Falamos con Carmela Troncoso, a investigadora galega experta en privacidade, que participa no foro CyberSec@GAL 2020 impulsado pola Cátedra R en Ciberseguridade. Ademais de profesora na Escola Politécnica Federal de Lausana (Suíza), Carmela está á fronte do equipo que deseñou o protocolo DP-3T, a base usada para a app Swiss Covid.

Cóntanos, cantas horas de duro traballo e debate se agochan detrás deste logro?

Moitas, o sprint foi moi longo. Moitas horas, moitos días de traballar 15 horas diarias cun equipo moi grande. Isto non só é unha tecnoloxía, deseñar e crear un produto, é unha colaboración interdisciplinar, con epidemiólogos e con xente da parte de ética que necesita unha colaboración moi próxima tamén coa parte de saúde do Goberno porque, se non hai integración, a tecnoloxía non serve para nada.

Es a responsable da parte que incumbe á privacidade do protocolo que utiliza a app, seguramente unha das súas facetas máis delicadas, que lles dirías a todas esas voces remisas e preocupadas porque ven perigar a súa liberdade e intimidade?

O protocolo está pensado e deseñado para, dende o corazón da tecnoloxía, eliminar todo tipo de abusos: a información que se xera é mínima e a información que existe en servidores centrais non serve para nada que non sexa este protocolo. No caso de Suíza, e tamén en moitos outros, traballamos para tapar todos os ocos que ao final permitan que exista ese abuso, para manter a vixilancia ou evitar esa manipulación.

A COVID-19 revolucionou a nosa sociedade e as nosas vidas, cal é o seu efecto na esfera científica actual e cales crees que serán as súas consecuencias a medio e a longo prazo?

O ámbito científico non se diferencia moito doutros, pero creo que o que si esta pandemia marcou dentro do meu ámbito tecnolóxico é determinar que cousas son ao final importantes, cales son aquelas nas que de verdade baseamos as nosas vidas.

Hai pouco, o epidemiólogo co que traballamos en Lausanne comentaba nun tweet, e paréceme moi curioso porque creo que o noso caso neste sentido é parecido, que todo este diñeiro que eles invisten en atopar vacinas, en entender a molécula... pois ao final a ninguén lle deron nunca diñeiro para entender como se move o aire nunha habitación e ao final iso é o que necesitamos a día de hoxe.

No meu laboratorio traballamos con organizacións non gobernamentais; acabamos de crear un sistema para o International Consortium of Investigative Journalists, Luxembourg Leaks, Pharma Leaks. Eles dixitalizáronse e descubriron que ao facelo expuxéronse de moitas maneiras e eles si ven que necesitan unha infraestrutura nova para seguir co seu traballo, pero só cando traballamos con ONGs é máis fácil xerar este tipo de sistemas como a app.

Carmela TroncosoMuller e científica, estamos a conseguir que sexa algo cada vez máis habitual? Porque precisamente na loita contra a COVID-19 destacan tres mulleres: Chen Wei, Sarah Gilbert e Kizzmekia Corbett. Elas dirixen os equipos con vacinas máis avanzadas. Froito da casualidade ou reflexo do panorama actual?

Seguimos bastante lonxe de ter un mundo no que a muller teña unha presenza moi forte nas altas esferas. Moitas veces pedimos esta igualdade, pero non temos unha fonte que as traia; se seguimos a ter un 30% das estudantes de Teleco ou de Informática que son mulleres, non podemos pedir que logo sexan un 50% porque ao final, a porcentaxe de xente con máis talento e menos talento é o mesmo. Aos poucos vai cambiando, pero aínda non chegamos nin moito menos e hai que seguir poñendo moita énfase, máis que nese 50%, en cambiar as actitudes, a educación, cousas moito máis básicas, porque se non o que facemos son cambios cosméticos e sen cambios de base non vai funcionar.

Es galega, formada na Universidade de Vigo, como ves o panorama científico e investigador en Galicia? Temos canteira de grandes científicos para afrontar grandes proxectos dentro e fóra do noso territorio? Que lles dirías aos mozos galegos que soñan con ser científicos?

Eu marchei a Lausanne por tres razóns: unha das máis claras é o diñeiro, a rede de financiamento é incrible; a segunda son os estudantes, unha escola top no mundo, co cal a materia prima que teño é moi boa; e a terceira é a concentración de xente de talento que ao final teño un experto en cada porta que é top no mundo e iso sempre axuda.

O financiamento é fundamental. A razón pola que puidemos facer o DP-3T é porque a xente neste proxecto tiña un financiamento e un apoio.

Carmela TroncosoRecentemente incluíronche na lista ‘Fortune’ como unha das persoas máis influentes con menos de 40 anos, 40 under 40, que supón este recoñecemento? son referentes para ti algúns dos nomes que figuran nesa mesma listaxe?

Na lista hai dúas persoas, Max Schrems e máis eu, que estamos aí por ideoloxía, por cambiar as cousas. E o feito de que Fortune valorase dese xeito, non a xeración de valor económico, senón a xeración de coñecemento, o cambio que supón, no meu caso, o axudar a deseñar tecnoloxía de maneira distinta, dunha maneira respectuosa cos valores que de verdade queremos ter. E o feito de que Fortune valorase iso por encima por outras persoas que tamén xerasen outros cinco billóns en investimentos, isto é o que de verdade me enche de orgullo, é moi importante que estas cousas pasen.

Cal é o teu grande reto profesional pendente e o teu maior soño como científica?

Pois o reto é como escalamos este proceso, agora estamos a nos mover á seguinte xeración desta aplicación. O reto é como integrar esta filosofía de liberdade na educación e crear novos enxeñeiros que pensen de maneira distinta. Porque non é algo que se aprende en dous días, require moito adestramento e se de verdade queremos que o mundo sexa así necesitamos atopar a maneira. O grupo traballa moito non só na tecnoloxía, senón tamén na metodoloxía, en como articular o proceso que facemos para poder explicarllo a outros.

Moitas grazas, Carmela. Non perderemos de vista o teu traballo.