Lembras aquel día que te puxeches a facer limpeza de fotos? E de como borraches por erro ese selfie que fixeches con Rosalía no Son do Camiño? Que rabia, verdade? Xuraches mil veces que petarías o teu móbil antes que volver facer unha limpeza de fotos... Pois non xures máis porque hai varios métodos cos que podes recuperar os teus arquivos borrados. E lembra que a mellor forma de evitar este tipo de situacións é… premio! Usando os sistemas de almacenamento na nube.

Android

  • Comproba a papeleira. Antes de nada, o primeiro que tes que facer é comprobar que esa fotaza non está na Papeleira… Non, non o tomes a mal: é que as últimas versións dos sistemas operativos de Samsung, LG, Huawei ou Xiaomi incorporaron un sistema que garda as fotos durante 15 días antes de borralas definitivamente… aínda que ti deses esa orde. Os sistemas que incorporan esa Papeleira na súa Galería son, que saibamos, o EMUI 9 de Huawei, o One UI de Samsung, o UX 6.0 de LG e o MIUI 10 de Xiaomi.
  • Google Fotos. Se es desas persoas precavidas que fan unha copia de seguridade de todas as súas imaxes en Google Fotos, tampouco hai problema, sempre que a foto non teña máis de 15 días, claro. Só tes que entrar na app, buscar a Papeleira no menú e pulsar Restaurar sobre a imaxe que queres recuperar.
  • Diskdigger. Cando todo o anterior falle, tes a opción de buscar unha app máxica no universo Google Play que devolva o brillo ás fotos arquivadas para sempre. Diskdigger é unha app gratuíta coa que podes restaurar esas fotos perdidas en Google Drive, Dropbox ou envialas por email ou nunha carpeta do dispositivo. Pero lembra que se tes arquivos only-for-your-eyes fai este proceso en solitario, salvo que esteas disposto a que alguén máis poida ver algunhas fotos que ti xa borraches. Cando localices a que buscas, pulsas Recuperar e voilà! Iso si, é posible que a calidade ou o tamaño da foto se vexan afectados...

iOS

O mundo Apple ten algún recurso máis que Android para recuperar as fotos perdidas. Antes de maldicir o momento en que borraches as fotos, fai estas comprobacións.

  • Revisa as fotos borradas hai pouco. Se tes unha versión superior a iOS 8 atoparás unha carpeta que pon Eliminadas Recentemente na que se gardan as fotos do último mes antes de que o sistema as borre definitivamente. O método é idéntico: pulsa Restaurar.
  • Recupera a copia de seguridade de iCloud. Quedaramos en que es unha persoa precavida, verdade? Pois revisa a copia de seguridade das fotos na biblioteca de iCloud, e dálle a Restaurar. Se tes sorte e os teus arquivos ocupan menos de 5GB poderás recuperalos.
  • Busca na copia de seguridade de iTunes. Se nada funcionou, queda a copia de seguridade de iTunes, que se fai por defecto cada vez que conectas o iPhone ao computador e abres a aplicación, así que téntao: conecta o iPhone ao computador, pulsa a icona do móbil e Restaurar Copia de Seguridade.

Conseguiches recuperar a foto? Esperamos que si. Agora só tes que aprender como gardar facilmente e con seguridade as túas fotos do móbil na nube e desfrutar delas sempre que queiras.

Lembra que podes seguir a nosas novidades en Twitter, Facebook, Instagram e na nosa canle de Telegram.

Ata pronto!