Queres adoptar un can? En Galicia existen refuxios, protectoras de animais e asociacións nos que podes atopar o teu "novo mellor amigo". Aquí tes toda a información sobre requisitos e trámites para adoptar e centros aos que acudir na Coruña, Vigo, Santiago e o resto de zonas.

Requisitos para adoptar un can en Galicia

En primeiro lugar, debes ser maior de idade.

A partir de aí, os refuxios ou protectoras quererán saber máis de ti para saber se estás capacitado/a para ter animais e como sería a vida do can tras a adopción. Para iso, cada centro conta cos seus propios formularios e cuestionarios nos que recollen a información de interese. É posible que tamén te citen para unha entrevista persoal.

Ademais, quererán saber onde vives e, nalgúns casos, visitarán a túa casa para saber se dispós dun espazo adecuado.

Cando ambos os dous (o centro e ti) vos teñades decidido, asinas un contrato de adopción. Nel comprométeste a coidalo e a velar pola súa saúde e o seu benestar.

Un novo fogar non sempre é fácil, así que boa parte dos centros queren manter un contacto fluído co/a adoptante para confirmar que todo marcha ben, especialmente nas primeiras semanas.

Documentación para a adopción de animais en Galicia

adoptar perros galicia cuidados

A identificación dos animais de compañía é obrigatoria; é requisito indispensable para estar figurar no Rexistro de Identificación Animal de cada comunidade.

Cando adoptas un can, danche o animal con todas as súas vacinas en regra e co seu correspondente microchip, no que figura o nome e os datos do/a adoptante. Por certo, tes a obrigación de comunicar calquera cambio significativo e de mantelos actualizados.

Tamén debes inscribir obrigatoriamente ao animal no rexistro censual do municipio onde residas.

Se queres adoptar un can considerado potencialmente perigoso pola lei, debes, ademais, solicitar a pertinente licencia administrativa, que é persoal e intransferible e se debe renovar cada cinco anos.

Lei de Benestar Animal

Recentemente aprobouse a nova Lei de Benestar Animal, que obriga á realización dun curso obrigatorio para ter can.

Nel daranche moitas máis pautas e recomendacións para que goces e coides ao teu novo compañeiro. Aprenderás que, por exemplo, debes castralo cando alcance a madurez sexual.

Custo adopción cans en Galicia

Como podes ver, hai trámites e esixencias que requiren certos gastos, así que o normal é que os centros cobren certa cantidade pola adopción dun can. Algúns simplemente o establecen como donativo e ti decides canto; de media, o custo en Galicia adoita estar entre 60 e 120 euros.

Pero non hai unanimidade e cada entidade xestiónao á súa maneira, así que o máis recomendable é que botes unha ollada aos centros dispoñibles en cada zona e ás posibilidades que ofrecen.

Quero adoptar un can en Vigo

O Concello vigués ten en marcha o programa "Adóptame en Vigo", unha iniciativa municipal para atopar fogar aos cans que se atopan no refuxio da Madroa.

A solicitude de adopción de animais pode realizarse a través da Sede electrónica do Concello de Vigo ou contactando coa Asociación Protectora de Animais e Plantas de Vigo (podes acudir presencialmente, pero tes que solicitar a túa cita previamente por teléfono).

Se buscas can en adopción en Vigo, Villa Peixiño é outra boa opción. A medio camiño entre asociación, refuxio e protectora de animais, busca candidatos/as que ofrezan un fogar aos que eles chaman os seus "peixiños". E, neste caso, as adopcións son gratuítas.

Como adoptar cans en Pontevedra

A Deputación de Pontevedra conta cun Centro de Acollida e Protección de Animais, que realiza a súa labor en máis de 50 concellos da provincia.

A adopción é totalmente gratuíta e o adoptante comprométese por escrito ao tratamento e coidado idóneo do animal, que lle será entregado vacinado, desparasitado e identificado co seu correspondente microchip.

En Pontevedra está tamén a protectora de animais municipal, "Os Palleiros", e unha pequena pero moi activa asociación de rescate animal chamada "Cadeliños".

Adopción cans na Coruña

Na Coruña existe un Centro de Acollida municipal ao que podes acudir se queres adoptar un can. Na súa páxina web figuran os animais en adopción e datos como o seu nome, data de nacemento ou raza.

Tamén tes , unha asociación sen ánimo de lucro dedicada á protección, defensa e recuperación de animais que foron abandonados ou maltratados. No seu refuxio de Culleredo hai máis de 100 cans que buscan un novo fogar.

SOS Pelines é unha das protectoras de animais máis coñecidas, que coidan aqueles animais cuxos donos/as xa non poden facerse cargo deles.

Outra opción é Servigal, unha empresa que recolle cans e gatos abandonados na vía pública e logo permite adoptalos. Funciona na Coruña, Carballo e nos concellos do Consorcio As Mariñas.

Onde adoptar cans en Santiago

adoptar perros galicia

O Refuxio de Bando é un clásico en Santiago. Ademais de adoptar, permíteche apadriñar animais ou participar como voluntario/a en tarefas de promoción, axuda nos coidados, socialización ou actividades.

APACA, Asociación Protectora de Animais do Camiño, é unha entidade pública centrada na protección dos animais. Con afán divulgador e investigador e pioneira de iniciativas como a Credencial e Compostela Canina, tamén é unha boa opción para adoptar.

Adopta un can en Ferrol

A Asociación Cometa de Narón é unha organización sen ánimo de lucro que leva case 20 anos traballando polo benestar animal. Un bo lugar ao que acudir para dar unha segunda oportunidade en forma de fogar ao can que ti decidas.

Outra entidade de referencia na zona de Ferrol é Mundo TerraCan, que rescata e procurar fogar a animais en situacións extremas.

Queres adoptar un can en Ourense?

Progape Ourense (Protectora de Cans e Gatos de Ourense) dá un fogar temporal a cans abandonados ata que atopan unha familia adoptiva.

En Coles está Bichiños. Dispón de servizos de aloxamento para cans, con todas as comodidades e servizos que necesiten, e, ademais, ofrece a posibilidade de adoptar exemplares.

Onde adoptar cans en Lugo

Se buscas adoptar can en Lugo, bota unha ollada á información da veterana Sociedade Protectora de Animais e Plantas de Lugo.

Tanto para aqueles/as que están decididos a adoptar como para apadriñar ou colaborar dalgún modo no coidado dos animais.

Más opcións para adoptar cans en Galicia

En Ponteareas traballan os voluntarios da Asociación Protectora de Animais "Os Biosbardos".

Outras posibilidades na zona sur de Galicia son:

Refuxio de Animais de Cambados. Se tes calquera dúbida, podes contactalos vía Messenger.

Aloia Protectora de Animais de Tui, na que podes adoptar cans grandes, pequenos, adultos ou cachorros.

Lena Protectora de Animais de Porriño e Mos.

No Barbanza, unha opción moi popular é Callejeros Barbanza.

Na comarca de Bergantiños, podes achegarte ao refuxio La Pradera Equivida.

Na provincia de Ourense, destacan a asociación Agallas, cuxa principal área de actividade é Xinzo de Limia; e a Protectora de animais ARUME, do Carballiño.

Adopta Friol é unha protectora de animais situada na localidade lucense de Friol.

En Xermade está Animal Helps, unha protectora moi activa que conta incluso cunha liña de adopcións con convenios internacionais.

Un pouco máis ao norte, en Cervo, está a Asociación Protectora de Animais Coletiñas.

Vivas onde vivas, xa ves cantas posibilidades hai se che apetece adoptar un can en Galicia. E seguro que non te arrepentirás.