Hoxe temos a oportunidade de entrevistar a Nico Casal (Santiago, 1985) pianista e compositor galego que a pesares da súa xuventude xa ten unha ampla carreira profesional.
Dende 2004 as súas composicións forman parte de anuncios, curtametraxes e festivais de cines, entre outras cousas. Unha das súas últimas composicións aparece na curta Stutterer dirixida por Benjamin Cleary e que na última edición dos Óscar levou o premio á mellor curtametraxe. Aí é nada!
Poucas veces temos ocasión de falar cun galego con tanto talento e que tivo a ocasión de vivir tan directamente a cerimonia dos Oscar, así que lle preguntamos por estas e outras cuestións.
- Cando comezou a túa historia coa música e co piano en particular? Cando te deches conta de que o teu era compoñer?A miña historia coa música empezou cando tiña uns 5 anos. Non me lembro, pero meus pais din que pasaba horas tocando un tecladiño pequeno que tiña no cuarto. Ademais, cando estabamos todos xuntos vendo a televisión, xogaba a ir correndo do salón ao meu cuarto a intentar sacar as melodías que se oían nos anuncios ou nas películas. Con oito anos, a idade mínima para matricularme, decidiron probar a meterme no conservatorio. O da composición a verdade é que veu sen querer. Dende sempre me gustou improvisar, pero estaba moi centrado no piano como intérprete. No 2004, Jairo Iglesias, rapaz co que tocaba nun grupo de música no colexio cando eramos pequenos, fixo a súa primeira curta e pediume que fixera a banda sonora, e grazas a que insistiu bastante, probei. Durante anos compaxinei os estudos de piano no conservatorio con curtametraxes de amigos e, pouco a pouco, deime conta de que o que de verdade me gustaba era a composición para cine. Cando rematei o Superior de piano en Vigo no 2009, cambiei un pouco de rumbo e centreime no cine.
"O piano é o instrumento co que mellor me expreso, co que empezo a compoñer"
- Levas unha tempada en Londres, cales foron os motivos que te levaron a emigrar?Levo case 4 anos e medio e aínda que houbo épocas boas e malas, agora estou moi contento. O motivo principal foi a formación. Mudeime aquí para facer un Master de Musica para Cine porque despois de moitos anos traballando pola miña conta e por intuición, necesitaba formarme ben. Por outro lado, a verdade é que a parte persoal tamén tivo moito peso. Tiña 26 anos, unha vida máis ou menos cómoda en Vigo, pero quería ter a experiencia de empezar de cero noutro país, con outra lingua, cultura… e sabía que se non o intentaba, despois me arrepentiría. Así que despois de dous anos intentando pedir becas para irme aos Estados Unidos sen moito éxito, deixei todo e apostei por Londres, cos meus aforros e coa idea de traballar ao mesmo tempo que facía o Master. Non foi fácil pero aprendín e madurei moito.
- Tes unha ampla experiencia en composicións musicais para spots, festivais de cine, entre outros, como definirías o teu estilo, que é o que o caracteriza?A verdade é que non sabería ben definir o meu estilo. O que si está claro é que o piano é o instrumento co que mellor me expreso e co que empezo sempre a compoñer. Moitas das miñas bandas sonoras ata agora teñen o piano como instrumento principal. Aínda así, intento sempre ser o máis versátil posible e ser capaz de compoñer en calquera estilo.
"Escoitar o nome da túa curta nos Oscar, é indescritible. Foi como unha película"
- Cal é a túa composición favorita ata o momento?Outra pregunta interesante á que non sei moi ben qué contestar. É difícil escoller unha. Cada traballo é distinto e en xeral estou contento do resultado de moitas, aínda que despois duns meses ou anos, se as volvo escoitar, xa non me gustan tanto e vexo todos os erros e cousas que melloraría. Aínda así, agora mesmo, creo que a banda sonora de Stutterer sería unha das miñas preferidas por todo o que pasou dende esa partida de pimpón en Londres na que coñecín ao director, ata a experiencia de estar na cerimonia dos Oscar. Aínda é difícil de crer.
- Stutterer, un dos teus últimos traballos, conseguiu un Óscar á mellor curta na pasada edición dos premios. Como viviches esa experiencia?Pois aínda estou asimilando todo. Foi unha curtametraxe feita entre amigos, con moi pouco presuposto, coa idea de pasalo ben, aprender e facelo o mellor posible. Nunca imaxinaríamos chegar onde chegamos, foi incrible. Estar dentro da cerimonia,p or exemplo, algo que levo vendo por televisión toda a vida e sempre pareceu inalcanzable, foi unha experiencia impresionante. E xa para colmo, escoitar o nome da túa curta e ver subir aos teus catro amigos ao escenario a recoller un Oscar, é indescritible. Foi como unha película, nunca mellor dito.
A verdade é que era a de Morricone. Creo que era o seu ano. Merecía ese recoñecemento, por fin, á toda a súa carreira e todo o que influíu na historia da música de cine.
- Cres que a partir de agora, despois de gañar un Óscar, cambiará a túa traxectoria laboral?Espero que isto sexa un punto de inflexión e me axude a conseguir máis e mellores proxectos cada vez, para seguir desfrutando disto e dedicándome á miña paixón.
"Foron semanas moi intensas e tiña que escaparme uns días a Santiago e compartir todo isto cos meus"
- Agora imos rexoubar . Pódesnos contar con que puideches falar na gala dos Óscar? Quen che sorprendeu para ben ou para mal? Algunha anécdota máis que nos poidas contar?Foron moitas! Tiven a oportunidade de falar un pouco por exemplo con Matt Damon, Colin Farrell, Eddi Redmayne… todos moi simpáticos. Saudei a Julianne Moore, estiven a un metro de Spielberg un bo cacho… Lady Gaga pasando tamén ao lado… vamos, todo moi surrealista. Aínda así, creo que o que máis ilusión me fixo foi falar un bo rato con Thomas Newman, un dos compositores noemeados este ano, que é dos meus preferidos. Ter esa oportunidade foi toda unha marabilla.
- Cando te volveremos ver paseando por Compostela? Que é o que máis botas de menos de Galicia, ademais da familia?Boto de menos o mar, a boa comida, a tranquilidade, a natureza, pasear pola zona vella de Santiago… moitas cousas. Xusto acabo de estar uns días en Santiago, pero tiven que volver a Londres a seguir traballando e intentar volver á miña vida normal. Despois de estas semanas tan intensas sentía que tiña que escaparme uns días e compartir todo isto cos meus pais, co meu irmán Xabi, cos meus avós, e os meus amigos de toda a vida.