Dende R poñemos en marcha, un ano máis, o proxecto educativo crea R en diversas localidades galegas. Durante todo o ano haberá talleres e charlas didácticas pensadas para toda a familia.
Crear tecnoloxía, non só consumila
Dunha banda, regresan os obradoiros de robótica dirixidos a nenos e nenas de entre 7 e 12 anos, cos que se quere potenciar a creatividade nos pequenos, espertar o seu espírito emprendedor e adestralos en habilidades como o traballo en equipo ou a oratoria.
Nesta ocasión o proxecto consiste na programación e construción dunha cidade: un coche con plastilina condutiva (con luz propia), un semáforo programado ou unha barreira de acceso son algunhas das cousas que poderán artellar nestes talleres de dúas horas de duración onde collen ata un máximo de 30 nenos e nenas. A través dunha experiencia divertida, adquiren máis seguridade en si mesmas/os e poden darlle saída ao seu talento. Aí están, ademais, os valores do emprendemento e o miolo dos chamados “conceptos STEAM”: Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría, Arte e Matemáticas.
Educando nun bo uso das novas tecnoloxías
E mentres os máis pequenos traballan no obradoiro de robótica, os maiores escoitarán consellos dun pedagogo especializado para resolver dúbidas sobre a educación dos que si naceron na era dixital; e sobre o bo uso que adolescentes e “millennials” poden facer de internet e das redes sociais.
A través de casos prácticos e dinámicas, pais, titores, avós ou educadores atoparán respostas a inquietudes como, por exemplo, a que idade deben ter móbil as/os rapazas/es ou que límite de horas se debe poñer ao uso das pantallas. Tamén se falará da nova terminoloxía neste campo (cyberbulling, sexting, grooming...) e de como nos afecta a todos o cambio dixital.
As charlas desenvolveranse en espazos adxacentes aos talleres crea R e están pensadas para un máximo de 40 persoas. Pilotando as sesións, os expertos de Sherpa Dixital, que tentarán arroxar luz a todas esas dúbidas dos adultos sobre a contorna dixital e a xente nova.
Localidades
Para comezar, temos previsto visitar Cedeira, O Grove e O Barco e iremos actualizando as datas concretas de celebración. Lembra, iso si, que o proxecto educativo crea R é gratuíto e está aberto a todo o mundo, aínda que hai un límite de prazas.
Plan Digitalent
R é aliado dixital do Plan de Inclusión Dixital de Galicia e colaborador do Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia –Digitalent–, que desenvolve a Xunta de Galicia a través da AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia).