Buscas unha praia para ir con cans en Galicia? Neste post falámosche da normativa galega sobre o acceso con cans ás nosas praias e enumerámosche areais aos que podes levalo durante todo o ano.
Ir co teu can á praia no verán esixe procurar un areal onde poidas acceder con el e, por suposto, levar toda a súa documentación en regra e coñecer a normativa que aplica en Galicia respecto ao acceso dos animais ás praias.
Normativa cans praias de Galicia
En Galicia, a normativa establece que os cans non poden ir ás praias galegas os meses de verán, entre o 1 de xuño e o 30 de setembro, aínda que si poden camiñar por elas o resto do ano.
Ademais, establece unhas pautas xerais de obrigado cumprimento:
• Leva sempre bolsas para recoller os seus excrementos.
• Non esquezas o correspondente microchip identificativo nin a cartilla de vacinas do can.
• Se o teu can pertence a unha raza potencialmente perigosa, debe levar buceira e ir atado.
De todos os xeitos, correspóndelle a cada concello concretar as súas propias normas e destinar praias para ir con cans en Galicia, mesmo no verán. Algúns habilitan areais enteiros, outros certas zonas ou mesmo determinados horarios. En xeral, nas praias con bandeira azul adoita estar prohibido o acceso de animais.
Praias para cans en Galicia
Non sempre resulta fácil atopar unha praia á que poidas ir acompañado do teu can en pleno verán, pero si contamos en Galicia con diferentes areais repartidos pola costa da Coruña, Pontevedra e Lugo nos que o teu can é benvido durante todo o ano e en calquera momento do día.
Toma nota destas praias para cans en Galicia, e contámoscho todo enumerándoas por provincias.
Praias para cans na Coruña
Na provincia da Coruña hai catro praias para cans, alén de todas as praias de Sada en horario nocturno, ás que tamén poden ir no verán.
Praia de Bens, na Coruña

A praia de Bens ten a consideración de “praia canina” na Coruña á que podes levar o teu can en calquera momento do ano, sempre baixo o control e responsabilidade dos seus donos.
É un areal que non dispón de bandeira azul e nada multitudinaria. A pesar de o seu reducido tamaño, non adoita haber problema para atopar un oco e, ademais, conta con doado aparcamento e acceso para persoas con discapacidade.
Praias de Sada
A Ordenanza Xeral de Limpeza e Medio Ambiente do Concello de Sada permite o acceso dos cans ás praias no verán, do 1 de xuño ao 30 de setembro, en horario de 22.00 h a 10.00 h.
Así que os areais de Sada son praias para cans nesa franxa horaria. Poderás levar o teu can ás praias de Arnela, Morazón, San Pedro e o resto de praias de Sada.
Praia A Magdalena, en Cabanas

Na ría de Ares, en Cabanas, está a praia A Magdalena. No extremo sur deste areal hai unha zona para cans durante todo o ano.
A praia canina de Cabanas mide uns 150 metros e a contorna natural que a rodea é un dos seus grandes atractivos. Xusto ao lado, hai un piñeiral e pola zona transcorren tamén diferentes rutas de sendeirismo.
Praia de Ares

Ares habilitou un tramo da súa praia urbana para que poidas acceder con cans durante todo o ano, incluído no verán; iso si, especifican que deben estar atados ou haberá multa para os seus donos.
É unha praia de area moi fina e augas tranquilas e a zona petfriendly é a máis próxima ao porto.
Anota esta praia para cans en Galicia e goza coa túa mascota do areal este verán.
Praia O Areal, na Pobra do Caramiñal

No coruñés concello da Pobra do Caramiñal está a praia do Areal. É un areal urbano, situado en pleno centro da localidade, e amplo, con máis dun quilómetro de lonxitude.
Conta con augas tranquilas que invitan ao baño e tamén é unha zona perfecta para gozar de actividades náuticas ou pasear polo paseo marítimo anexo.
O acceso de mascotas está permitido na zona habilitada na parte sur. Así que garda esta praia para cans en Galicia este verán.
Praias para cans en Pontevedra
Buscas unha praia para cans en Pontevedra á que ir durante calquera época do ano? Atoparalas en Vilagarcía de Arousa, no Grove, en Poio, en Cangas, en Redondela ou en Vigo.
Praia O Castelete, en Vilagarcía de Arousa

Este pequeno areal situado xunto ás naves de Pita, na localidade de Vilagarcía de Arousa, é un dos máis visitados polos usuarios con cans.
Conta cunha fonte-bebedoiro, bancos, papeleiras e valados para evitar que os cans se perdan ou se afasten demasiado, especialmente tendo en conta que a praia está ao lado da estrada.
Anota esta praia de Galicia para ir con cans no verán.
Praias do Portiño, O Espiño e Louxiñas, no Grove

