis o evento de networking Laconnetwork.

O Director Xeral de R, Alfredo Ramos, recolleu o galardón no Pazo de Congresos e Exposicións da Coruña (Palexco) e agradeceu este recoñecemento ao traballo desenvolvido ata a data polo operador galego -en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia- para lanzar a nova aceleradora dixital de R startups R DiCo Challenge.

Ramos salientou que o obxectivo de R é “xerar emprego, fomentar o emprendemento e a innovación tecnolóxica e aproveitar as iniciativas para mellorar os produtos e servizos do sector dos contidos dixitais en Galicia”.

Cinco retos para cinco ideas

Acaba de pecharse o prazo de presentación de proxectos para algún dos 5 retos que se lanzaron ao fío do programa startups R DiCo Challenge e deseguido comeza a etapa de selección da que sairán vinte ideas que pasarán á fase de preaceleración. Todas elas participarán en marzo nunha xornada de “pitching” ou exposición e defensa que cada aspirante fai da súa iniciativa e rematarase coa elección dos cinco proxectos definitivos para a fase de aceleración.

As candidaturas presentadas ata a data proceden de startups e emprendedores, pequenas e medianas empresas e mesmo algún centro tecnolóxico e universitario. A meirande parte son iniciativas galegas, aínda que tamén hai proxectos doutras partes de España e mesmo de Portugal e, agás excepcións, case todas van aliñadas cos retos lanzados: enriquecemento de contidos deportivos, desenvolvemento de aplicacións para Android TV (gaming), contidos formativos e divulgativos innovadores e solucións de Big Data aplicadas ao consumo televisivo.