Se tentamos describir o Canón do Sil con palabras quedariamos curtos. O mellor é que o vexas cos teus propios ollos desde os case 50 miradoiros do Sil, que seguen o curso do río na Ribeira Sacra. Consulta aquí a lista completa de miradoiros do Sil e como chegar aos mellores balcóns da parte de Ourense e da de Lugo, que divide o río.

Desde as alturas poderás ver o mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil e santuarios escondidos, ladeiras escarpadas repletas de viñedos onde se practica a viticultura heroica, encoros e moito máis.

Contámoscho todo neste percorrido polos mellores miradoiros do Sil.

#1

Balcóns de Madrid (Parada de Sil, Ourense)

Situado a 500 metros de altitude, é o miradoiro do Sil máis famosos e, por tanto, un dos máis concorridos. Quizais porque é de fácil acceso e, sen dúbida, pola beleza das vistas.

Está situado a 1 quilómetro de Parada de Sil, en Ourense, e para chegar debes deixar o coche na área recreativa dos Torgás, onde tamén hai un parque infantil e zonas para comer. Dende alí só terás que camiñar uns poucos metros por unha senda para chegar a estes miradoiros.

Chámase Miradoiro de Torgás, pero coñéceselle comunmente como Balcóns de Madrid, porque dende este punto antigamente as mulleres vían marchar os seus maridos que emigraban non só a Madrid, se non a outros destinos.

#2

Miradoiro de Pena do Pobre (Nogueira de Ramuín, Ourense)

Miradoiro do Sil imprescindible se che gusta sacar selfies nos bancos con vistas de Galicia. No Miradoiro de Pena do Pobre atoparás o mellor banco da Ribeira Sacra.

Situado en Nogueira de Ramuín, en Ourense, pódese chegar a pé ou en bicicleta e tes dúas rutas posibles para chegar:

Dende o cemiterio de Alberguería, onde debes deixar o coche, empeza un carreiro sinalizado de 1,5 km. Se segues o carreiro 500 metros chegarás ao Miradoiro Pé do Home.

Hai outra opción máis curta, de 1 km, que empeza no embarcadoiro de Santo Estevo. Terás que chegar ata o punto quilométrico 2,4 e ascender unha boa costa. Pensa que o Miradoiro Pena do Pobre ten unha altitude duns 500 metros.

A recompensa, ademais do selfie, son as vistas do Sil e do encoro de Santo Estevo.

#3

Miradoiro de Cabezoás (Parada de Sil, Ourense)

Para moitos é o mellor miradoiro do Sil e non é de estrañar, porque dende este punto admírase o meandro de Cotarro das Boedas. E é que esa forma curva dá unha imaxe impresionante da dimensión do Sil. Podes admirala dende unha estrutura sobre o río, non apta se tes vertixe. Esta é a parte máis profunda do Canón do Sil.

A poucos metros atópase o Miradoiro da Columna ou Miradoiro do Picotiño.

O Miradoiro de Cabezoás está situado na estrada, polo que chegar é moi fácil. Dende a estrada OU-0508 que vai de Parada de Sil a Luíntra, verás unha indicación á altura de Caxide que sinala a ruta cara ao miradoiro. Debes deixar o coche nun aparcamento e camiñar uns poucos metros para chegar ao miradoiro.

#4

Miradoiro de Cividade (Sober, Lugo)

Outro deses miradoiros do Sil que dá vertixe. E non só pola altura, está a máis de 500 metros con respecto ao río, se non pola estrutura do miradoiro que penetra cara ao baleiro. Pero é só unha sensación que dá esta plataforma obra da arquitecta Isabel Aguirre, dende a que gozar dun precioso atardecer. Moi preto conta cunha área recreativa para descansar.

Para chegar ao Miradoiro de Cividade dende Sober podes ir en coche pola estrada LU-P-5903 ata a localidade de Santa Marta e dende aí tomar a dirección Bolmente. A partir de aí continúa unha pista de asfalto e despois unha pista de montaña.

Dende o Miradoiro de Cividade pódese acceder tamén ao Miradoiro do Boqueiriño.

#5

Miradoiro de Vilouxe (Nogueira de Ramuín, Ourense)

Para acceder ao Miradoiro de Vilouxe debes percorrer 800 metros camiñando ou en bicicleta. Pero merece moito a pena o paseo.

Desde alí apréciase o meandro de Cotarro das Boedas e a vista é única. Como o miradoiro en si, porque non atoparás ningunha estrutura ou plataforma, se non que é un miradoiro natural, polo que che recomendamos precaución.

Para chegar en coche, debes dirixirte á aldea de Vilouxe e aparcar nunha zona de aparcamento xunto á capela. E despois, como che diciamos percorrer o escaso quilómetro ata este miradoiro do Sil.

#6

Miradoiro Souto Chao (Sober, Lugo)

Na escarpada zona vitivinícola de Doade atópase este miradoiro que recibe ao visitante cunha escultura dedicada precisamente aos vendimadores, a escultura ao Carreteiro.

A vista do Sil únese aquí á paisaxe de vides, o que a fai especialmente única.

Podes chegar en coche case ata o miradoiro, só debes percorrer uns 200 metros dende o aparcadoiro que está a 1 km de Doade. O Miradoiro Souto Chao atópase na estrada que une Doade e Castro Caldelas.

