E van tres. Terceira edición dos Parladoiros que xa coñecedes, esa iniciativa senlleira da Corporación Hijos de Rivera apoiada por Gadis e máis R para potenciar o desenvolvemento do rural no marco do Mercado de la Cosecha. Lembrádesvos?

A idea dos Parladoiros é novamente a de mostrar en vivo, sobre un escenario -onde os relatores son os propios "pais/nais" de cada proxecto- de que maneira estes pioneiros se atreven a crear ou recuperar iniciativas no rural galego para facer delas un medio de vida. Propostas que, sen dúbida, merecen compartirse para que outros, calquera de nós, nos animemos a embarcarnos en aventuras parellas, cargadiñas de autenticidade. Trátase, en suma, de activar o noso #modo rural. Non máis.

Este ano subiranse ao escenario oito emprendedores/as doutros tantos proxectos que procuran a sustentabilidade do rural galego. Entre eles, o produtor de esponxas Luffa que, tras un intenso traballo de investigación cultiva esponxas a partir de elementos vexetais. Ou exemplos coma o de Amorodo, froitas e hortalizas ecolóxicas en tarros de vidro e o de Abella Lupa, un caso da transición da apicultura á produción ecolóxica de mel. Tamén coñeceremos o porco celta da Horta de Teodoro, o bico de xeado da Granxa O Cancelo, os lácteos da Casa Grande de Xanceda, as hamburguesas galegas, as “galeguesas”, da Facenda do Agro e máis as zocas de Elena Ferro. Case nada ;-)

Ao igual que en anteriores edicións combinaranse os relatorios coa música e o humor; unha boa tríade para que os Parladoiros poñan en valor o noso rural outra vez e convenzan a moitos de que tamén se pode vivir ben e desenvolverse persoal e profesionalmente fóra das cidades.

A cita, o vindeiro 13 de marzo no Teatro Rosalía de Castro da Coruña ás 17:00 h. E en coherencia coa motivación dos mesmos parladoiros a recadación íntegra do despacho de billetes (15 € a entrada) destinarase ao Programa de Apoio ao Emprendemento Agroalimentario da Fundación Juana de Vega. Claro. As entradas, por certo, están á venda a través da web de Servinova ou no 902 504 500.