Se buscas listas de vilas, municipios ou cidades que cómpre ver en Galicia, Cambados está en todas elas. As razóns son moitas e son unánimes. Contámosche que ver en Cambados e por que esta vila mariñeira da costa pontevedresa, en plena ría de Arousa, engaiola a quen alí fan parada. E por se non queres perder ningún dos seus fermosos e maxestosos recunchos, seleccionamos para ti os monumentos ou lugares que debes visitar.

Cambados posúe un dos conxuntos histórico-artísticos mellor conservados de Galicia con infinidade de pazos señoriais, rúas nobres e monumentos. Compárase cun museo de pedra ao aire libre. Pero ademais da súa beleza arquitectónica, a vila tamén é coñecida por ser a capital do viño Albariño. En pleno val do Salnés, á beira da ría de Arousa, Cambados mestura historia, pedra, viño e mar.

Recompilamos aquí os principais lugares para ver na señorial e nobre localidade de Cambados.

#1

Ruínas de Santa Mariña Dozo

Ruinas de Santa Mariña Dozo

Seguro que xa viches esta fotografía nalgún momento da túa vida. É un dos cemiterios máis fotografados de toda España, ou como dixo o escritor Álvaro Cunqueiro, “o cemiterio máis melancólico do mundo”. E, por iso, encabeza a lista de que ver en Cambados.

As ruínas de Santa Mariña Dozo son os restos da antiga igrexa parroquial cambadesa e están situadas na ladeira do monte da Pastora, nas inmediacións dun antigo castro.

Sobre unha capela románica do século XII construíu don Lope Sánchez de Ulloa a igrexa de Santa Mariña Dozo, que foi restaurada e ampliada pola súa filla, dona María de Ulloa a finais do século XV.

A igrexa era de estilo gótico marítimo, aínda que con toques renacentistas. Quedou sen teito e abandonada por motivos políticos a mediados do século XIX, tras o cal a igrexa parroquial foi trasladada ao convento de San Francisco, en pleno centro urbano. Actualmente o lugar utilízase como cemiterio parroquial.

Os restos foron declarados Monumento Nacional en 1943 e 70 anos despois, en decembro de 2013, e as ruínas de Santa Mariña Dozo foron incluídas na prestixiosa Asociación de Cemiterios Singulares de Europa (ASCE).

#2

Pazo e praza de Fefiñáns

A construción do Pazo e da Praza de Fefiñáns comezou no século XVI por orde de Juan Sarmiento y Valladares, señor de Fefiñáns e conselleiro do rei Filipe II. A súa construción remata no século XVII, da man do seu sobriño don Gonzalo de Valladares, I Vizconde de Fefiñáns, título outorgado polo rei Filipe IV.

A primeira vista na fachada do pazo intúese unha clara influencia da arquitectura renacentista italiana. Ten forma de "L" e dous fermosos balcóns circulares situados nos dous extremos do edificio. O pazo ten dúas grandes portas de acceso, e sobre elas, dous escudos de liñaxes familiares.

O conxunto arquitectónico está rematado por unha gran torre e un arco-ponte barroco no extremo norte do pazo. Antigamente a praza estaba pechada con outros tres arcos.

Hoxe, na planta baixa do pazo sitúanse dúas adegas de viño albariño, unha delas, a adega Palacio de Fefiñanes, foi a primeira en comercializar viño Albariño con marca e etiqueta.

Engádeo na túa lista de que ver en Cambados cando vaias de visita.

#3

Igrexa de San Bieito

Iglesia de San Benito

A igrexa de San Bieito pertence ao conxunto do pazo de Fefiñáns. Trátase dun antigo templo románico que foi remodelado a principios do século XV e reconstruído no século XVII por orde de D. Gonzalo de Valladares, colocándoo baixo o patrocinio do santo beneditino. Do mesmo xeito que o pazo, foi declarado Ben de Interese Cultural en agosto de 2012.

