As películas de zombis fixeron que deixáramos de durmir moitas noites das nosas vidas. Eses seres que non están nin mortos nin vivos e que nos queren comer o cerebro son o pesadelo de moitos de nós. Pero a orixe destes seres terroríficos podería estar en Galicia. En concreto, dise que as causantes destes medos son dúas coruñesas, Puri e Nena Romero. E hoxe contámosvos que teñen que ver elas cos zombis que vemos nos filmes.

En aparencia, Puri e Nena Romero eran dúas mulleres sen máis. Estamos na década dos 60 e ambas as dúas viven na céntrica praza de Ourense na Coruña. Estas dúas irmás son mulleres independentes e adiñeiradas. Os negocios herdados de Cuba e outros que rexen en Galicia permítenlles vivir comodamente. O seu día a día transcorre con normalidade, ata que o seu sobriño, emigrado a Nova York, lles pide a súa axuda.

George Romero, o sobriño cineasta

O seu sobriño era George A. Romero, un mozo amante do cinema, emprendedor e con moitas ideas na cabeza que comezou a súa carreira rodando curtas, anuncios de publicidade e programas de televisión. Licenciouse na Universidade de Pittsburgh en 1960 e con pouco máis de vinte anos fundou unha produtora con algúns amigos nos Estados Unidos.

Como o mozo George A. Romero non tiña diñeiro suficiente para trasladar as súas ideas ao cine, pediulle ás súas dúas tías coruñesas, Puri e Nena, coas que mantiña unha estreita relación, que lle prestasen os fondos necesarios para poder rodar a súa primeira película.

La noche de los muertos vivientes, la película rodada con el dinero de tía Puri y Nena

A primeira vez que se ve un zombi no cinema

As irmás Romero non o dubidaron e déronllo. O que pasou despois é historia do cinema: a película rodada co diñeiro da tía Puri e da tía Nena foi A noite dos mortos viventes. O filme triunfou en todo o mundo sendo un éxito de taquilla espectacular. E o mellor de todo, foi un éxito cultural e socialmente relevante.

Os zombis acababan de nacer, porque era a primeira vez que se vía no cine o que hoxe entendemos como zombis.

Pero a cousa non queda aí. Porque os cartos non só chegaran de Galicia para que os zombis viran a luz a través dunha película.

A orixe galega dos Romero

George A. Romero naceu en Nova York, aínda que a súa familia tiña orixes moi diferentes. O seu avó paterno, Antonio Romero, naceu na Mourela do Medio, unha pequena aldea da parroquia de Santa María de Neda, na ría de Ferrol. Como tantos outros paisanos emigrou a Cuba buscando un futuro mellor.

Alí casou con outra compatriota española, Josefa González. O matrimonio nunca deixou de volver a casa e a familia repartía o seu tempo entre a Habana e Galicia. Antonio Romero chegou a ser o presidente da Cámara Hispano-Cubana na Habana. A súa familia foi unha das grandes fortunas do país.

Antonio Romero tivo na Coruña o seu fillo, Jorge Marino Romero, irmán de Puri e de Nena. Alí viviron os seus primeiros anos, antes de instalarse na Gran Mazá. Na cidade dos rañaceos, Jorge Marino Romero casou coa lituana Ann Dvorski. O novo matrimonio transmitiu o seu interese polo cine ao seu fillo George A. Romero.

Fotograma de La noche de los muertos vivientes

O que Puri e Nena ensinan a George A. Romero

Pero, por que dicimos que a tía Puri e a tía Nena son nais de zombis? A película que gravou George A. Romero, A noite dos mortos viventes, foi un éxito mundial, sendo un éxito a nivel de público e de recadación.

Pero as tías coruñesas de George A. Romero fixeron máis que financiar o seu traballo, sendo produtoras e personaxes fundamentais para que a película saíse adiante. As dúas irmás, cada vez que visitaban á súa familia nos Estados Unidos, transmitíanlle ao seu, daquela, pequeno sobriño George historias tradicionais da afastada Galicia.

Aquelas historias de ánimas en pena que vagaban pola noite e que, se se topaban contigo, eran un paxaro de mal agoiro porque podían levarte ao máis aló, eran as lendas da “Santa Compaña”.

A “Santa Compaña” como inspiración

A "Santa Compaña" é unha procesión de mortos que reviven e percorren os camiños na escuridade da noite galega. Ademais, esta procesión supón un gran perigo para os vivos xa que se a cruzas poden levarte consigo ao “outro mundo”, o dos mortos. Esta procesión sempre se escenifica cun ritmo e paso lento e un rebumbio gutural de fondo, o das voces dos que a compoñen.

Ves algunha semellanza entre a “Santa Compaña” e os zombis? O propio George A. Romero o recoñeceu en múltiples entrevistas: "Esas lendas están no meu subconsciente". Mortos en vida que se te pillan te levan ao mundo dos mortos.

Aquelas historias que daban voltas na cabeza do director fixeron que se plasmase en A noite dos mortos viventes. Por certo, unha película considerada por moitos como unha das grandes obras mestras de terror de todos os tempos.

Día del orgullo zombi

Día do orgullo zombi

A película acabaría recadando máis de 42 millóns de dólares en todo o mundo e, sobre todo, considérase a base de todo o xénero zombi. Ata tal punto que o 4 de febreiro se celebra o "Día do Orgullo Zombi". É un día para que os fans da temática zombi dean renda solta á súa imaxinación.

O motivo desta celebración vén de que o 4 de febreiro é a data de nacemento de George A. Romero, fundador deste xénero cinematográfico coa película de culto A noite dos mortos viventes en 1968.

Así foi como o diñeiro e a lenda galega da "Santa Compaña" que a tía Puri e a tía Nena contaron ao seu sobriño foron un alicerce fundamental que conformou unha das máis recoñecidos iconas do terror do século XX, os zombis. Por iso podemos dicir que Puri e Nena son as nais dos zombis. E que en Galicia naceu, a través desas lendas que se contaban de xeración en xeración, unha historia que transcendeu a nivel mundial grazas ao cinema.