Fonte: Turismo de O Grove
O Grove conta con tres praias nas que se admiten cans durante todo o ano.
O Portiño e O Espiño son dúas praias contiguas situadas en San Vicente do Mar (O Grove) ás que podes acceder con cans en calquera época do ano.
Situadas preto do club náutico, son facilmente accesibles e contan con pouca ondada e area grosa, o que as fai perfectas para cans de todos os tamaños, incluso os máis pequenos.
A estas dúas praias caninas no Grove hai que sumarlle Louxiñas, na zona de Virxe das Mareas, moi próxima ao Porto Meloxo. Alén de estar preto do centro urbano, ten ao lado un parque infantil.
Praia da Pinela, en Poio
Na praia da Pinela, na zona da Seca, en Poio, os cans poden gozar do areal durante todo o ano, mesmo sen estar atados (se non son potencialmente perigosos).
Ao estar nunha zona céntrica e contar con bos accesos e prazas de aparcamento, é un lugar moi frecuentado por bañistas e paseantes.
Praia de Cunchiña, en Cangas
É unha pequena praia de Cangas situada fronte á antiga Conserveira Massó á que tamén podes levar o teu can durante todo o ano.
Salvo se o teu can corresponde a unha raza potencialmente perigosa, podes deixalo solto para que goce do areal e da auga, aínda que sempre téndoo controlado para evitar molestar a outros usuarios.
Así que anota a praia de Cunchiña en Cangas para ir co teu can mesmo no verán.
Praias de Cesantes e Chapela, en Redondela

De carácter semiurbano son tamén as praias de Cesantes e Chapela, na localidade pontevedresa de Redondela.
O areal de Cesantes, coñecido tamén como praia da Punta, é amplo, con case dous quilómetros e medio de longo, e conta cunha zona canina. Está situada ao lado esquerdo da ría de Vigo e xusto enfronte da illa de San Simón.
Chapela é unha pequena cala situada no paseo de Cardona, na zona do porto deportivo.
Se buscas praias para cans en Redondela, gárdate estas dúas.
Praias A Foz e A Calzoa, en Vigo

Amurallada está tamén unha das praias caninas habilitadas en Vigo: a praia da Foz, situada á esquerda de Samil, na parroquia de Coruxo.
Á súa dereita, está a praia A Calzoa, coa que comparte acceso.
En ambos os dous casos, é o tramo final del Río Lagares quen dá forma a estes areais, xusto antes da súa desembocadura no mar.
Son praias de doado acceso e con área próxima habilitada de aparcadoiro, xunto a un miradoiro da ría de Vigo.
Prais para cans en Lugo
E que hai das praias para cans na provincia de Lugo? Barreiros, Xove, Foz, Burela, Viveiro e Ribadeo contan con areais onde podes ir todo o ano.
Punta Corveira, en Barreiros
Na Mariña de Lugo, hai unha praia que destaca como unha das máis populares entre aqueles que acoden co seu can: Punta Corveira.
Os animais poden acceder sen correa, salvo os de razas potencialmente perigosas.
O areal dispón mesmo de duchas para cans.
Praia da Cova, en Xove

Fonte: Turismo Xove
É a única praia habilitada para cans en Xove. A praia da Cova atópase entre os areais de Lago e O Portiño na parroquia de Morás.
Mide 70 metros e non ten servizo de vixilancia.
Praia de Tupide, en Foz

Fonte: A Mariña Lucense
Entre o paseo de Laredo e o porto deportivo Portochico, no núcleo urbano de Foz, atópase a praia de Tupide, onde os cans poden estar durante todo o ano.
Ten 75 metros de lonxitude e dispón de aparcadoiro.
Praia O Penoural, en Burela

Fonte: Turismo Burela
Situada no centro de Burela, a praia de O Penoural permite cans durante todo o ano. Nela, a túa mascota poderá gozar dos seus 100 metros de lonxitude, sempre que estea controlada.
Esta praia para cans de Galicia conta con aparcadoiro próximo.
Praia de Seiramar, en Viveiro

Fonte: Turismo de Galicia
A praia de Seiramar, en Covas, é o único areal de Viveiro onde podes estar coa túa mascota durante todo o ano. Está resgardada e ten area fina, así que é ideal para gozar co teu can mesmo no verán.
O acceso é a pé e non conta con aparcadoiro, pero atópase nunha zona semiurbana onde podes deixar o coche.
O Cargadoiro, en Ribadeo
Non é exactamente unha praia, pero si unha zona baixo a Ponte dos Santos onde podes estar co teu can en calquera momento do ano.
Coñecías O Cargadoiro en Ribadeo? Esta sinalizada para baño e esparexemento.
Así que, xa sabes, se che apetece un día de praia co teu can, comproba cales admiten mascotas, respecta a normativa e goza das nosas fantásticas praias galegas.
Fonte imaxe cabeceira: Santiago Turismo.