A fachada e as torres foron construídas no ano 1784 e os seus elementos máis destacados son os dous campanarios barrocos e o seu interior gótico, onde se pode admirar a bóveda principal, as dúas capelas interiores coas tumbas de D. Gonzalo de Valladares e a súa muller dona María Ozores e Silva, e a capela maior presidida por un retablo barroco.

Chaman a atención de todos os visitantes as dúas figuras de granito da entrada ao adro da igrexa. Van vestidas de guerreiros con maza e escudo; escoltan os enterramentos dos seus señores situados no interior do templo e protexen, simbolicamente, a praza e a igrexa. Son os chamados guerreiros "Balboas".

#4

Torre de San Sadurniño

A construción da torre de San Sadurniño remóntase á época en que tamén se erixe a catedral de Santiago de Compostela. O auxe económico do templo fixo que se levantasen atalaias para defender a ría de Arousa e a entrada marítima conspostelá, fronte aos ataques normandos e viquingos.

A torre de San Sadurniño foi construída na coñecida como illa da Figueira, en tempos do bispo Sisnando I de Compostela, na Alta Idade Media, e posteriormente foi reparada polo arcebispo Xelmírez.

O seu funcionamento estivo ligado ao resto de torres construídas por toda a ría de Arousa. Mediante fogueiras alertaban de posibles ataques á ría. A torre da Lanzada enviaba o aviso á torre de San Sadurniño, que lanzaba o sinal á torre de Cálogo de Vilanova de Arousa, que á súa vez o mandaba ás torres do Oeste, en Catoira, avisando para a súa defensa a toda a comarca e a Santiago de Compostela.

A torre representa os restos do que fora unha fortaleza destruída nas revoltas irmandiñas, e reconstruída de novo por Gómez de Sotomayor ata que foi abandonada. Esta defensa contra os ataques dos viquingos e sarracenos valeulle a Cambados que o rei Fernando VII a nomease "Vila moi leal" no século XII.

Unha cousa máis que visitar en Cambados e arredores.

#5

Monte da Pastora

Detrás das ruínas de Santa Mariña Dozo está o monte da Pastora, o punto máis alto de Cambados. Cheo de árbores autóctonas, cunha zona onde xantar e de paseo ben coidados, conta cun miradoiro cunhas vistas espectaculares da ría de Arousa.

Dende alí pódense divisar as grandes extensións de viñedos de Albariño, a veciña vila do Grove ao fondo, a carón da illa da Toxa, as bateas flotando no medio da ría de Arousa, a espectacular Illa de Arousa no centro da ría, a serra do Barbanza co pico da Curota ao fondo e a desembocadura dos ríos Umia e Ulla. Vistas espectaculares que farán apreciar toda a maxestade da ría de Arousa.

Detrás do miradoiro, no medio do monte da Pastora, hai unha pequena capela. Foi construída a finais do século XVI por Juan Fariña, notario da vila. No século XVIII dedicouse á Virxe da Pastora (da que hoxe recibe o seu nome) e alberga a imaxe policromada sedente da Virxe, de gran beleza artística.

#6

Muíño de Mareas da Seca

Molino de Mareas de A Seca

Actualmente, o Muíño de Mareas da Seca é un museo. Atópase na parroquia cambadesa de San Mamede de Corvillón, entre o porto de Tragove e o pazo de Fefiñáns. Pódese reservar a súa visita con guía enviando un correo electrónico a [email protected].

Foi mandado construír por don Gonzalo de Valladares, I Vizconde de Fefiñáns, nunha entrada cun encoro duns 50 metros de lonxitude e cinco portas. Formaban o conxunto unha casa, as cortes e o pendello.

Na planta baixa do edificio do muíño estaba a maquinaria necesaria para moer a colleita co bambeo das mareas. O primeiro andar incluía os elementos de moenda e o segundo andar e o faiado estaban destinados a vivenda coas súas estancias, hoxe acondicionadas para aloxar o espazo museístico.

Outro punto de interese máis que podes engadir ao teu planing de que ver en Cambados e arredores.

