Esther Gómez abriu as portas da librería Moito Conto na Coruña hai oito anos. Polos seus corredores pasaron miles de lectores, que dan para escribir outras tantas anécdotas. Porque as librerías son moito máis ca libros colocados en andeis esperando a súa quenda para que alguén os leve á casa, as librerías son “puntos de encontro que potencian a lectura actuando como espazo de mediación. Son lugares de tranquilidade para aparcar as présas diarias”. Así nolo conta Esther nesta entrevista, na que falamos sobre o oficio de libreiro, a parte humana e máis próxima das librerías e tamén algunhas recomendacións para ler este Día das Librerías.
Pasen e lean.
Como definirías o oficio de libreiro?Para min ser libreira é un oficio que esixe dedicación, formación continua, unha boa dose de paixón e ser alguén con amor polos libros; lectora para gozar cun libro na man e un pouco psicóloga para recomendalo aos demais.
E como é? Cal é o traballo por dentro que non se ve?É un oficio sen monotonía no que hai moitas partes que non ven: longas horas de xestión administrativa, de almacén, redes sociais, eventos etc. A xente a miúdo pensa que os libros chegan e colócanse sós, incluso as persoas moi habituais da librería a miúdo fannos comentarios que nos confirman o descoñecemento sobre o noso mundo.
Facer un traballo profesional nunha librería non é despachar libros, é seleccionar, organizar o espazo, recomendar, devolver o que non se moveu nun tempo, xestionar pedidos de clientes e reposicións diarias para tenda, atender comerciais, seleccionar as novidades que sairán nas seguintes semanas ou meses e, sobre todo, estar ao día do noso sector. O tempo para ler deixámolo para as nosas casas.
Por que ir ás librerías?En Moito Conto tentamos que a xente se sinta cómoda e se establezan redes entre persoas con gustos similares. As librerías son puntos de encontro que potencian a lectura actuando como espazo de mediación. Son lugares de tranquilidade para aparcar as présas diarias. A xente dinos que é como estar nun oasis, pasear e atopar ese libro que che acompañe é unha actividade positiva e na que relacionarse con persoas e sen algoritmos dominantes.
Como axudan as feiras, presentacións e outros eventos para dar visibilidade ás librerías?A visibilidade é importante e os eventos fannos ser espazo acolledor de encontros que atraen a novos lectores. A miúdo axúdannos a fidelizar xente, pero é obvio que non todo vale. Os eventos son un traballo extra que facemos para ampliar o papel cultural da librería, son complicidades con autores que admiramos e editoriais cuxo traballo respectamos. Tentamos chegar a distintos públicos con eles, pero, en ningún caso, tentamos ser un local de organización de eventos.
Como foron evolucionando os gustos dos lectores?Os lectores son cada vez máis esixentes e están máis informados, moi ao día a través das redes sociais. Gozamos dunha gran diversidade de lectores que nos descobren autores e títulos e tamén aceptan as nosas suxestións. Os lectores son o mellor da librería. Nada tería razón de ser sen lectores que evolucionan e que nos obrigan a non perder ritmo, a estar ao día e a mellorar os nosos procesos de traballo para unha mellor atención.
Supoño que tedes moitos clientes que son case como da familia, que vos piden recomendación e tentades adaptarvos segundo os seus gustos.Así é, si, é un motor da nosa actividade toda esa xente que son amigos da librería, que se alegran dos nosos éxitos e contribúen a que todo vaia ben. Esa parte humana, a súa demostración de fidelidade e o seu agarimo xeran mil anécdotas ao longo do ano, bonitas e emotivas: preparar agasallos sorpresa ou atender a unha madriña dun cliente adulto que se percorre toda a cidade e nos di que vive á beira dun coñecido centro comercial pero que ela sabe que nós somos as libreiras do seu afillado, as que coñecemos os seus gustos e das que el sempre fala; así que ela confía en que acertaremos.
Os clientes habituais, os que repiten e envían a outros, os fieis dos eventos, os que viven fóra e en canto pisan a cidade aparecen, todos eles e elas son o noso soporte, tentamos adaptarnos aos seus gustos e necesidades e dedicarlles tempo e atención persoal.
Adóitase escoitar moito que os mozos non len. Cal é a túa opinión?A miña opinión é que os mozos len como os adultos: os que len, len moito, pero hai moitos que non len nada. En xeral a sociedade española non ten grandes índices de lectura e paréceme simplista dicir que os mozos non len. Esta frase escoiteina a máis dunha persoa que non leu un libro nos últimos dez ou quince anos. Talvez, como sociedade, deberiamos analizar mellor os motivos desa falta de lectura. Concretamente nestes últimos anos postpandémicos, o índice de mozos lectores non deixou de subir: a literatura xuvenil vive un gran momento.
Nunha época con tantas novidades editoriais, como o xestionades para non perdervos e volvervos tolos?É parte do oficio, buscamos o equilibrio entre os autores e as editoriais que nos gustan, o coñecemento do que pode interesar ao noso público e o que nós estamos moi interesadas en poñer nas nosas mesas de novidades. Somos un proxecto de librería independente, non nos sentimos condicionadas por grandes campañas de márketing, un pouco tolas si que nos volvemos co gran volume de oferta editorial, pero como non podemos nin queremos ter todo o que se publica, vivimos nesa constante procura de equilibrio.
Fóra das novidades editoriais, que libros recomendarías ou cales son os teus favoritos?Hai moitos libros que imos descubrindo e nos gusta compartir. E tamén hai moitas novidades de gran calidade que pasan desapercibidas. Non todas as novidades están en grandes grupos editoriais que poden facer campañas promocionais de cada título.
Entre as que lin este ano deixo dúas recomendacións:
- Para amantes da literatura e a natureza: El evangelio de las anguilas - Patrik Svensson - Libros del Asteroide.
- Para amantes dun bo intre de literatura e humor: Peluquería y letras - Juan Pablo Villalobos- Editorial Anagrama.
Moitas grazas, Esther Gómez, por esta conversación tan interesante.
Estamos a desexar ler as túas suxestións.
Feliz Día das Librerías!!