En Viveiro o final do mes de agosto é especial. Alí se celebran varios días de festa, comida e bebida no Naseiro 2025, do 22 ao 27 de agosto. Declarada en 1967 Festa de Interese Turístico Nacional, a romaría do Naseiro 2025 é peculiar xa que quen participan da festa conviven durante cinco días nunha contorna natural e diferente. Consulta o programa da romaría de Viveiro, tamén coñecida coma a “Romaxe do Bo Xantar”, que se celebra no val do Naseiro, na vila de Viveiro.
Programa do Naseiro 2025

Milleiros de persoas acoden ao Naseiro para aloxarse en improvisadas cabanas construídas para a ocasión, creando unha vila que tamén conta cun mercado propio e numerosos postos de comida e de bebida. Todo iso sen esquecer a música das orquestras e unha gran variedade de atraccións.
A festa comeza o venres pola tarde, é o chamado "Día do Polbo", no que se organiza unha gran cea ao son de bandas de música e gaiteiros. Os seguintes días son para comer, beber e divertirse. O marisco, o caldo, a empanada e a típica sardiñada nunca faltan nestes días.
Dende o ano pasado a comisión das festas do Naseiro de Viveiro decidiu ter uns horarios fixos para as sesións vermú e para as verbenas:
- Sesión vermú dende as 14:30 ata as 16:00 h.
- Todas as verbenas darán comezo ás 23:00 h.
Tendo en conta isto, aquí che presentamos o programa da romaría Naseiro 2025:
Venres, 22 de agosto: Día do Polbo
- Comida e charangas.
Sábado, 23 de agosto
- 13:30 h. Misa na Capela do Campo da festa, con posterior procesión, na honra da Virxe dos Remedios.
- 14:30 h. Sesión vermú.
- 23:00 h. Verbena popular coas orquestras Elebé e Pasión.
Domingo, 24 de agosto
- 13:30 h. Misa solemne na honra da Virxe de los Remedios na Capela do Campo da festa, seguida da procesión.
- 14:30 h. Sesión vermú.
- 23:00 h. Verbena coas orquestras Supertop e Alcántara.
Luns, 25 de agosto
- 14:30 h. Sesión vermú.
- 23:00 h. Verbena coa orquestra Salsarena e o grupo Arizona.
Martes, 26 de agosto
- 14:30 h. Sesión vermú.
- 23:00 h. Verbena co grupo Los Españoles e a disco móbil Conxuro.
Mércores, 27 de agosto: "Día do Neno"
- Atraccións a prezos populares no Campo da festa.
A orixe da romaría do Naseiro de Viveiro

Segundo conta a historia, a orixe da romaría do Naseiro de Viveiro remóntase ao ano 1933. Daquela, José Barros, veciño de Viveiro e empresario de Chavín, dono dunha nave para a fabricación de compoñentes de automóbiles, impulsou esta iniciativa por primeira vez para enxalzar, non un alimento en particular, senón a comida en xeral.
O Naseiro comezou hai máis de 80 anos como unha concentración de xente á beira dun río, o Landro, onde se colocaban as nasas, pois estes aparellos de pesca eran de uso habitual na zona. Reuníronse para comer e gozar do lugar e hoxe xa é unha das festas máis coñecidas de España.
Entre as árbores do Naseiro, hoxe e por aquel entón, constrúense longas mesas e cabanas ou casetas de todo tipo onde o importante é gozar da boa comida e da xente.
Outro ano máis sen a "Baixada do Landro"
Despois de máis dun cuarto de século de celebración, en 2019 suspendeuse a tradicional "Baixada do Landro" do luns en Naseiro porque as autoridades entendían que esta actividade era "incompatible coa conservación dos valores naturais" da zona.
Por iso, a organización da romaría deixou de celebrar este acto lúdico (un dos máis famosos da festa) no que decenas de romeiros e romeiras saltaban disfrazados á auga dende o eucaliptal de Chavín en todo tipo de aparellos flotantes creados por eles mesmos para chegar á vila da romaría. Un acto de divertimento onde os barcos e os disfraces eran o centro de atención.
Recomendacións para O Naseiro 2025
A comisión de festas fai un traballo inxente na organización do Naseiro 2025, polo que sempre pide a colaboración de todos os romeiros e todas as romeiras.
Dende hai anos o Concello elabora un bando municipal recomendando boas prácticas para a festa, xa que a contorna natural é de vital importancia para a comarca. Así que convén lembralo se queres asistir.
- Prohíbese a realización de cabanas, casetas ou peches das parcelas con plástico negro, ou outros materiais non acordes coa contorna.
- Queda prohibido facer lume preto das árbores e, en todo caso, fóra dos espazos destinados para el.
- Existen aseos preto da contorna da romaría e pídese que se faga un uso adecuado dos mesmos.
- Os residuos deberán depositarse nos colectores instalados para tal fin, respectando a súa recollida selectiva.
- Todos os elementos, obxectos ou pertenzas que os peregrinos utilicen para a celebración da romaría deberán ser desmontados e/ou recollidos ao remate da festa.
- A romaría realízase nun espazo natural protexido incluído na “Rede Natura 2000” e nun medio fluvial, polo que é necesario respectar a contorna e as normas que o protexen e que establezan os órganos competentes.
Se hai unha festa que non podes perder, é esta. Non sabemos se é a mellor, pero é unha das máis curiosas que coñecemos. Por suposto, para saber por que... terás que ir!
Fonte imaxe de cabeceira: Comisión de Festas Naseiro.