Cristina Moreira (Ferrol, 1982) é actriz, monologuista e directora do Festival de Artes Escénicas de Ferrol, Fóra do mapa. Antes de dedicarse ao mundo da interpretación estudou Turismo e, ao finalizar a súa formación, foise a París a traballar nun hotel. Na capital do Sena picoulle a espiral do teatro e empezou a contactar con persoas relacionadas coa escola de Carlo Boso.

Despois de estar unha tempada en París volveu a Galicia, concretamente á Coruña a traballar nun dos hoteis máis prestixiosos da cidade. Cando volveu á súa terra comezou a súa carreira no mundo da interpretación.

De monologuista a actriz e de actriz a monologuista

Cristina inscribiuse na Escola de Teatro de Narón e alí formouse durante catro anos. Foi nesa época cando se presentou ao primeiro concurso de monólogos, e levou o premio. A raíz desto comezou unha xira de monólogos por diferentes locais de Galicia.

Nos últimos meses aparcou un pouco a súa faceta de monologuista, pero ten previsto retomala proximamente nun circuíto de locais máis definido. O seu obxectivo é poder exercer de monologuista sen que estea presente unha actitude machista, como a que sentiu e viviu cando empezou neste mundo hai uns anos.

“Hai uns anos no circuíto de monólogos de Galicia soamente estabamos Carmen Conde e eu, e respirábase un ambiente moi machista. Hoxe en día xa hai moitas máis mulleres monologuistas e hai máis conciencia feminista”, cóntanos Cristina. Ademais, apaixónalle a posibilidade de escribir ela mesma os textos das historias que lle conta ao público.

Cristina Moreira

Cando finalizou a súa formación en Narón, Cristina seguiu preparándose noutras disciplinas artísticas como cabaré, danza, clown, etc., en distintas escolas de España.

Xuntouse coas tamén actrices Sabela Amado e Cristina Mariño para formar a compañía 3DTrasans y se presentaron al concurso “Os Humorosos” para cómicos do programa Luar da Televisión de Galicia do que resultaron gañadoras. Posteriormente crearon os espectáculo 'Ride, ride...!'.

Posteriormente tamén formou tándem con Lúa Gándara, coa que fundou a compañía Amargo Sueco e promoveron o espectáculo cómico “De revista”.

Próximos proxectos

Cristina está a empezar a involucrarse no mundo audiovisual. Nesta entrevista deunos a exclusiva da súa participación na próxima película de Paco Praza, “A quién hierro mata”. Moreira interpretará un pequeno papel na peli na que Luís Tosar é o protagonista e que foi rodada na Coruña e Pontevedra. Estamos a desexando que chegue o 27 de setembro para poder ver a Cristina en acción .

E proximamente participará na curta do director Roberto Alvite, coa produtora Melgo Cinema.

Cristina cóntanos que leva moitos anos vivindo da interpretación, pero recoñece que é unha profesión moi inestable e que che ten que gustar moito e ter moitas ganas para continuar nela. “Moitas veces aparece o pensamento de que non podes máis, pero sempre volve aparecer a ilusión que che fai volver engancharte”, afirma a actriz.

Para esta ferrolá ser actriz permíteche crecer e formarte día a día, descubrir como ser mellor persoa e ademais, nunca sabes con que che vai a sorprender, “quen me diría a min que podería programar espectáculos no Teatro Jofre ou ser a directora dun festival como Fóra do mapa”.

Fóra do mapa

Dunha das facetas profesionais das que está orgullosa Moreira, é de ser a directora do Festival de Artes Escénicas Contemporáneas que se celebra en Ferrol, Fóra do mapa.

Este festival naceu no ano 2016 co obxectivo de demostrar que na cidade de Ferrrol hai moito que ver, principalmente o seu patrimonio artístico e arquitectónico. “O bonito de Fóra do mapa é que o espectáculo comeza cando o público entra no espazo”, conta a directora toda emocionada.

Fóra do mapa

A maior parte dos espectáculos desenvólvense en diferentes espazos da cidade, que en moitas ocasións fai moito que non son visitados. Esta mestura entre arquitectura e artes escénicas provocan moitos máis sentimentos positivos cara ao espectáculo por parte do público.

Fóra do mapa

Ademais de espectáculos, durante o festival tamén se fan roteiros - espectáculos pola cidade departamental e algúns dos artistas convidados imparten formacións.

Cada ano que pasa Fóra do mapa vai tendo máis repercusión dentro e fóra das nosas fronteiras, e así o corrobora as distintas peticións de información que ten Cristina por parte de medios de comunicación nacional e internacional. A coñecida revista de viaxes Traveller fixo unha recensión sobre a última edición deste festival.

Tamén son moitas as compañías de artes escénicas ás que lles gustaría participar neste festival e que envían a súa oferta de participación a Cristina.

Esperamos que podamos gozar de moitas máis edicións de Fóra do mapa, pero Cristina coméntanos que “temos que esperar ás próximas eleccións municipais do mes de maio para saber se continuamos ou non con este festival, xa que ata este ano Fóra do mapa foi financiado totalmente polo concello de Ferrol”.

Lembra que podes seguir a nosas novidades en Twitter, Facebook, Instagram e na nosa canle de Telegram.

Ata a próxima!