Estamos contentos: R vén de ser nominada para os Premios de Innovación do Congreso do Cable 2015 que se celebra en Bruxelas. Velaquí a lista de nominados.

A este foro, referente do sector a nivel mundial, levamos un proxecto de canles interactivas de nova xeración que ben pronto coñeceredes. Visto o visto, alí gustou dabondo, dende logo, pois somos un dos tres seleccionados polo xurado para competir polo galardón. Polo de agora, só pensamos en preparar as maletas para estar en Bélxica nuns días. Polo menos coma finalistas... entre o melloriño do sector a nivel internacional, iso si.

Presentamos o proxecto co nome de “Cloud video engine for the realtime generation of interactive channels” e baixo esa longa etiqueta agóchase a tecnoloxía que nos está permitindo desenvolver novas canles interactivas, entre elas a da Coruña Smart City que, por certo, xa está operativa para os que teñades desco HD (dial 141). Temos, así mesmo, outras dúas canles en produción: unha baseada en trailers e redes sociais e outra onde se mostran simultaneamente 24 canles en mosaico para acceder a calquera delas cun só clic. Nesas estamos.

O mellor de todo é que, ademais de R, as responsables desta tecnoloxía son dúas empresas 100 por 100 galegas: Cinfo e Syntheractive. A primeira delas, especializada na creación de produtos e solucións para televisión dixital interactiva xa está afeita a traballar con grupos de I+D de diferentes Universidades coma, desta volta, Syntheractive, unha startup de alta tecnoloxía que naceu na Universidade da Coruña da man dun grupo de novos investigadores.

un evento líder para un sector líder

O certo é que o cable está en alza. Para mostra, o propio Congreso do Cable 2015, coma vos diciamos, o evento líder do sector en Europa e referente mundial para a industria do cable. Durante tres días (11-13 de marzo) Bruxelas acolleu, no sonado espazo de The Square, presentacións estratéxicas, mesas redondas e debates interactivos cos voceiros e axentes máis prestixiosos do mundo do cable e das novas industrias dos medios de comunicación.

R, por suposto, quere estar (e estará) aí para intercambiar información e incorporar ao seu ADN as mellores prácticas da industria do cable co retorno inestimable de operadores de rede, provedores de servizos e de contidos, fabricantes de equipos e de software, prensa, analistas, investidores... etc. Para comezar, aspiramos a un galardón que o ano pasado conseguiron sinaturas do nivel da holandesa Ziggo (filial de Liberty Global, a compañía internacional de cable máis grande do mundo con presenza en 14 países) ou da sueca Com hem, o primeiro operador de cable de Suecia. Ou sexa, o xeito galego convivindo dende xa co bo facer dos nórdicos: outra visión.

tamén grazas a vós

Por iso compartimos convosco hoxe a nosa ilusión por este premio para o que estamos nominados e que honra as innovacións no sector con proxección de futuro. O que celebra, en realidade, son esas ideas das compañías de cable que co seu traballo e a resposta dos seus clientes marcaron unha diferencia en 2014. De aí que vós tamén formedes parte desta nominación; sen a vosa confianza e achegas non poderiamos competir nin innovar en ningún caso.

Que nervios... O gañador coñecerase nunha cerimonia no transcurso do Congreso a semana que vén. Oxalá que cumpra escribir outro post deseguido para vos contar unha boísima nova en vindeiros días.