A XGN R Encounter adapta o seu formato para que desfrutes de forma segura da maior lanparty de Galicia. Do 10 ao 11 de outubro non perdas esta edición tan especial da encounter online que vén cargada de actividades formativas e lúdicas, competicións de videoxogos e arte dixital.

Actividades

A XGN R Encounter mantén a súa esencia de sempre, cunha chea de propostas para os rexistrados na lanparty: nove competicións de arte dixital, catro de hardware, dous de software libre e 15 torneos de xogos, entre eles de ‘League of Legends’, ‘Fall Guy’s, ‘Among Us’ ou ‘Fifa 2021’.

Ademais, as charlas formativas estarán centradas na intelixencia artificial e a programación.

Emisión en streaming

A edición número vinte da XGN R Encounter contará con 1.080 ordenadores en rede, dende as casas dos participantes. Por diante, dous días de actividades que podes seguir online a través da canle de Twitch. Sobre este escenario virtual pasarán moitas cousas que che iremos retransmitindo e comentando en streaming.

Xa che podemos adiantar algúns invitados que pasarán polo programa: o actor Manuel Manquiña, os protagonistas de “La Resistencia Grison” e Jaime Caravaca. E tampouco faltarán á cita coñecidos streamers do momento.

Preparado para este maratón informático de ‘finde’?

Rede de Encounters

A XGN R Encounter segue a crecer e aspira a converterse na segunda lanparty máis importante de España. Unha meta na que será determinante a súa vinculación coa rede de Encounters do Grupo Euskaltel a través da Fundación Euskaltel. Nesa rede inclúese a Euskal Encounter, que se vén celebrando no País Vasco dende hai máis de 25 anos, e tamén a Gipuzkoa Encounter, a Araba Encounter e, xunto á XGN en Galicia, a Technium R Encounter de Ourense.