Xa fai catro anos que un xornal chamado Teovivo saía ás rúas do concello de Teo. Tratábase dun periódico mensual que contaba as grandes historias que acontecen en Teo. E cal foi a sorpresa cando se decataron de que este curioso xornal estaba escrito en galego!

Ana Conde sempre tivo claro que o xornal en papel aínda tiña moito que proporcionar ao mundo, e xa nin te imaxinas ao xornalismo sobre Galicia, en galego. Ela é o exemplo perfecto de como contribuír a que a nosa lingua siga viva porque en realidade está na man de todos e cada un de nós.

-De onde vén esta idea dun xornal en papel nunha época na que o dixital semella ser o camiño a seguir?

A idea vén de vello, xa da miña época universitaria, cando o dixital aínda estaba aterrando. Con todo, o Teovivo naceu en 2014, xa en plena crise da prensa escrita, froito do convencemento de que, se algún xornalismo en papel ten futuro, ese é o de proximidade. Iso non quita que teñamos presenza nas redes sociais, con dous perfís (Facebook e Instagram) que nos dan grandes alegrías.

-E aínda por riba, en galego. Non che dicían que estabas un pouco tola?

Non, pero é o que dis ti, a moitos xa lles parecía un suicidio o de montar un xornal en papel, para canto máis ao ver que estaba escrito en galego, o comentario era en plan... "por riba!" (risas).

"Neste país o fracaso está demonizado, e moita xente non se atreve a facer realidade unha idea por medo a que non funcione."

-Que lle comentarías agora ás persoas que pensaban que era tan arriscado apostar por un medio en galego e en papel nestes tempos?

Que ás veces neste mundo hai que ir a contracorrente e loitar polo que un cre. No meu caso, aspiraba a poñer de moda en Teo un xornal deses que seica xa non se levaban, e no seu día pensei: Aínda no peor dos casos, de non saír airosa da aventura, só o feito de saber que no futuro non mirarei atrás e me arrepentirei de non telo intentado, fai que xa pague a pena. Neste país o fracaso está demonizado, e moita xente non se atreve a facer realidade unha idea por medo a que non funcione. E iso é unha mágoa.

-Por que en galego?

Pois porque non tería sentido facelo en castelán, nin mo planteei, de feito. Nun concello como Teo, no que a inmensa maioría dos veciños falamos galego, que sentido tería traducir á xente logo no periódico? Ademais, eu xa levaba anos traballando nun xornal en galego e creo que desde os medios de comunicación podemos facer moito pola nosa lingua, dándolle prestixio ao usala a diario para informar. Porque se falamos no noso idioma, por que non o imos a utilizar tamén con total naturalidade á hora de escribir ou ler?

"Se falamos no noso idioma, por que non o imos a utilizar tamén con naturalidade á hora de escribir ou ler?"

-Teo é un concello moi grande e con bastante poboación no rural. Moita dela nunca lera en galego. Supoño que ao principio lles custaría. Pero que tal agora?

Claro, de feito xa foi o primeiro que me recriminou un avó nada máis nacer o Teovivo: "Como podes facernos isto aos vellos? Nós non sabemos ler en galego!". Por sorte, pouco tempo despois díxome: "Tiñas razón, érache cuestión de práctica. Pero xa estás facendo dous ao mes, que un non nos chega a nada! (risas)

Hoxe están encantados co periódico que fala coma eles,  descubriron que nunca é tarde para ler en galego e ven que pagou a pena o esforzo, como nos contaron nun obradoiro que realizamos ao ano de saír á rúa para desvelarlles o significado das palabras que aínda se lles resistían no xornal. Ver como os avós e avoas de Teo desfrutan lendo no idioma que de cativos lles prohibían na escola é sen dúbida unha das maiores satisfaccións deste traballo.

-Como foi a acollida do xornal?

Pois o certo é que fantástica, precisamente polo atractivo que ten o xornalismo de proximidade, que lles fala aos veciños do que máis lles interesa. No Teovivo os protagonistas son eles e as súas historias, contando mes a mes a vida do pobo, descubrindo cousas que tiñamos á beira da casa e descoñeciamos, poñendo en valor a nosa xente, a nosa cultura e os nosos negocios, e mesmo rescatando a memoria histórica do municipio.

"Ver como os avós e avoas de Teo desfrutan lendo no idioma que de cativos lles prohibían na escola é unha das maiores satisfaccións."

