Na actualidade a tecnoloxía está presente en case todos os aspectos da nosa vida, e non ía ser menos na aprendizaxe dos máis pequenos. Hoxe imos ver algunhas apps para aprender xogando que fan máis levadío este proceso e seguramente máis duradeiro o aprendido .

  • iCuadernos by Rubio

Imos empezar botando a vista atrás. Acórdaste dos caderniños de Rubio que nos axudaban a mellorar a nosa caligrafía e as nosas contas ? Pois modernizáronse e agora existe unha app que inclúe sete coleccións para aprender: operacións (+3 anos), problemas (+6 anos), educación infantil (calquera idade), colorear (calquera idade), maiúsculas (+3 anos), minúsculas (+3 anos) e números (+3 anos).

Dispoñible para Android e iOS.

  • Funland

O inglés é primordial na nosa vida laboral, e ás veces ata na persoal. Así que mellor empezar a aprendelo desde pequenos, xa se sabe os nenos son esponxas . Esta app foi deseñada por Cambridge English Language Assessment e baséase nun xogo ambientado nunha feira na que os nenos de entre 7 e 12 anos utilizarán palabras dos exames de Cambridge English.

Dispoñible para Android e iOS.

Funland.

  • Pupitre

Esta app está desenvolvida polo grupo editorial Santillana, o mesmo que editaba os nosos deberes de verán “Vacaciones Santillana”, lémbraste  ?. Pupitre ten dispoñible unha serie de cadernos con fichas dirixidas a nenos de entre 3 e 5 anos e de entre 6 e 8 anos.

Dispoñible para Android  e iOS.

  • Palabra correcta

App que axuda a mellorar a gramática mentres seleccionas a palabra correcta nun conxunto de frases que inclúen varios erros. Ademais, podes xogar a sinónimos e antónimos, ao trivial de cultura xeral e a ordenar as letras para construír a palabra correcta, entre outros xogos.

Dispoñible para Android  e iOS.

  • Toontastic 3D

Como non todo vai ser aprender gramática, matemáticas e idiomas, tamén haberá que divertirse. Google creou esta app para poder crear historias interactivas en tres dimensións no móbil. A aplicación permite colorear os textos, personaxes, realizar diálogos e animar aos personaxes para poder crear películas.

Dispoñible para Android e iOS.

E aínda que estas apps están dirixidas aos pequenos da casa ti podes utilizalas para volver á infancia por un momento e comparar como era iso de aprender cando tiñamos a mesma idade que os nosos fillos .

Ata a próxima!