O comité avaliador do programa startups R DiCo Challenge (dous representantes de R e dous da AMTEGA con asesoramento da CRTVG, que ‘mentorizará’ un dos retos) vén de seleccionar os cinco proxectos gañadores de entre as 20 propostas que concorreron ao “Pitch Day” o pasado día 7 en Santiago de Compostela, para expoñer as súas iniciativas. As devanditas propostas, que se desenvolverán dentro do programa da aceleradora dixital de R, son as seguintes:

  • En resposta ao reto 1, enriquecemento de retransmisións de eventos deportivos, o proxecto elixido foi Futboleando.Gol, de M International. O piloto, ‘mentorizado’ por Diego Rodríguez Devesa, responsable de contidos televisivos de R, propón un servizo de retransmisión automatizada en diferido de partidos de fútbol base, integrado coa plataforma de distribución de contidos de R e do grupo Euskaltel.
  • Na contorna do reto 2, aplicacións para Android TV, foi seleccionado o proxecto Brain Games TV, promovido por Cuicui Studios e ‘mentorizado’ por Antonio Ratón, responsable de Televisión na área de Innovación de R e do grupo Euskaltel. A proposta é desenvolver unha aplicación de Android TV de xogos de Brain Training adaptados ao formato televisivo, integrada na plataforma de R.
  • Para o reto 3, contidos formativos e divulgativos innovadores, escolleuse o proxecto de Adivina Producciones, FVR- Fila de Realidade Virtual. ‘Mentorizado’ por Leticia Sánchez, directora de Televisión do grupo Euskaltel, FVR contempla o desenvolvemento dun servizo viable de retransmisión en diferido de contidos culturais, especificamente teatrais, integrado na plataforma de contidos de R e baseado en tecnoloxías de realidade virtual en 180ª.
  • No reto 4, Big Data aplicado ao consumo televisivo, o comité avaliador decidiuse pola proposta de Mario Pérez, Visualización Big Data, que ‘mentoriza’ Esther Medina, Xefa do servizo de Innovación na contorna dixital da CRTVG. O proxecto consiste na posta en marcha dun sistema de recolección e análise masiva de datos orientado á mellora da programación televisiva.
  • Finalmente, no apartado de reto aberto escolleuse o proxecto ALiCE, (www.alicebiometrics.com), promovido polo centro tecnolóxico Gradiant e ‘mentorizado’ por José Cadavid, responsable de Plataforma e Big Data do grupo Euskaltel. Desta volta a idea é desenvolver un piloto dun sistema de retención/fidelización (onboarding) de novos clientes utilizando tecnoloxías de recoñecemento facial que eviten a suplantación de identidade (anti-spoofing) para confirmar automaticamente a identificación dos usuarios.

Defensa e demostración: do “Pitch Day” ao “Demo Day”

Os cinco proxectos seleccionados competiron o pasado 7 de marzo nunha xornada de “pitching” na Cidade da Cultura de Santiago, xunto con outras quince propostas orientadas a algún dos cinco retos tecnolóxicos da aceleradora para o programa deste ano. Tratábase de convencer, nuns cinco minutos, da utilidade e viabilidade das iniciativas, e de explicar de que maneira as levarían á práctica cun plan de negocio.

Unha vez coñecida a identidade dos cinco proxectos que pasan á fase de aceleración, comeza este último treito do programa startups R DiCo Challenge 2018-19. Os elixidos terán á súa disposición cadanseu mentor e poderán optar á axuda económica da AMTEGA para afrontar os gastos cotiáns durante o desenvolvemento das propostas. Tamén poderán utilizar en todo momento o espazo startups R habilitado no Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura con este fin, traballarán man a man con R, terán acceso á súa infraestrutura e modelo de negocio e beneficiaranse do uso das instalacións e a visibilidade derivada de camiñar a carón do operador galego durante este tempo. Ademais, R converterase para eles nun potencial primeiro cliente e nun trampolín orientado a outras saídas comerciais ao mercado. Quen desenvolvan o reto patrocinado pola CRTVG contarán, pola súa banda, cun mentor da entidade e cos seus medios e infraestruturas.

Esta primeira edición de startups R DiCo Challenge pecharase cunha xornada “Demo Day” a finais do verán, onde os cinco participantes mostrarán os avances acadados. Finalmente abrirase, para os proxectos, un período de saída progresiva da aceleradora.

R, capacidade tractora de innovación

O esforzo do operador galego para atraer talento e innovación tivo a súa gratificación pública o mes pasado nos Premios TIC Galicia -impulsados polo Cluster TIC e máis o encontro de networking “Laconnetwork”- onde R recibiu o galardón á ‘Mellor empresa tractora’ de proxectos innovadores; un recoñecemento ao programa da aceleradora especializada en contidos dixitais de R en si mesmo e ao camiño percorrido ata a data con startups R DiCo Challenge.

sobre startups R DiCo Challenge

A AMTEGA colabora con R no desenvolvemento do programa startups R Dico Challenge co que o operador galego se converte en aceleradora de contidos dixitais. A idea é rendibilizar a medio prazo as solucións que xurdan e axudalas a atopar unha saída áxil e eficaz no mercado, mesmo con R como primeiro cliente.

Xunto con este, os obxectivos esenciais son a xeración de emprego, o fomento do emprendemento e o empurre á innovación tecnolóxica a través do apoio a emprendedores e empresas novas ou consolidadas, relacionadas co ámbito dos contidos dixitais, de dentro ou de fóra da comunidade e do Estado, se é o caso. O programa startups R_DiCo Challenge enmárcase no plan de acción para o impulso aos contidos dixitais en Galicia (DICo Mindset), que ten entre os seus obxectivos establecer colaboracións entre empresas para abordar retos tecnolóxicos e definir novos contidos audiovisuais que poidan rendibilizarse noutros mercados, ademais de lograr a visibilidade necesaria para o sector.