Uns días antes do Entroido, Lalín celebra a súa Feira do Cocido, unha das festas gastronómicas máis populares de Galicia. Contámosche máis sobre o programa de actividades, a historia, os ilustres pregoeiros e pregoeiras, o tradicional desfile de carrozas e, por suposto, a receita do cocido de Lalín e onde podes comelo.

A Feira do Cocido celébrase sempre o domingo anterior ao domingo de Entroido. Así que este ano, o domingo 12 de febreiro, Lalín vístese de gala para acoller a 55 edición da Feira do Cocido.

O cartel deste ano é obra do pintor galego Diego de Giráldez, titúlase "Simbolismos de Lalín" e representa un porco, unha folla de grelos, un prato e un globo terráqueo.

Unha orixinal carta de presentación para unha cita que se converteu na antesala perfecta do Entroido galego.

Historia da Feira do Cocido de Lalín

A historia da Feira do Cocido remóntase ao ano 1968, cando os seis alcaldes dos municipios que integran a comarca do Deza, entre eles Lalín, se reuniron para pensar unha estratexia de dinamización da gastronomía da zona. Ao ano seguinte, Lalín celebrou a súa primeira Feira do Cocido.

É, por tanto, unha das festas gastronómicas máis antigas de Galicia.

Ao longo dos anos, a súa popularidade multiplicouse. Hoxe, atrae a decenas de miles de visitantes chegados dende múltiples puntos de dentro e fóra de Galicia e, ao mesmo tempo, recibe recoñecementos que confirman a súa fama.

No ano 1999, a Feira do Cocido foi declarada Festa de Interese Turístico de Galicia. En 2010 pasou a ser Festa de Interese Turístico Nacional. E en 2020 recoñecérona como Festa de Interese Turístico Internacional, converténdose na primeira festa gastronómica de España merecedora de tal distinción.

Mes do Cocido

"De Santo Amaro a San Valentín, Mes do Cocido en Lalín".

É dicir, que non só hai cocido en Lalín o 12 de febreiro. Dende o 15 de xaneiro ao 14 de febreiro xa podes achegarte a degustar o cocido nalgúns dos restaurantes que preparan este prato.

Porque Lalín quenta motores durante todo o ano para o seu gran día a través dunha infinidade de actividades para todos os públicos.

Para os máis pequenos, actividades como o "Cocido Miúdo" ou "Divercocido".

No ámbito deportivo, citas como o Rally do Cocido, a Carreira do Cocido, o Roteiro de Coches Clásicos do Cocido ou a concentración moteira Motococido.

Na súa faceta máis etnográfica, destaca a recreación dunha matanza tradicional galega. En cada edición, a organización corre a cargo dunha parroquia do municipio. En 2023, encárganse os/as veciños de Barcia.

Ademais, cocidos solidarios, conferencias e xornadas centradas na gastronomía ou exposicións como "Emporcarte".

Axenda de actividades da Feira do Cocido de Lalín

O domingo 12 de febreiro é o día grande da Feira do Cocido de Lalín e está repleto de actividades.

Actuacións musicais, orquestras e coloridas charangas animan as rúas da localidade durante toda a xornada.

Ás 10:30 h, recepción ao pregoeiro no Concello e celebración da Encomenda do Cocido, que finaliza coa firma no Libro de Honra e coa impresión das súas mans nun molde.

No Campo da Feira, colócase unha gran carpa que acolle postos de venda e exposición de produtos de artesanía e gastronómicos.

Ás 12:45 h, pregón na Rúa Principal, un lugar céntrico e emblemático que conta cun veciño moi especial: o Momunento ao Porco, unha orixinal escultura de bronce realizada por Manolo Rial coa figura do animal máis representativo desta festa gastronómica.

Ás 13:00 h, desfile de carrozas, comparsas, charangas, agrupacións musicais e Entroidos tradicionais galegos, encabezado polo porco "Queitano".

Premios e recoñecementos da Feira do Cocido de Lalín

A Feira do Cocido é unha festa popular que premia o esforzo e a creatividade de veciños e visitantes ao enxalzar o seu cocido.

