Pío Moa Banga (O Carballiño, 1927) é un economista que dende hai sete anos escribe no seu blog, "Reflexiones de un ochental", sobre os temas que coñece e os que están de actualidade, dende a crise económica ata o Brexit, pasando polo conflito entre Colombia e as FARC.
En xente R tivemos a oportunidade de entrevistalo e que nos contase que o levou a crear este blog e como se foi adaptando ás novas tecnoloxías. Non perdas detalle das súas respostas, en cada unha delas hai unha moi boa lección de aprendizaxe .
- Leva dende 2009 escribindo de forma ininterrompida no seu blog "Reflexiones de un ochental". Moitos blogs non superan o ano de vida. Cal é a clave para non perder a ilusión e asomarse á blogosfera periodicamente?Manter a curiosidade sen límites e conservar a esperanza son os segredos que me axudaron a non decaer do empeño de facer algo útil mentres a saúde física e mental mo permitan. Para min, alimentar cun artigo semanal o blog é unha especie de ximnasia mental e un motivo para lles dar saída ás miñas inquietudes intelectuais e sentimentos.
Non sei se as miñas disquisicións lle interesarán a alguén, pero para min son un desafogo e un entretemento xa que a mente, como o corpo, necesita exercicio, e fortalecer ambos os dous é como renovar enerxías.
“Un artigo semanal é unha ximnasia mental e un motivo para lles dar saída ás miñas inquietudes intelectuais e sentimentos.”
- Como xurdiu a idea de crear ese espazo virtual no que reflexionar sobre os temas de actualidade?
Unha vez xubilado enchín moitas horas, que para outros son de lecer, coa lectura e a escritura, dúas afeccións que practiquei sempre. En anos pasados colaborei con Faro de Vigo e cando souben que era posible lles dar saída nun blog aos meus pensamentos, contei coa inestimable axuda dun amigo moito máis novo que eu e experto informático. Eu envíolle por correo os artigos e el encárgase de subilos ao blog. Marcos, que así se chama, e eu somos responsables de alimentar periodicamente a bitácora. Teño un acusado sentido da xustiza e o medio elixido permíteme expresar o meu desgusto cando é conculcada no diario vivir.
- A economía, ciencia e sociedade son os temas principais sobre os que escribe no blog. Vivimos momentos moi convulsos no político e económico polo que non sei se considera que as novas tecnoloxías nos permiten canalizar dun modo máis libre e aberto a nosa opinión, crítica ou malestar con determinadas situacións.
O que coñecemos como novas tecnoloxías -eu prefiro chamalas ‘técnicas’, xa que tecnoloxías serían estudos das técnicas- aumentan e amplifican a información e a liberdade de expresión. A través das redes sociais é posible que calquera cidadán poida expoñer a súa opinión e facela chegar aos gobernantes, o que debe entenderse como unha forma de participación democrática na política, á vez que dar ocasión de compartir con outras persoas un contraste de ideas. Internet veu a revolucionar a comunicación. Ocorre que as TIC son un poderoso instrumento e, como tal, susceptible de múltiples empregos, o cal implica que a través deles pódense cometer abusos, por exemplo, difamar aproveitando o anonimato. En mentes pouco maduras poden ser obxecto de adicción. Característica común de todos os instrumentos é o risco do seu dobre uso. Un coitelo serve para partir o pan e tamén e tamén pode utilizarse como arma dun homicidio.
- A súa dilatada experiencia vital e os seus coñecementos como antigo profesor de Mercantil na Escola de Comercio de Vigo, sen dúbida ofrecen unha visión máis sisuda dos temas que trata. É complicado en ocasións non deixarse levar polo ruído ou o cabreo que xeran determinados temas?Os meus escritos adoitan tratar asuntos de ciencia, economía e sociedade, pero non exclusivamente. Teño outras reflexións sobre diferentes temas como a vellez a morte, a relixión ou o sentido da vida. Que permanecen inéditos. Fago meu o pensamento de Terencio; “son home e como tal nada humano éme alleo”. A miña experiencia é dilatada pero non procede da miña condición de profesor de Dereito Mercantil, que nunca exercín. A vida é unha fonte inesgotable de vivencias que, tras ser depuradas poden dar lugar á sabedoría. Aínda que non é o meu caso, impresionoume a declaración de empresario e filántropo galaico-portugués Manuel Cordo Boullosa: “Todo o que sei ensinoumo a vida que é a mellor universidade e ademais é gratis”. A idade favorece a tolerancia, o equilibrio e a comprensión das debilidades humanas e iso evita precipitarse nos xuízos e distinguir o importante do que non o é. Procuro seguir o consello de Séneca: “envellecer sen agrearse, como os bos viños”.
