A área de cliente de R é o teu espazo privado para xestionar dende o ordenador ou o móbil todos os servizos que tes contratados connosco.
Se é a primeira vez que a usas, explicámosche como entrar dende a web ou a app de R e tamén che contamos paso a paso como cambiar ou recuperar o teu contrasinal como cliente de R.
Son algunhas das dúbidas que máis se repiten e queremos axudarche a resolvelas de forma moi sinxela.
Como podes acceder á área de cliente de R?
Podes entrar á área de cliente dende o ordenador a través desta ligazón: https://clientes.mundo-r.com ou a través do teu teléfono móbil ou tableta, descargando a app.
Lembra que a aplicación de R está dispoñible tanto para Android como para iOS. Deste xeito sempre a terás accesible dende o teu móbil.
Como rexistrarte na área de cliente de R
Cando accedes dende o ordenador, o primeiro que ves nada máis entrar é esta pantalla onde aparecen todos os servizos que podes xestionar.
Nun botón lateral verás "entra co teu usuario e contrasinal ou certificado dixital". Serve para acceder facilmente co teu NIF e contrasinal se xa es usuario e tamén para rexistrarte.
Se aínda non tes usuario ou é a primeira vez que accedes, debes ir á ligazón que pon "é a túa primeira vez por aquí ou esqueciches o teu contrasinal?".
O primeiro que tes que facer é rexistrarte para poder entrar a xestionar os teus servizos.
Unha vez o fixeches, cando te conectes por primeira vez ímoste redirixir á pantalla de "recuperar o meu contrasinal" para que nos demostres ser unha persoa e non un robot automático.
Envío do contrasinal de R por correo electrónico ou SMS
É unha nova medida que tomamos para aumentar a túa seguridade. Queremos que sexa un proceso sinxelo así que, ao poñer o teu NIF, tes que elixir como queres que che enviemos un contrasinal temporal de acceso. Pode ser vía correo electrónico ou recibir por SMS o propio contrasinal temporal ou un código que che permita acceder á área de cliente por primeira vez.
Ao entrar esta primeira vez, xa che pide que elixas un contrasinal seguro que se converterá na túa clave de acceso a partir dese momento.
O proceso é similar se estás a acceder por primeira vez dende a app móbil. En primeiro lugar, aparecerache esta pantalla:
Pulsa o botón "aínda non teño usuario" e preguntarache se es o titular do contrato de R.
Redirixirache á web https://clientes.mundo-r.com e aí debes seguir os pasos que xa che comentamos.
Como recuperar ou cambiar o teu contrasinal da área de cliente de R
Se xa estás rexistrado/a na área de cliente de R pero non lembras o teu contrasinal, non te preocupes.
Accede á web https://clientes.mundo-r.com/ e vai á ligazón "é a túa primeira vez por aquí ou esqueciches o teu contrasinal?".
Indica no captcha que non es un robot e dálle a continuar. Indica o teu NIF. Importante: non esquezas que debe ser o do titular do contrato con R.
Preguntarache entón como queres que che enviemos a información necesaria para recuperar o teu contrasinal: enviándoche unha clave por correo electrónico ou SMS ou un código por SMS que che permita poñer un novo contrasinal.
Unha vez a recibas, xa podes acceder con ela á área de clientes. Lembra que é un contrasinal temporal e debes modificalo na propia área de cliente polo que queiras como o teu contrasinal habitual.
Se accedes a través da app, na pantalla de inicio tes que seleccionar "esqueciches o teu contrasinal" e seguir o proceso detallado.
Xa ves que xestionar os teus servizos de R a través da área de cliente é moi sinxelo. É a maneira máis rápida de consultar as túas facturas, configurar os teus servizos ou ver o consumo dos teus móbiles de R.
Esperamos que esta información che resulte útil. Se tes máis dúbidas, contacta connosco e axudarémoste.