Para empezar, hai premios para as carrozas participantes no desfile. En 2023, sete carrozas competirán por conseguir algún dos cinco premios existentes, dotados con 2.000, 1.500, 1.000, 500 e 300 euros e que outorgará un xurado composto por membros da prensa e da cultura. É requisito indispensable para participar que as carrozas se constrúan no municipio de Lalín e valórase especialmente a súa adecuación á temática da festa.

Doutra banda, o concello de Lalín outorga o Premio de Xornalismo Gastronómico "Álvaro Cunqueiro", que reparte 5.000 euros divididos en dúas categorías: un primeiro premio de 4.000 euros para un traballo xornalístico gastronómico publicado en soportes dixitais ou escritos e un segundo premio de 1.000 euros para o mellor traballo académico.

Tamén se conceden os Premios de Gastronomía de Galicia, que este ano se entregan nunha gala emitida pola TVG o venres anterior ao día grande do Cocido. Neles recoñécese a traxectoria e o bo facer de diversas persoas e entidades gastronómicas.

Os/as pregoeiros/as da Feira do Cocido

Cada ano, a Feira do Cocido conta cun pregoeiro encargado de encomiar a riqueza gastronómica e cultural da festa.

Este ano, será o xornalista José Ribagorda. Ademais de ser un recoñecido comunicador, presentador de informativos e crítico gastronómico, editor da páxina "De las cosas del comer", recibiu no ano 2011 o mencionado premio Álvaro Cunqueiro que outorga o concello de Lalín.

Pero este é só o último nome en incorporarse a unha ampla listaxe de rostros populares dos medios de comunicación, o xornalismo, a cultura, a literatura ou a gastronomía que exerceron de pregoeiros en sucesivas edicións da Feira do Cocido. Entre eles, Karlos Arguiñano, Luis del Olmo, Susanna Griso, Fernando Ónega ou Manuel Jabois.

Non podemos esquecernos do primeiro pregoeiro, Álvaro Cunqueiro, alá polo ano 1969.

Nin de Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega e pregoeiro da emblemática edición número 50 da Feira do Cocido, quen definiu o cocido como "o Pórtico da Gloria da gastronomía de Galicia".

Restaurantes nos que comer o Cocido de Lalín

Hai preto dunha trintena de establecementos hostaleiros nos que podes saborear o cocido de Lalín. Aínda que hai oferta para diferentes públicos, gustos e prezos, en todos eles se rende homenaxe culinaria á receita tradicional.

A calidade do cocido de Lalín é sobradamente recoñecida pero, ademais, todos os establecementos participantes están suxeitos ao Selo de Calidade do Cocido de Lalín.

Aquí tes a listaxe completa dos restaurantes nos que se serve cocido, con datos sobre a súa localización, capacidade ou prezo.

Receita do Cocido de Lalín

O cocido é un prato moi completo que esixe bastantes ingredientes e un considerable tempo de preparación.

O porco é o seu ingrediente estrela. Para elaborar un cocido, necesítanse: cabeza de porco curada; lacón curado; espiñazo; rabos salgados; touciño; costela, orellas, lingua e uñas salgadas; chourizos; galiña; faldra ou xarrete de tenreira; graxa; garavanzos; fabas; grelos e patacas.

O proceso de elaboración empeza catro días antes, cando se pon o lacón a desalgar en auga fría.

Dous días antes, lávase e ponse a desalgar e hidratar en auga fría toda a carne de porco.

O día anterior, hai que poñer a remollo garavanzos e fabas.

Á hora de ferver, primeiro ponse a carne xunto co touciño. Noutro cazo, cociñamos garavanzos e chourizos. E as verduras cocerémolas no mesmo pucheiro no que fixemos a carne.

Xa ves que sobran motivos para achegarte a Lalín a degustar un bo cocido e gozar das actividades da Feira do Cocido, unha das festas gastronómicas máis populares de Galicia. A mellor receita para combater o frío do inverno :)

Imaxes: Concello de Lalín, Turismo de Galicia, Twitter José Ribagorda, Wikipedia.