“A idade favorece a tolerancia e evita a precipitación nos xuízos, distinguindo o importante do que non o é”.
- Comentaba nunha ocasión que o progreso tecnolóxico non vai acompañado dun progreso moral. A que se refería exactamente?
Que é así, resulta evidente. O caso máis patente é a fazaña científica que supuxo a fisión controlada do átomo que serviu para arrasar as cidades de Hiroshima e Nagasaki. E se queremos un testemuño máis recente pensemos no avance que representou internet e como se usa para o ciberacoso. Os exemplos serían interminables. Se non existise o desfasamento entre progreso e moral non se dedicarían tan cuantiosos investimentos á fabricación de armas cada vez máis mortíferas e tan poucas para preservar a paz e a xustiza en que debe ampararse. A tal extremo chegamos que somos capaces de borrar a vida humana do planeta. Seguimos tendo os mesmos defectos que nosos máis remotos antecesores. Reflexionar sobre esta cuestión levaríanos ao eterno problema da coexistencia do ben e do mal.
- Consulta habitualmente outros blogs ou ten algún blogueiro favorito?Leo algúns pero non todos os que quixese, por falta de tempo. Non teño preferencia por ningún, aínda que selecciono os que tratan temas do meu interese.
- A un pequeno paso dos 90 anos, pensou en cambiar o nome do seu bicátora a "Reflexiones de un novental" chegado o momento?A verdade é que non pensei cambiar o título do blog porque, á miña idade, só poden facerse plans a moi curto prazo posto que o horizonte achícase. A Parca non fai excepcións pero aos mozos con moitos anos tennos máis a man e non nos perde de vista. Cando estea a piques de colmar o díxito 8 tal vez o substitúa polo seguinte. A palabra ‘ochental’ lina por primeira vez nun libro de Pedro Laín Entralgo e pareceume que era máis eufónica que os sinónimos ochentón, ochentañal, ochentenario ou octoxenario En todo caso, o nome preocúpame menos que a perda de capacidade para seguir fornecendo contido á bitácora, un perigo que sempre axexa a quen ten sobre as súas costas o peso de oitenta e nove invernos.
- Moitos pensan que as novas tecnoloxías son algo propio dos mozos, pero a realidade está a demostrar que a xente maior adáptase perfectamente ás redes sociais, ao uso da internet ou de whatsapp. Cal é a súa opinión?É innegable que os mozos se adaptan mellor ás novas tecnoloxías que os maiores e non creo que estes se convertan en hackers. Dito isto, se os maiores se senten integrados no seu tempo, non poden ser alleos ás innovacións que se crean constantemente e que nos afectan a todos, con máis ou menos esforzo, a adaptación ao progreso é posible e desexable. Isto é o que me gusta aplicar no meu caso, con máis ganas que sorte.
“Compartir coñecementos, especialmente cos mozos, sobrados de entusiasmo e carentes de experiencia, evitaría a estes a cometer erros e aos maiores faríaos sentirse útiles”
- Ademais, a idade máis que un lastre moitas veces é unha mostra de sabedoría e experiencia. No seu caso vemos que é unha persoa moi inquieta, porque non só fundou a “Asociación de Amigos do Sahara” senón que colabora co Voluntariado Senior de Asesoramento Empresarial, SECOT. Con que outros proxectos está involucrado?
A idade avanzada ten as súas servidumes pero tamén as súas vantaxes porque se acumulan experiencias que enriquecen a personalidade e aumentan o saber. Como di o aforismo, “máis sabe o diaño por vello que por diaño”. O tesouro de coñecementos acumulado ao longo dos anos non debería esterilizarse e morrer co seu posuidor.
Compartilos, especialmente cos mozos, sobrados de entusiasmo e carentes de experiencia, evitaría a estes a cometer erros, e aos maiores faríaos sentirse útiles. Esta idea é a que guía a miña pertenza a SECOT, unha asociación sen ánimo de lucro que ten por obxecto o asesoramento de emprendedores para que os seus negocios sexan legais, viables e rendibles. Para completar a resposta direi que participei na fundación da ONG “Amigos do Sahara” e colaboro con outras máis.
Ata a próxima!