#7

Miradoiro das Xariñas do Castro (Parada de Sil, Ourense)

A este miradoiro do Sil coñéceselle con varios nomes, poderás velo como Miradoiro das Xariñas do Castro, Miradoiro do Castro ou Mirada Máxica. Así que teno en conta para chegar a el.

Atópase na aldea de Castro, xunto ao Cámping Canón do Sil, que é onde debes estacionar o coche para seguir andando ao redor de 100 metros por un camiño pegado ao cámping.

Ao chegar ao miradoiro, verás dúas plataformas que avanzan ao canón do Sil dende onde gozarás dunha vista que quita o salouco a unha altitude duns 600 metros.

Xusto á beira atópase o Miradoiro Pena da Cividá, ao que podes chegar camiñando.

#8

Miradoiro de Moura (Nogueira de Ramuín, Ourense)

A parroquia de Moura, en Nogueira de Ramuín, dá nome a este miradoiro do Sil que tamén verás como Miradoiro da Lampa.

Acondicionado cunha marquesiña e mesas, a vista do canón é espectacular, así como a estampa do mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil.

Podes chegar ao miradoiro camiñando pola Ruta de Moura, dende a aldea do Alcouce, ou en coche dende ese mesmo punto. Terás que deixar o coche aparcado 200 metros antes do miradoiro.

Preto do Miradoiro de Moura, atópase o Bambán do Solpor, unha randeeira en plena Ribeira Sacra onde ver os mellores atardeceres. Podes achegarte en coche dende o Campo de Fútbol de Nogueira en dirección á Moura.

#9

Miradoiro de Pena do Castelo (Sober, Lugo)

Achégate a este miradoiro do Sil en Doade, no municipio lucense de Sober, e goza da paisaxe de viñedos e do río.

Está situado a máis de 600 metros de altura e, ademais das espectaculares vistas, poderás visitar a ermida de Santo Amaro. Como curiosidade, ao redor deste lugar, no seu día había un poboado castrexo.

Podes chegar en coche pola estrada que vai de Doade a Francos, atoparás un camiño cara á dereita que chega ata un aparcadoiro onde debes estacionar e continuar camiñando uns 600 metros.

#10

Miradoiro do Duque (Monforte de Lemos, Lugo)

Este miradoiro do Sil ben merece unha visita, porque é o único en Monforte de Lemos con vistas ao río.

A case 600 metros de altitude vense o embarcadoiro de Ponte do Sil, viñedos e, en fronte, castelo de Castro Caldelas.

Para chegar ao Miradoiro do Duque podes ir en coche ata un aparcadoiro que se atopa na área recreativa dos Palleiros.

#11

Mirador das Penas de Matacás (Castro Caldelas, Ourense)

As Penas de Matacás dan nome deste miradoiro do Sil sobre o que se asenta.

E a unha altura de máis de 500 metros podes facer unha idea das vistas espectaculares que ofrece, entre as que destacan os embarcadoiros de ambas as marxes do río: Ponte do Sil, en Monforte de Lemos, e Abeleda, en Castro Caldelas.

Para chegar podes facer unha ruta a pé dende Castro Caldelas ou ir en coche. Nese caso, diríxete pola estrada OU-903 saída a Abeleda, no cruzamento verás as indicacións para acceder ata o Miradoiro de As Penas de Matacás.

Listaxe de todos os miradoiros do Sil

Deixámosche aquí a lista completa do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra cos miradoiros dos canóns do Sil que podes visitar.

  • Miradoiro dos Balcóns de Madrid ou Miradoiro dos Torgás
  • Miradoiro de Santiorxo
  • Miradoiro de Cadeiras
  • Miradoiro das Xariñas do Castro, Miradoiro do Castro ou Mirada Máxica
  • Miradoiro do Boqueiriño
  • Miradoiro da Cividade
  • Miradoiro de Cabezoás
  • Miradoiro da Columna
  • Miradoiro de Vilouxe
  • Miradoiro de Amandi
  • Miradoiro dos Chancís
  • Miradoiro de Triguás
  • Miradoiro de Pé do Home
  • Miradoiro de Pena do Pobre
  • Miradoiro de Xabrega
  • Miradoiro de Chao de Madeiros
  • Miradoiro Campo do Eirado
  • Miradoiro da Galeana
  • Miradoiro de Pena do Conde/A Barca
  • Miradoiro de Xirás
  • Miradoiro de Soutochao
  • Miradoiro Monte do Outeiro
  • Miradoiro de Pena do Castelo
  • Miradoiro Val do Medo
  • Miradoiro de Penedos do Castro
  • Miradoiro do Duque
  • Miradoiro de Pena Pombeira
  • Miradoiro das Penas de Matacás
  • Miradoiro de Moura
  • Miradoiro de Castro Caldelas
  • Xeomiradoiror de Louxoá
  • Miradoiro da Capela
  • Miradoiro do Castelo de Parada
  • Xeomiradoiro de Pena do Ladeiro
  • Miradoiro de Castro de Ares
  • Xeomiradoiro de Alto da Moá / As Fontes
  • Xeomiradoiro de Vilariño
  • Xeomiradoiro de Pómez
  • Miradoiro da Conchada
  • Miradoiro de Anguieiros
  • Miradoiro de Bustelo
  • Xeomiradoiro de Campodola
  • Xeomiradoiro de Penas Rubias
  • Xeomiradoiro de A Golada

Xa ves que son unha chea, pero merece moito a pena visitar e ir coñecendo aos poucos estes impresionantes miradoiros dos Canóns do Sil na Ribeira Sacra.