Arredor de 32.000 novos fogares e empresas de Galicia quedarán conectados ás redes de nova xeración de R cando rematen estas actuacións, adxudicadas recentemente ao operador galego polo Ministerio de Economía e Empresa. Trátase de tres novos proxectos do Plan PEBA-Avanza que perseguen estender, durante este ano e o vindeiro, a tecnoloxía FTTH (“fibra ata o fogar”) nas chamadas “zonas brancas”, é dicir, as que nunca dispuxeran de accesos de alta velocidade ata este momento.
Subvención e axuda a fondo perdido da Unión Europea
No desenvolvemento desta adxudicación investiranse un total de 10M€, dos cales, preto de 8M€ serán subvencionados polos fondos FEDER da Unión Europea; e, desa cantidade da axuda, 6M€ como anticipo a fondo perdido.
Un dos proxectos está destinado ao despregamento de redes de nova xeración en 196 núcleos do suroeste da provincia de Pontevedra. O investimento total neste caso é de 3,7M€, 3 deles subvencionados e, desa axuda, arredor de 2,3M€ a fondo perdido como anticipo dos fondos FEDER da Unión Europea. Un segundo proxecto fala igualmente do despregamento de banda ancha de nova xeración con tecnoloxía FTTH desta volta en 162 núcleos de municipios do norte de Pontevedra, sur da Coruña e oeste de Lugo. Para estas actuacións, cun investimento total de 3,5M€ destinarase unha axuda dos fondos FEDER de 2,8M€, dos cales preto de 2,2 son a fondo perdido. O terceiro dos proxectos adxudicados desenvolverase en 154 núcleos doutros municipios da Coruña, norte de Pontevedra e oeste de Lugo. Os despregamentos nestas zonas suporán un investimento total de 2,6M€, cunha subvención dos fondos FEDER de máis de 2M€ e, destes, preto de 1,6M€ a fondo perdido.
Estas actuacións daranlle volume aos despregamentos -xa en fase de comercialización- dunha adxudicación anterior de tres proxectos do Plan PEBA-Avanza a R para, así mesmo, dotar de FTTH a outros 33.000 fogares e empresas situados en “zonas brancas”.
De feito, a día de hoxe R xa ten levado as súas redes avanzadas con este Plan, a núcleos das localidades de Cuntis, Muros, Cerceda, Abegondo, Lourenzá, Barreiros, Palas de Rei, Monterroso, Ribadumia e Meaño; e tamén a outras zonas de municipios aos que xa chegara previamente coa súa rede de fibra coma Santiago de Compostela, Ordes, Miño, Sanxenxo, Cangas, Nigrán, Vigo ou Tui. Proximamente o operador galego proseguerá as súas actuacións en núcleos de Poio, Tomiño, O Rosal, Redondela, Ortigueira, Cedeira, Porto do Son, Camariñas, Mugardos, Boqueixón, Póboa de Trives, San Cibrao e Curtis.
116 municipios galegos e 140 polígonos industriais con R
A rede de R vai medrar preto dun 8% cando rematen todos os traballos das novas adxudicacións do Ministerio xunto cos dos anteriores despregamentos do Plan PEBA-Avanza tamén adxudicados a R. Así, preto de 70.000 fogares e empresas uniranse ao millón longo de fogares e negocios nun total de 116 municipios galegos, que están hoxe en disposición de recibir os servizos de R na comunidade. Parellamente, a carón deste esforzo investidor na comunidade, o operador galego levará os seus servizos fóra de Galicia alugando rede doutros provedores.
Entre estes servizos avanzados, ademais dos accesos ultrarrápidos a internet con velocidade garantida están o desco 4k da televisión dixital de R, pura alta definición co servizo rebobina para ver a tele como e cando se queira, Así mesmo, os clientes de R poderán aforrar no seu plan de datos móbiles e conectarse de balde a milleiros de puntos da rede wificlientes R espallados pola xeografía galega. A isto súmaselle, no eido empresarial, a presenza da rede do operador galego en máis de 140 polígonos e parques empresariais da comunidade, que xa poden desfrutar de accesos a internet de ata 350 megas e da tecnoloxía necesaria para acometer a súa transformación dixital.