Temos alma teleco. E é que o 60% dos enxeñeiros que forman parte do equipo humano de R graduáronse na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación (ETT) de Vigo. Para que che fagas unha idea, ao longo destes anos, máis de 100 estudantes da EET acheáaronlle todo o seu talento ao proxecto tecnolóxico de R.
E esa relación entre R e a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación segue máis viva que nunca. Porque son moitos os retos que temos por diante: ciberseguridade, Internet das Cousas ou a era 6G.
Cóntanolo Rebeca Díaz, directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación (ETT) de Vigo.
A transformación dixital disparou a demanda de perfís telecos
O 95% dos egresados do Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación están a traballar. Un éxito que, para a súa directora, débese en parte ao carácter práctico desta formación: “O 50% do seu tempo de estudo céntrase no traballo en laboratorios e no desenvolvemento de proxectos”.
E isto permite que os estudantes teñan perfís moi versátiles para incorporarse en calquera empresa TIC: “Non só entenden e aplican as tecnoloxías máis novas, senón que, ademais, son quen de actualizarse rapidamente á vertixinosa evolución das tecnoloxías no noso sector”.
Unha transformación dixital que acelerou a pandemia, como apunta Rebeca Díaz: “Provocou que a sociedade sexa máis consciente que nunca da súa dependencia dos sistemas de información e a comunicación a distancia. O adxectivo ‘telemático’ e as tecnoloxías TIC (información e comunicacións) convertéronse en termos familiares nas nosas vidas, dado que se aplican de forma transversal a todos os ámbitos económicos. Por iso é polo que os nosos/as titulados/as teñan tanta demanda en calquera sector”.
E cal é esa demanda?
A directora da Escola recoñece que se lles adoita asociar ao ámbito Telco (operadoras e provedoras de servizos), pero hai moito máis: “O comercio electrónico e a loxística, solucións de electrónica, solucións de automática, xestión de sistemas informáticos, Internet das Cousas, ciberseguridade e privacidade en solucións informáticas, procesamento de imaxe e son, tecnoloxías cuánticas, intelixencia artificial e comunicacións satelitais, etc.”
Pero tamén nos ámbitos emerxentes, onde “as persoas que formamos na nosa escola van ter un papel moi relevante”.
Falamos de:
- “As tecnoloxías cuánticas que modificarán substancialmente o ámbito TIC, tanto para a computación como para as comunicacións e criptografía”.
- “As novas tecnoloxías para a comunicación móbil -xa se está a falar da era 6G, que permiten maiores velocidades, menores latencias e debuxar novos escenarios en múltiples sectores, como o industrial ou o médico. Este soporte tecnolóxico permitirá que o Internet da Cousas se xeneralice máis aló do ámbito do fogar, para conseguir solucións para industria, para cidades ou para redes estratéxicas, como a Smart Grid”.
- “A optimización de procesos relacionados co intercambio de información e o seu procesamento para dotar os sistemas de cómputo de capacidade de aprendizaxe (o que popularmente se coñece como Intelixencia Artificial), usando grandes volumes de datos, e permitindo autonomía nas decisións. É o que se usa, por exemplo, nos vehículos autónomos”.
- “A aplicación de tecnoloxías de realidade aumentada para conseguir que a experiencia de comunicación para lecer e traballo sexa máis amigable e próxima”.
O reto da ciberseguridade
A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación (ETT) de Vigo colabora na Cátedra R en Ciberseguridade, xunto coa Universidade da Coruña.
Unha especialización de futuro para os estudantes: “Agora é unha necesidade para moitas empresas, pero dispoñer de perfís formados no ámbito da ciberseguridade será imprescindible para calquera actividade empresarial a curto e medio prazo”, asegura Rebeca Díaz.
Mitos que derrubar
Que se é unha carreira moi difícil, que se a nota de corte é alta dispara o interese... Son eses mitos que prevalecen ao longo dos anos e que cómpre derrubar.
A directora da Escola asegura que “as nosas taxas de éxito académico son equiparables ás doutras titulacións e, especialmente, nos dous últimos cursos de especialización: case un 90% do alumnado supera as materias sen incidencias nin atrasos”.
E algo moi importante: “O alumnado pre-universitario e as persoas da súa contorna de influencia (familias, docentes…) deberían prestar atención aos intereses persoais do estudante, por suposto, e despois moita atención á proxección laboral tras os estudos”.
E fomentar a presenza feminina nas aulas
A porcentaxe de mulleres sitúase en torno ao 23% do alumnado do grao. Algo preocupante para Rebeca Díaz e que sucede recurrentemente no ámbito STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas).
Por iso, ela colabora en varios programas que traballan con alumnado de primaria para tratar de visibilizar a referentes femininas no ámbito da enxeñaría. Ademais das iniciativas que impulsa a Escola, como talleres formativos para nenas e mozas.
E é que as mulleres da EET son un colectivo moi activo: “No equipo de dirección somos catro mulleres e a delegación de estudantes da escola está presidida por unha muller, por exemplo”.
Na súa opinión é un problema que require do deseño de accións globais: “Apéname ver que en ocasións este tema se percibe como un problema de mulleres que debemos resolver as mulleres. Na miña opinión, é un tema global, social, con implicacións serias na innovación e a investigación (que en moitos casos está sesgada pola perspectiva masculina)”.
Dende R seguiremos moi de preto os pasos da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación de Vigo. E continuamos traballando man a man para seguir tendendo pontes de unión entre empresa e universidade.
Moitas grazas, Rebeca Díaz, por esta charla. Desexámosvos moitos éxitos.