Cristina Fernández-Armesto é socia e neta dos fundadores de Casa Grande de Xanceda. Cambiou a cidade polo mundo rural, en Mesía, para manter vivo o soño dos seus avós. E conseguiu darlle unha volta a esta granxa, para convertela nunha explotación ecolóxica de portas abertas para todos os que a queiran visitar.

Cristina é unha firme defensora de que “dende o rural se pode todo”. E así nolo contou nesta entrevista, na que falamos da Casa Grande de Xanceda e das súas vacas, pero tamén do papel da muller no mundo rural ou da falta de servizos no campo.

Granja ecológica Casa Grande de Xanceda

Por que decidiches volver ao campo, volver á granxa familiar?

Casa Grande de Xanceda é o soño de xubilación dos meus avós, Felipe e Vitoria Armesto. Eles trouxeron, en 1968, as primeiras 20 vacas de Canadá, e todas as vacas que temos agora son tataratataranetas desas primeiras! Cando os netos chegamos á granxa, démonos conta de que os nosos avós tiñan unha paixón moi pouco rendible. Pero puido máis o vínculo afectivo, a morriña, e despois de moita investigación, decidimos darlle unha volta á granxa para salvala dun peche inminente.

O primeiro foi converter a leira en ecolóxica, o segundo paso foi transformar o leite das nosas vacas en produtos ecolóxicos. E así é como nos convertemos en mestres dos iogures! Eu traballaba nunha multinacional da moda, pero por esa vinculación emocional e sentimental con Galicia e co proxecto dos meus avós decidín volver.

Que é o máis difícil do mundo rural?

A falta de servizos. O rural presta uns servizos súper importantes á sociedade. Para empezar, o da alimentación. Pero vivimos un forte despoboamento porque non hai servizos, sobre todo de conciliación. As familias apostarían máis polo rural con servizos que permitan unha vida digna. A Casa Grande de Xanceda chegou a fibra o ano pasado! O rural galego teno todo, pero faltan modelos máis cooperativistas como centros de transformación compartidos. Tamén é tarefa da administración fomentar este tipo de proxectos.

Por que é tan importante o papel da muller no mundo rural?

A sociedade ten unha débeda impagable coas mulleres rurais. Son elas as que mantiveron este mundo, a súa cultura e as súas tradicións. Traballan na casa e fóra da casa, son as provedoras de coidados e hai esa sensación constante de que teñen que chegar e estar en todo. E todo isto cuns servizos mínimos! Poucas garderías, poucos centros de día ou poucas actividades extraescolares.

O rural sempre estivo asociado á muller, porque tiña que realizar os traballos do campo e, ademais, os de casa. Cres que agora se está a visibilizar algo máis todo este labor que tivo a muller historicamente no rural?

Moitas veces visibilízase, pero comparando ás mulleres rurais con superheroínas e iso é negativo. As mulleres rurais non queren ser superheroínas, queren ser persoas con posibilidade de desenvolver a súa carreira profesional en igualdade cos homes e sen verse lastradas pola falta de servizos e por esa necesidade de ter que estar para todo e para todos.

Casa Grande de Xanceda

Cantas mulleres traballan en casa Grande de Xanceda?

As mulleres rurais en casa Grande de Xanceda somos maioría e iso sen contar coas vacas! Somos máis do 60% do persoal. Moitas delas están en postos de responsabilidade e temos departamentos que son enteiramente de mulleres como o de márketing e o de Ecovisitas.

Sodes un dos grandes produtores de leite, pero o camiño non foi fácil. Que foi o máis duro nesta aventura?

O ano 2008 foi o ano da crise económica, pero, para nós, foi unha dobre crise porque sufrimos moitos ataques de lobo, coa perda de vacas, pero tamén un baixón na produción polo estrés nos animais e moitos abortos. Entón foi cando decidimos probar o noso sistema de burrovixilancia. Trouxemos a dous burros e seis mastíns que fan o tándem perfecto para defender ás vacas dos lobos. E saímos nunha chea de medios de comunicación! Así que podemos dicir que os burros nos salvaron dos lobos e da crise.

Agora, evidentemente, tamén estamos a pasar un momento moi difícil. As subidas de custos son xerais, e os prezos enerxéticos unha tolemia e cada vez hai que agudizar máis o enxeño para atopar eficiencias.

Casa Grande de Xanceda

Que vos fai diferentes?

O noso proxecto 360º. Todas as vacas que temos naceron e creceron aquí, nunca compramos vacas. Alimentámolas, colleitamos case toda a súa alimentación que plantamos nos nosos prados, muxímolas e transformamos e comercializamos o seu leite. E facémolo cun grupo de traballadores e traballadoras do rural. E todo baseado nas nosas 200 hectáreas.

Ademais, somos unha biogranxa, facemos moitas accións para que a natureza poida mellorar o seu rumbo. Temos máis de 30 especies vexetais diferentes nos nosos prados, zonas húmidas, varios ríos, lagoas, bosques… Traballamos co grupo naturalista Hábitat que, no seu último reconto, identificou máis de 140 especies diferentes. Isto confirma que a gandería e a agricultura ecolóxica e a natureza poden coexistir e mellorarse a unha á outra.

Que potencial ten o rural galego?

Todo o do mundo. Este ano o noso ecolaberinto levaba a mensaxe “Galicia Profunda”. Lonxe de querer xerar polémica, o que quixemos foi poñer en positivo esa frase, ensinar que dende o rural se pode todo. No caso das granxas, é importante que as novas xeracións teñan formación e motivación. En Europa podemos ver moitos modelos de granxas que teñen a súa parte turística, con venda directa de produtos, visitas guiadas, unha pequena cafetería… Hai que buscar ese valor engadido, é clave para desenvolver ese potencial.

Ecolaberinto Casa Grande Xanceda

Como xurdiu a idea de facer visitas?

Sempre tivemos claro que tiñamos que ser unha granxa de portas abertas, transparente. É a nosa contribución para que nenos e adultos conecten co mundo rural e saiban que hai detrás do que están a comer. Tamén é a maneira de mostrar que todo o noso storytelling ten o ingrediente máis importante: a realidade. As nosas redes sociais son un diario da granxa e logo, cando as persoas veñen, poden comprobar ese diario in situ.

Cales son os seguintes retos?

O contexto global enfróntanos, directamente, ao reto enerxético. Dúas das nosas cubertas xa teñen placas solares e seguiremos investindo nelas para conseguir ser o máis independentes posibles dende o punto de vista enerxético. É un paso máis dentro do noso proxecto de 360º.

Por suposto, seguiremos investindo en accións para traballar coa natureza e desenvolvendo ferramentas que fagan aínda máis robusto o noso ecosistema.

Moitas grazas, Cristina Fernández-Armesto, por esta interesante charla e por todo o traballo que facedes para manter vivo o rural galego.