#7

Barrio de San Tomé

Barrio de San Tomé

O barrio de San Tomé, que probablemente medrou pola proximidade da torre defensiva de San Sadurniño, foi un dos tres núcleos urbanos que inicialmente se xuntaron para formar Cambados, xunto con Fefiñáns e Santa Mariña.

O barrio ten unha arquitectura singular, con rúas pequenas e estreitas cheas de casas mariñeiras, xa que todos a veciñanza se dedicaba á arte da pesca, pola súa proximidade co porto.

No século XVIII o pequeno barrio foi vendido ao Marqués de Montesacro quen construíu o pazo que hoxe podemos ver no medio do barrio. Na actualidade o barrio está rehabilitado grazas a uns traballos cos que se logrou integrar axeitadamente a arquitectura mariñeira na paisaxe.

#8

Casa Museo Ramón Cabanillas

Casa Museo Ramón Cabanillas

Máis cousas que ver en Cambados? A casa natal de Ramón Cabanillas é un pequeno edificio tipicamente mariñeiro situado no barrio de Fefiñáns, a escasos cincuenta metros do pazo. Foi rehabilitado e transformado en casa museo e abriuse ao público o 28 de xullo de 1998.

Alí naceu en 1876 a "poeta da raza" e é aquí onde se desenvolve a recreación da vida e obra do escritor. Nada mellor que unha visita para coñecer todos os detalles da súa vida e da súa literatura, tan importantes para a universalidade do galego.

#9

Antigo convento de San Francisco

Antiguo convento de San Francisco

O antigo convento de San Francisco foi fundado baixo a orde franciscana e adicado á Inmaculada Concepción en 1588. A comezos do século XIX, en 1835, coa desamortización, a propiedade do edificio pasou ao Estado e os monxes tiveron que abandonalo.

Daquela, o edificio converteuse en sede de adestramento militar do primeiro batallón do Salnés, e posteriormente en escola e prisión.

Co paso do tempo, o convento foi derrubado e as pedras das cortes e doutras estancias foron empregadas para construír o peirao e o paseo da Calzada, para o bulevar do barrio de San Tomé e para asfaltar a rúa que lle dá acceso ao convento.

O templo do convento substituíu á antiga igrexa parroquial de Santa Mariña. O seu estilo é o gótico mariñeiro e tamén presenta trazos renacentistas. Consta dunha soa nave con dúas capelas con bóvedas de cruzamento.

Destaca a fachada con multitude de representacións, cinco xunturas franciscanas, as figuras de Adán e Eva, dentro de senllas cunchas, as representacións dos fundadores en posición de oración e o escudo de Figueroa.

#10

Pazo da Ulloa

Pazo de Ulloa

Tamén coñecido co nome de "A Casa dos Pazos" ou o "Pazo Quintanilla", é outro imprescindible da lista de que ver en Cambados.

Foi construída no solar que ocupaba a antiga casa de don Lope Sánchez de Ulloa pola súa filla dona María Sánchez de Ulloa, sendo residencia dos seus fillos don Diego de Acevedo, militar, e don Alonso Fonseca III , arcebispo de Santiago e Toledo e un dos impulsores da Universidade de Santiago de Compostela.

O edificio sufriu ao longo dos anos varias reformas, levadas a cabo por diferentes propietarios como a Casa de Alba ou o Marqués de Riestra. O escudo chama a atención, pois encóntrase peculiarmente virado e onde aparecen as liñaxes familiares dos Acevedo, dos Ulloa, dos Fonseca e dos Castro.

Poderiamos seguir falando de monumentos ou pazos cambadeses durante varias páxinas máis, pois só o núcleo urbano conta con máis dunha ducia deles (Pazo de Torrado, Pazo de Montesacro,...).

Se visitas a nobre vila mariñeira non dubides en acudir á oficina de turismo e alí poderás completar a información para facer un percorrido por todas elas e saber que ver en Cambados.