Lalín é a capital do cocido. Un prato ao que homenaxean cada ano coa súa popular Feira do Cocido e ao que dedican todo un "Mes do Cocido". Así que en Lalín nunca che faltarán opcións para gozar do seu produto estrela. Queres saber onde comer o mellor cocido de Lalín?

Din que "De Santo Amaro a San Valentín, Mes do Cocido en Lalín". En R cremos que sempre é bo momento para degustalo, así que recompilamos restaurantes nos que podes gozar do cocido en Lalín calquera día do ano.

#1

Casa Currás

restaurantes lalin cocido curras

En pleno centro de Lalín, na Praza da Igrexa, a escasos metros da escultura máis retratada do lugar, a do porco esculpido en bronce, atópase Casa Currás.



Manuel Vázquez Méndez e Esperanza Álvarez fundaron este local ao mando de cuxos fogóns está hoxe Alberto González.



Casa Currás leva máis de 80 anos preparando a mellor cociña galega tradicional e o seu prato estrela é o cocido. Unha recomendación: de sobremesa, proba as orellas caseiras.



O local dispón de dúas plantas: unha enfocada en tapas e viños e outra como comedor ao uso. Ademais, ten prevista a apertura dun novo establecemento en Lalín proximamente.


#2

La Molinera

La Molinera é outro dos grandes referentes da gastronomía dezana.



Aberto en 1985, o seu comedor de estilo refinado é un dos lugares máis visitados para degustar un bo cocido de Lalín.



Diego López "Moli", que conta na súa vitrina con premios e recoñecementos como o de “Mellor Cociñeiro do Ano en Galicia”, capitanea os fogóns dun restaurante con ampla tradición familiar que xestiona xunto coa súa irmá.



Nel, o cocido chega ás mesas coas caretas de porco enteiras que se trinchan diante de ti. Para a súa elaboración, respectando sempre a maneira tradicional, materia prima de calidade que converte un produto de orixe humilde nun prato de alta cociña.


#3

Cabanas

restaurantes lalin cocido cabanas

Outro establecemento de parada obrigada en Lalín para degustar o cocido é o restaurante Cabanas.



Situado nunha das rúas máis coñecidas do centro urbano, fixo da cociña tradicional con toque creativo e atención ao detalle o seu sinal de identidade.



Na súa carta non falta o cocido de Lalín, elaborado a base de carnes de porcas nais, que son curadas, afumadas e salgadas, e se acompañan de grelo, pataca cocida, garavanzos e chourizos.



Cabanas levou o Cocido de Lalín a lugares tan dispares como Madrid, Andorra ou a Embaixada Española no Vaticano.


#4

La Estación

restaurantes lalin cocido estacion

A poucos quilómetros do centro urbano de Lalín, nas inmediacións da estación de tren, atópase o restaurante La Estación.



Un veterano da cociña do Deza cuxa carta está composta por eses pratos de toda a vida, elaborados con coidado e mimo, que nunca defraudan. Entre eles, por suposto, o cocido de Lalín.



Acompañado da súa sopa, poderás saborear un cocido caseiro de racións xenerosas no que non faltan as carnes afumadas locais que marcan a diferenza.


#5

Casa Ruliña

restaurantes lalin cocido casa rulina

Unha das máis recentes incorporacións á hostalería do Deza é Casa Ruliña.



Trátase dun aloxamento e restaurante situado a menos de 10 minutos do centro de Lalín que traballa os produtos frescos e de proximidade.



E, como non podía ser doutra maneira na zona, eles mesmos mostran o seu orgullo por "unirnos á rica tradición do Cocido de Lalín e contribuír ao seu legado".


#6

Pazo de Bendoiro

O Pazo de Bendoiro é un elegante hotel gastronómico situado na parroquia de Prado (Lalín).



Dispón de comedores, zona chill out, terrazas e salóns privados.



No seu restaurante, ofrece carnes e peixes á brasa de carbón e, por suposto, o tradicional cocido de Lalín.



Nel celébranse múltiples eventos, así que o máis recomendable é reservar o teu cocido con antelación.


#7

Las Palmeras

restaurantes lalin cocido as palmeras

Podes atopar Las Palmeras a 50 metros da céntrica "Fonte dos Cabalos".



É un aloxamento de carácter familiar que dispón dun restaurante experto en comida tradicional.



Conta cunha ampla variedade de menús que varían en función da tempada, aínda que sempre con especial predilección polos produtos da terra e, especialmente, polo cocido de Lalín, unha das especialidades da casa e cuxa elaboración foi merecedora do Premio Gastronómico "Álvaro Cunqueiro".


#8

O Polo

restaurantes lalin cocido o polo

O Polo, situado na rúa Pintor Laxeiro de Lalín, foi fundado en 1969.



Dende entón, xa son moitas décadas ofrecendo con éxito comida tradicional e caseira, no propio local e a domicilio, aínda que sen renunciar a introducir algún prato máis novo.



O cocido de Lalín é un dos seus pratos imprescindibles.


#9

Casa San Martin

restaurantes lalin cocido casa sanmartin

Desprazámonos agora a varios quilómetros do centro da capital dezana.



Na parroquia lalinense do Corpiño, onde se atopa un dos santuarios relixiosos máis coñecidos de Galicia, A Nosa Señora do Corpiño, está Casa San Martin.



Unha casa de comidas tradicional e ambiente familiar na que podes gozar de suculentos pratos de culler galegos e tamén dun completo cocido de Lalín.



Fan comidas por encargo e tamén para levar.


#10

Restaurante Museo Casa do Patrón

Que tal degustar un cocido de Lalín nun museo etnográfico?



No lugar de Doade está o Restaurante Museo Casa do Patrón. Un museo etnográfico do rural galego no que se reúnen máis de 4.000 pezas.



Entre sala e sala, escóndese un restaurante no que, por encargo, podes gozar dun cocido completo de Lalín, acompañado da mellor repostería caseira.


#11

Pontiñas

No centro urbano de Lalín atópase o Hotel Restaurante Pontiñas.

Dispón de terraza e conta con capacidade para albergar ata 200 comensais, con opción tamén de solicitar comidas por encargo.

No seu restaurante, comida caseira e elaboración de pratos típicos da zona, entre os que non falta o cocido de Lalín.

Entre tantas opcións, xa só falta que elixas lugar e data para comer un cocido de Lalín :)

Fonte imaxe cabeceira: Xunta de Galicia.