Ana María Vitoria Moreno Márquez (Valencia de Alcántara, Cáceres, 1939 – Pontevedra 2005) é a escritora homenaxeada no Día das Letras Galegas 2018.
Trátase da cuarta muller, despois de Rosalía de Castro, Francisca Herrera Garrido e María Mariño, que recibe este recoñecemento por parte da Real Academia da Lingua Galega.
Historia de amor con Galicia
A súa relación con Galicia e o galego comezou no ano 1963, cando chegou a Pontevedra co seu primeiro marido, José Luís Llácer, por motivos de traballo. Posteriormente, trasladouse a Lugo para impartir clases de Lingua e Literatura española no Instituto Masculino, máis tarde a Sanxenxo e, de novo, á cidade do Lérez.
A propia escritora definiu esta relación como unha historia de amor, e así o declarou no Congreso de Poetas Alófonos en Lingua Galega no ano 1993.