-Que é do que máis orgullosa estás destes anos de vida da publicación?

Ver como a fin de mes os teenses agardan con expectación a chegada dun novo Teovivo, algo que vexo en persoa porque tamén o reparto. Nos puntos de venda sempre me din que a partir do día 20 a xente xa anda a preguntar polo novo Teovivo, xa lles tarda (risas). Logo, se hai algo que non deixa de sorprenderme, é que son moitos os veciños que o coleccionan! Ata tivemos que facer uns arquivadores por petición dos lectores, porque gardan os xornais como se fosen tesouros. Se o penso ben, emociónome.

-Algún profesor de xornalismo da Facultade de Comunicación de Santiago dixo que o Teovivo era a mellor publicación local galega. Iso dá responsabilidade, vertixe ou orgullo?

Pois igual as tres cousas á vez, aínda que di ti que tamén inflúe o feito de que hoxe non hai moitas publicacións locais en papel. Unha pena tendo en conta o moito que se pode facer desde un xornal local. No meu, eu aplico todo o que aprendín durante os dez anos que traballei en medios máis grandes, porque ser pequeno e humilde non impide ser profesional e intentar dar un contido de calidade.

portada teovivo

-Cantas persoas traballan no Teovivo?

Desde hai ano e medio conto cunha persoa que me axuda en tarefas de administración, distribución e preimpresión. Logo, fundamental dende o primeiro día é a colaboración de Antón Galocha, no pasado o meu profesor de Deseño Gráfico na Universidade e hoxe amigo e veciño, grazas a quen o Teovivo ten un deseño ao nivel das grandes publicacións. A revisión final con el cada mes antes de metelo en imprenta é o momento que máis agardo e desfruto en cada número.

-O día a día no xornal é duro?

Duro non, pero é moito traballo, iso é innegable. Eu porque son unha persoa súper activa e teño unha capacidade de traballo... digamos que xeitosa, pero co Teovivo pasei de ser xornalista a editora, directora, redactora, fotógrafa, administrativa, comercial, publicista e ata repartidora. E hai que andar! (risas).

"Ser pequeno e humilde non impide ser profesional e intentar dar un contido de calidade."

-E reconfortante?

Moito. Que os veciños che digan que hoxe non se imaxinan Teo sen o Teovivo, que o xornal xa forma parte da nosa idiosincrasia ou que ata se converteu nun elemento vertebrador nun concello tan disperso, unindo máis á xente dunha punta a outra... Iso fai que todo o traballo pague a pena, porque como di Antón: "Que ben se pasa e que cansado é, pero tamén é cansado bailar!". Pois esa é a filosofía! (risas).

-Pódesnos contar algunha anécdota que che veña á mente?

Anécdotas? Miles! Inesquecible foi aquela reportaxe na que catro avoas descubriron co Teovivo como era o mar, levándoas por primeira vez á praia. Nisto que estaban mollando os pés, coas enaguas arremangadas, cando se achegaron dúas mozas... que resultaron ser de Teo! E vai a señora María e dime: "Eu non me encoiro! Pero estas mozas estanche guapas en bikini, si señor, aínda non dan vergonza!" Que risas botamos, tras o que as inmortalizamos nunha simbólica foto co pasado e presente das mulleres teenses.

Noutra ocasión, vou entrevistar un centenario a Calo e cal é a miña sorpresa cando me conta que el sae todos os días de viños pola zona. Pois alá me fun unha mañá de chiquitas con el! Porque xa se sabe que o deber de todo xornalista é contrastar a información, e esta soaba incrible pero érache ben certa, e que reportaxe máis divertida nos quedou para o recordo! (risas)

"Que os veciños che digan que hoxe non se imaxinan Teo sen o Teovivo fai que todo o traballo pague a pena."

-Cres que a situación da nosa lingua mellora?

Non, eu véxoa empeorar día a día. Abóndame con pisar os colexios de Teo e ver a cantidade de nenos que falan castelán. Co cal, o galego xa non só vai a menos nas cidades.

-Cres que a nivel particular se pode traballar a prol do galego e fomentar o seu uso?

Claro! Na man de todos e todas está manter viva a nosa lingua, e o Teovivo é un pequeno exemplo. Só hai que crer nela, quererlle e ter claro que é unha riqueza ter un idioma propio, usémolo!