Ti podes ser o seguinte gañador do Premio Cervantes ou o próximo gañador do Premio Planeta. Por iso queremos axudarche a sacar á luz toda esa capacidade de escritura que levas anos gardando. Por nós que non quede! Xa sexa porque queres regalarlle ao mundo o teu don coma escritor, ou porque queres conseguir uns euros extra.

Así que, no mes das letras por excelencia, abril, ímosche axudar a que todas esas páxinas que tes gardadas saian á luz. Non só van gozar os/as teus/túas familiares ou os/as teus/túas amigos/as do que escribes! O mundo agarda por ti. Aínda que o teñas publicado na túa páxina ou no teu blog, non sempre te descubrirán. Xa sabedes que a rede é tan inmensa que podemos estar a perder grandes escritores...

A forma máis sinxela (e máis barata, por suposto) de publicar os teus escritos é levalos a Amazon.

Presentámosche unha pequena guía para que coñezas o proceso para publicar na plataforma Amazon KDP (Kindle Direct Publishing). É doado e sinxelo e en menos de 72 horas podes publicar o teu libro. O máis difícil é escribilo. Se xa o tes, utiliza este post para saber como converterte no próximo Manuel Rivas, Manel Loureiro ou María Oruña.

Primeiros pasos para publicar os teus libros en Amazon

Comecemos a guía polo principio:

  • Ter o libro escrito en condicións: Que significa isto? Que Amazon che pide un mínimo de calidade. Dámolo por feito, pero nunca estaría de máis pasalo por un control de edición e corrección de ’ortotipografía’ e de estilo.
  • Telo maquetado e con portada: Este punto é importante. Xa sabes que unha boa cuberta fai que o produto sexa máis atractivo para o comprador. Como se di popularmente, “comemos polos ollos”. Polo tanto, un bo deseño e maquetación son esenciais.
  • Ter unha conta de Amazon KDP: Se xa tes unha conta en Amazon, utilízanse as mesmas credenciais. Se non a tes, podes abrir unha directamente en Amazon KDP. Este paso é importante, porque tes que configurar as vías de cobro e as cargas fiscais. Sobre todo, estar en orde con Facenda e que os beneficios cheguen correctamente.

Primeros pasos para publicar tus libros en Amazon

Publicación do libro en Amazon

Cando teñas o teu manuscrito listo e a conta creada e configurada na plataforma Amazon KDP, é hora de iniciar o proceso de carga ou de impresión.

Neste punto hai dúas opcións: cargar unha versión electrónica do eBook ou facer unha versión en papel do libro de tapa branda. O procedemento é o mesmo. Ao decidilo, comeza o proceso de carga:

  • Ao entrar na túa conta KDP, xa aparece directamente a pantalla para comezar.
  • Selecciona que tipo de libro queres publicar: ou crear un ebook Kindle ou un libro de tapa branda.
  • Cubre a información e os detalles do libro Kindle ou ebook: Amazon KDP píde algúns datos moi necesarios para organizalo dentro do seu amplo catálogo: esta información fai referencia a detalles coma o idioma, o título do libro, os posibles subtítulos, o autor, a descrición,...
  • Sube directamente o ebook ou o libro de tapa branda: admite Microsoft Word (Doc/Docx), HTML (Zip, Htm ou Html), Kindle Create (KPF), MOBI e EPUB, texto sen formato (Txt), formato de texto enriquecido (RTF) e Adobe PDF (PDF).
  • Sube a portada do libro: aquí pedirache unha imaxe.

Neste punto xa podes ter unha vista previa de todo o libro. Ao darlle a aceptar, Amazon encárgase de converter o ficheiro. Este proceso pode levar uns minutos.

Beneficios y expansión de tu publicación en Amazon

Beneficios e ampliación da túa publicación en Amazon

  • Acto seguido Amazon KDP pedirache que selecciones os dereitos e o prezo do libro. Tamén hai que decidir o territorio onde lanzalo e os beneficios ou dereitos de autor ('royalties'), que poden ser do 35% ou do 70%. No caso dos ebooks, a opción será a primeira. Os dereitos de autor varían segundo o peso do ficheiro.
  • Agora só queda esperar a aprobación de Amazon KDP. Pode levar ata 72 horas. E cando chegue a aprobación por correo, o teu libro estará dispoñible para a compra.
  • Por último, Amazon ofréceche a posibilidade de promocionar o teu libro para que sexa coñecido polo maior número de persoas e para conseguir vendas. Para iso, dáche a posibilidade de realizar unha promoción de prezos a través de Kindle Countdown Deals ou de lanzar unha campaña publicitaria con Amazon Advertising.

Despois de completar todo o trámite, só haberá que esperar a que se venda e recibas os beneficios económicos e literarios.

O proceso é rápido, atréveste a publicar o teu libro?... Cando o fagas, non esquezas poñernos nos agradecementos se che axudamos en algo 😉.