O concello pontevedrés de Valga vén de unirse á listaxe de máis de 140 municipios con conexión directa ás redes de nova xeración de R, ao incorporarse recentemente 117 fogares e negocios dos núcleos de Desabanda e do Coto á infraestrutura do operador galego.
Despregadura de rede
Cando rematen en Valga os traballos do Plan Avanza, o concello pontevedrés contará con 272 inmobles -tamén dos núcleos de Campo e Medela- conectados á nova rede de fibra óptica de R, a máis avanzada e rápida do mercado, por vez primeira despregada neste concello de Pontevedra.
Todos eles poden gozar xa dos servizos de telecomunicacións máis innovadores e de posibles accesos de ata 10 xigas, wifi 6 e tele con deco Android 4K sen ningún custo adicional.
R pechou, así, unha primeira fase dos traballos de despregadura de rede neste concello da comarca de Caldas, aproveitando ao máximo as infraestruturas municipais dos mencionados núcleos.
A provincia de Pontevedra segue sumando fibra FTTH de R
O concello de Valga está situado na marxe esquerda do río Ulla. A súa parte norte ocúpaa precisamente o val deste río, no que desembocan o Louro e o Valga. Cara ao sur hai dúas montañas: Monte Xiabre e Monte Xesteiras.
O Miradoiro do Monte Beiro está considerado o 'balcón de Valga'. Ofrece magníficas vistas panorámicas do val e conta cun muíño de vento, hoxe restaurado, que data de principios do século XIX.
Un itinerario á beira do río Valga permítenos gozar da Capela dos Mártores, bosques, muíños e das Fervenzas de Parafita e Raxoi.
Ademais, en Valga atópase a lagoa máis grande da provincia de Pontevedra, Mina Mercedes, testemuña do rico pasado da zona en xacementos de arxila.
Iglesias, roteiros e mesmo un popular Belén Artesanal en Movemento, declarado de Interese Turístico, son outros puntos de interese dun concello que hoxe estrea novos inmobles e negocios conectados á rede de fibra óptica FTTH de R.
10 millóns de investimento e fondos europeos
Este e outros desenvolvementos de rede na provincia de Pontevedra forman parte dun dos tres proxectos do Plan PEBA-Avanza do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital dos que R resultou adxudicataria en 2018 para despregar a tecnoloxía FTTH en 512 núcleos de Galicia que non dispoñían de alta velocidade ata o momento (“zonas brancas”).
No desenvolvemento dos tres plans terase investido un total de 10M€, dos cales preto de 8M€ son subvencionados polos fondos FEDER da Unión Europea. En concreto, as despregaduras de Valga enmárcanse no proxecto destinado á extensión de redes de nova xeración en 154 núcleos de municipios do noroeste de Galicia (A Coruña, Norte de Pontevedra e Oeste de Lugo). Os traballos nestas zonas suporán un investimento total de 2,6M€.
A día de hoxe, só no marco do Plan Avanza, R chegou por primeira vez coas súas redes de nova xeración a núcleos de poboación das catro provincias galegas que nunca dispuxeran de alta velocidade nos concellos do Rosal, Monterroso, Palas de Rei, Boqueixón, Porto do Son, Curtis, Cuntis, Meaño, Mos, Pobra de Trives, Petín, Barreiros, Lourenzá, Ortigueira, Cariño, Camariñas, Muros, Cerceda, Antas de Ulla, Moraña, Guitiriz, Tomiño, Abegondo, Ribadumia, Combarro, Muxía, Valga, Vilaboa e Ponte Caldelas.
A rede máis rápida do mercado para os/as clientes/as de R
Os/as clientes/as de R dos núcleos de Valga conectados xa poden gozar dos servizos máis innovadores que lles ofrece a nova rede de fibra do operador galego, coa posibilidade de accesos de ata 10 xigas, wifi 6 e tele con deco Android 4K sen ningún custo adicional. Estas vantaxes vanse traducir, entre outras cousas, nunha cobertura óptima dos servizos de R nos fogares e nunha maior capacidade de navegación con varios dispositivos á vez.
A nova rede de R, a máis rápida de España segundo o prestixioso estudo da empresa francesa nPerf, utiliza a tecnoloxía FTTH, que accede directamente aos fogares e permite velocidades simétricas (iguais de suba e de baixada) en toda a súa extensión. É a última tecnoloxía baseada no estándar XGS-PON, preparada para o futuro, idónea para simultanear tarefas de teletraballo, teleformación, videochamadas, streaming, gaming… etc. Un sistema que permite habilitar eses accesos de ata 10 xigas, o que supón 4 veces máis capacidade de descarga que a tecnoloxía actual e ata 8 veces máis capacidade de subida.
Cambio de equipos gratuíto e 5G
A medida que se vai despregando a nova rede, os/as clientes/as de R son avisados/as e informados/as dos pasos que deben seguir para cambiar os seus equipos por outros de nova xeración, máis avanzados, de forma totalmente gratuíta. E as novas altas de R xa están a contratar na súa maioría sobre a nova rede de fibra óptica.
Cando ao longo de 2022 se completen os traballos de despregadura da tecnoloxía 5G e da nova rede de fibra FTTH, os novos equipos quedarán instalados en todos os inmobles e Galicia converterase nunha das rexións máis avanzadas de Europa en tecnoloxía, preparada para o uso e desenvolvemento de todos os servizos da chamada quinta xeración.
Esta tecnoloxía avanzada 5G apóiase na rede de fibra óptica, supón máis velocidade (10 veces máis que o 4G), maior capacidade e a posibilidade de xestionar unha cantidade inxente de datos, establecendo comunicacións ultrarrápidas sen apenas latencia.
Con esta infraestrutura de última xeración que R desprega dende a primavera de 2021, Galicia poderá competir en calquera lugar do mundo ao máximo nivel, ofrecendo a fogares e negocios galegos os servizos de telecomunicacións máis avanzados do territorio.
Imaxe de Concello de Valga: edificio do Concello de Valga.