Vivimos rodeados/as de tecnoloxía e moitas veces temos a sensación de que todos os días hai novidades que nos estamos perdendo. Para entender un pouquiño mellor que supuxo a irrupción do tecnolóxico nas nosas vidas e saber máis sobre a súa historia, principais tendencias e grandes innovadores/as, preparamos unha pequena recompilación de libros sobre tecnoloxía.

Vida 3.0, de Max Tegmark

O cosmólogo sueco Max Tegmark diferencia tres tipos de "vida": a vida 1.0, con bacterias ou organismos que non desenvolven cultura; a vida 2.0, con seres capaces de aprender e adoptar códigos culturais, como os humanos; e a vida 3.0, que é a vida tecnolóxica. E como será esta era 3.0 na que a Intelixencia Artificial lle afecta ao traballo, á xustiza e ao sentido da vida?

Homo Deus: Breve historia del mañana, de Yuval Noah Harari

Cal é o futuro da Humanidade? E se Google, Facebook ou a Intelixencia Artificial saben máis das nosas vidas que nós mesmos? Yuval Noah Harari explora os proxectos e os retos que se agochan tras a revolución tecnolóxica e reflexiona sobre o devir da evolución humana.

Un ascensor al espacio, de Kelly e Zach Weinersmith

Microrobots, impresoras 3D, arte con realidade aumentada... Un repaso rigoroso e ameno dos científicos e divulgadores Kelly e Zach Weinersmith sobre as innovacións que marcarán o futuro.

De la Tierra al espacio, de David Iranzo

Queres saber como funciona a tecnoloxía que nos axuda dende o exterior? Descubre máis sobre satélites ou lanzadeiras que nos axudan a realizar actividades tan cotiás como predicir o tempo ou procurar un espazo.

Los innovadores, de Walter Isaacson

O libro de Walter Isaacson é unha fascinante guía sobre a revolución dixital e as persoas que inventaron o computador e internet. Entre eles, Ada Lovelace, unha pioneira da programación informática a mediados do século XIX; Steve Jobs, o fundador de Apple; ou Tim Berners-Lee, o pai da World Wide Web.

Alan Turing: El hombre que sabía demasiado, de David Leavitt

Alan Turing foi capaz de descifrar os códigos nazis coa súa máquina “Enigma”. Os seus pioneiros métodos de criptoanálise supuxeron unha auténtica revolución tecnolóxica e sentaron as bases da computación moderna.

La cuarta revolución industrial, de Klaus Schwab

Que é a cuarta revolución industrial? Klaus Schwab, fundador do Foro Económico Mundial, describe as principais características e oportunidades da nova revolución tecnolóxica na que estamos inmersos.

Software libre para una sociedad libre, de Richard Stallman

Richard Stallman, fundador da Fundación do Software Libre, recompila artigos e conferencias nos que se analiza a similitude entre códigos informáticos e sociais. Un repaso detallado á historia e evolución do software libre.

Las bases de Big Data y de la Inteligencia Artificial, de Rafael Caballero e Enrique Martín

Nun mundo repleto de datos, este libro dános as claves para coñecer como se procesan, analizan e xestionan ata plasmarse en diferentes aplicacións baseadas en solucións de Big Data e Intelixencia Artificial.

Cuántica, de José Ignacio Latorre

José Ignacio Latorre relata como unha ciencia "do pequeno" está a transformar o mundo a base de tecnoloxías láser, resonancias ou chips. Pero, aínda que nos permita cumprir soños que parecían imposibles, estamos preparados para unha era cuántica?

Queres saber máis sobre tecnoloxía? Bota un ollo a algún destes libros e descubre cal é a súa historia, como a estamos vivindo día a día e que nos pode deparar no futuro.