Ola a todos. Despois das festas gastronómicas do verán, quen máis quen menos colleu algún quiliño. Pero non vos preocupedes, cun pouco de exercicio arránxase . Os amantes do running xa estaredes ao día das moitas aplicacións de móbil que miden e controlan os resultados das vosas carreiras. Para os iniciados, recompilamos as máis populares do momento. Así que xa non tedes escusa, se non vos enganchades ao deporte seguro que o faredes a algunha destas apps gratuítas.

Non só miden a frecuencia cardíaca, distancia ou calorías senón que permiten compartir a información en redes sociais para presumir ou picar aos vosos amigos no deporte que practiquedes.

  • runkeeper

    Ofrece estatísticas do ritmo, distancia e tempo a través do GPS. Inclúe tamén notificación por voz a través dos auriculares. A aplicación mostra o historial das túas actividades e avisa cando superes marcas e fitos. Podes sacar fotos e compartilas en Facebook e Twitter, aínda que a túa cara tras o esforzo non sexa a mellor do día

    Dispoñible no App Store e Google Play

  • runtastic

    Igual que a anterior, utiliza o GPS para obter información das túas actividades deportivas. Mostra mapas de adestramento en tempo real, estatísticas e gráficas de elevación, velocidade, ritmo cardíaco, distancia, duración etc. Tes á túa disposición un adestrador por voz e reprodutor de música integrado para que non decaia o ánimo.

    Dispoñible no App Store e Google Play

  • endomondo

    Monitoriza todos os teus adestramentos, mesmo os que non fagas con GPS que poderás introducir manualmente. Con esta app poderás analizar o teu rendemento diario e con tempos parciais. Ademais ofrece unha función auto-pausa automática cando estás inactivo. Márcate metas, reta aos teus amigos e compárteo nas túas redes sociais.

    Dispoñible no App Store e Google Play

  • my tracks

    Aplicación desenvolvida por Google para medir resultados deportivos como velocidade, distancia ou elevación do terreo. Podes acceder aos teus datos en tempo real, facer anotacións e escoitar mensaxes de audio sobre o teu progreso. Sincroniza e comparte as túas rutas a través de Google Drive e nas redes sociais. My Tracks tamén admite reloxos Android con e sen GPS.

    Dispoñible en Google Play

  • nike+

    Cada vez son máis as firmas deportivas que desenvolveron as súas propias apps. Nike+ combina o GPS e o acelerómetro do teu teléfono para obter o seguimento máis preciso da distancia, ritmo e tempo do teu percorrido. Mide o teu progreso cada quilómetro con mensaxes de audio mentres corres. As funcións de comentarios de audio e pausa automática permitiranche correr coas mans libres. Podes reproducir a túa música e seleccionar unha PowerSong para que soe en calquera momento durante a túa carreira. E para sacar peito en redes sociais, fai fotos e etiquétaas coas túas estatísticas.

    Dispoñible no App Store e Google Play

  • adidas micoach

    Usa o GPS para realizar un seguimento da túa ruta, ritmo e distancia percorrida. Inclúe centos de plans de adestramento gratuítos deseñados polos mellores adestradores de Adidas. Comparte os teus adestramentos e escoita a túa música favorita.

    Dispoñible no App Store e Google Play

  • myasics

    Créache un plan de adestramento e leva contigo esta aplicación nas túas carreiras. Se algún día che dá preguiza saír a correr e non cumpres a táboa, non te preocupes, a aplicación axusta automaticamente o teu plan de adestramento segundo as túas necesidades. Garda as túas rutas e sincroniza as túas carreiras coa versión web. Ademais podes rexistrar manualmente os detalles do teu adestramento para non ter que cargar co teléfono enriba.

    Dispoñible no App Store e Google Play

Ata a próxima!