En R queremos que febreiro sexa o mes da risa, máis aló da celebración do Entroido. Non perdas de vista o noso blog e redes sociais porque te faremos rir a gargalladas. Gañarás en saúde e pasarás un bo intre, garantido.
Emojis
Rimos de moitas maneiras, con risa contaxiosa, nerviosa, ruidosa, parva, maligna, coqueta... e escribímolo tamén doutras tantas, os do jijiji, os do jajajaja, os do juas juas juas... pero agora que parece que cobran por letras o que levan son os emojis. E o da risa con bágoas converteuse no máis usado no mundo, como certifica o Consorcio Unicode, a máxima autoridade na materia.
LOL
No medio deste vórtice de emoticonos e linguaxe whatsappero apareceu nas nosas vidas a expresión LOL (Laugh out loud), vaia, o rirse a gargalladas de sempre. E aquí queremos recuperar o anuncio de Campofrío “La tienda LOL, donde se compra el humor”, porque este post vai diso, de que vos riades un bo cacho. Xa se converteu nun clásico que conta con directores como Sánchez Arévalo que asina este anuncio de 2018:
Humor local
Nós tamén podemos presumir de humor local e con moita retranca. Mucha e Nucha, ou o que é o mesmo As Cantareiras de Ardebullo, con Xosé A. Touriñán e Marcos Pereiro; ou Os Tonechos, o dúo cómico formado por Roberto Vilar e Víctor Fábregas, convertéronse nun básico do humor en TVG dende a xanela de “Luar” e cos seus programas propios como “Land Rober”. A lista engrósana clásicos como Manquiña, Carlos Blanco, Luís Zahera, Rober Bodegas, Perdomo, David Amor ou Quico Cadaval, entre outros. Cal é o teu gag favorito?
Pero como non é o mesmo ver os cómicos na televisión que en directo, o humor deu o salto aos teatros. Os monólogos convertéronse pronto nos espectáculos máis vistos sobre os escenarios.
Risa saudable
A risa ten máis transcendencia do que pensamos. Se atendemos aos datos do “Primer estudio de opinión sobre la importancia de la risa para los españoles”, o 73% considéraa o motor da súa vida. Este informe realizado polo Observatorio da Risa, plataforma impulsada por La Vaca que Ríe xunto á Fundación Theodora, revela outro dato curioso. Queres saber con quen quedariamos para botar unhas risas? Os elixidos foron Dani Rovira, Will Smith e David Broncano.
Sobre os beneficios da risa escribíronse páxinas e páxinas. Co que tes que quedar é que axuda a liberar substancias como a dopamina, a serotonina, a adrenalina e as endorfinas, as hormonas da felicidade. Non en balde, a risa úsase como técnica para mellorar o noso estado anímico e mental na risoterapia.
E é que a risa lle sentará máis que ben á túa saúde: alivia a dor, reduce a tensión, mellora a memoria, alonga a vida, reforza as túas defensas, axuda á dixestión e a conseguir que luzas tableta nos teus abdominais.
O noso consello: Non tomes a vida tan en serio e ri máis de ti mesmo!
E ti, xa riches hoxe? Cóntanos que che fai chorar de risa.