Un ano máis termina o curso. Xa pasou a ABAU e chega o momento máis decisivo na túa vida estudantil: Que vas facer agora?

É unha pregunta que moitos nos fixemos nesa mesma situación, e non sempre tivemos unha resposta fácil. Xa non é só o “ciencias, letras ou artes” de hai uns anos.

Na actualidade, as TIC son unha opción con gran potencial e unha opción para moitos/as. Mesmo se xa decidiches camiñar polas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), son abondosas as posibilidades que che ofrece esta rama. Aquí recompilámosche algunhas delas:

Grao en Enxeñaría Informática

A estrela dos estudos universitarios TIC, e a que moi probablemente xa coñezas. Ofréceche unha saída versátil e ampla que bebe un pouco de todas as áreas da informática para crear xoves profesionais con mentalidade aberta e adaptativa. Está dispoñible tanto na Universidade de Santiago (Campus Vida, Santiago) como na Universidade de Coruña (Campus de Elviña, A Coruña) e na Universidade de Vigo (Campus da Auga, Ourense).

Ademais de ofertarse nas tres universidades públicas de Galicia, tanto a Universidade de Santiago (USC) como a Universidade de Vigo (UVigo) ofrecen a posibilidade de combinar esta carreira nun dobre grao: no Campus Vida poderás estudar o Dobre Grao de Matemáticas e Enxeñería Informática, mentres que no Campus da Auga ofértase o Dobre Grao en Administración e Dirección de Empresas e Enxeñaría Informática, podendo complementar así esta carreira cara a dous campos completamente diferentes.

Ah, case nos esquecemos: A Universidade Internacional da Empresa (UIE) ten a súa propia Enxeñaría Informática. Non a chaman así, pero comparamos o plan de estudos e ofréceche as mesmas competencias con lixeiras variacións, enfocándose na informática dirixida ao mundo empresarial e mercantil. Podes darlle unha oportunidade entrando na súa páxina web.

Grao en Intelixencia Artificial nun campus galego

Trátase dun grao de creación moi recente que responde á alta demanda de profesionais hiperespecializados nunha das ramas máis complexas da informática. Ten como obxectivo dotar os/as alumnos/as de competencias transversais na creación e xestión da Intelixencia Artificial. Nesta carreira aprenderás cousas como linguaxe natural, visión artificial, robótica intelixente e procesamento neuronal de grandes cantidades de datos, entre outras cousas, para un futuro académico ou profesional.

Podes estudar esta carreira tanto na Universidade de Santiago (Campus Vida) como na Universidade de Coruña (Campus de Elviña) e na Universidade de Vigo (Campus da Auga). Os seus dous primeiros cursos son idénticos, mentres que de cara ao segundo ciclo cada universidade especialízase nun campo diferente. Recomendámosche que revises cal che pode interesar máis accedendo ás súas páxinas web, aínda que calquera das tres é unha magnífica opción.

Estudar Enxeñaría de Telecomunicación en Galicia

Seguro que oíches falar de San Teleco, unha das festas universitarias máis famosas de Galicia. Pois existe porque esta carreira pode estudarse na UVigo e, ademais de polas súas festas, é coñecida porque ofrece grandes saídas profesionais aos/ás graduados/as, que durante os seus anos de formación emprenden un camiño que combina a programación coa electrónica, xerando profesionais que poden adaptarse a un medio cada día máis competitivo.

Enxeñarías Industriais en Galicia

Seguro que dende a UVigo nos queren rifar por chamar os seus sete títulos de enxeñaría da mesma forma, pero adoitamos facelo porque as teñen todas na súa Escola de Enxeñaría Industrial. Tamén por ter un primeiro curso común a todas elas no que aprenderás o esencial para logo poder seguir o teu propio camiño. Este modelo de ensino ten poucos puntos fracos e un importante punto a favor: tes un ano extra para elixir en que especializarte, ademais de que un cambio de carreira entre calquera destes graos podería resultar moito menos traumático se de súpeto queres pasar de eléctrica a electrónica ou viceversa. Por se queres ir pensando nelas, son as seguintes:

Enxeñaría en Química Industrial

• Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais

• Enxeñaría Mecánica

• Enxeñaría en Electrónica Industrial e Automática

• Enxeñaría en Organización Industrial

• Enxeñaría Eléctrica

• Enxeñaría Biomédica

Tamén, se che van os retos, podes pasar a vida en modo difícil elixindo un dos tres dobres graos que che ofrece esta escola:

• Dobre grao en Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática e Enxeñaría Mecánica

• Dobre grao en Enxeñaría Biomédica e Enxeñaría en Electrónica Industrial e Automática

• Dobre grao en Enxeñaría Biomédica e Enxeñaría Mecánica

(Dende aquí informamos de que ninguén neste blog se responsabiliza de posibles contratempos durante o dobre grao tales como frustración, depresión, converterse en supervilán ou adicción a luces LED).

Outras enxeñarías relacionadas con novas tecnoloxías dispoñibles en Galicia

Hai que recoñecelo: a enxeñaría, en moitos casos, é o futuro. Dende os sinxelos sistemas de aforro de auga que podemos poñer na boca das billas ata calquera invento que che faría rumorear “herexía” en pleno século XXI pasan por un enxeñeiro ou enxeñeira. Os barcos, avións, smartphones, cámaras de fotos, consolas e mesmo as pistolas de auga son a creación de alguén que, sentado no seu escritorio, sabía que quería facer e como facelo. Se ti o sabes, estas son as enxeñarías que che propoñemos:

• Queres crear robots? Enxeñaría Robótica (esta era fácil) na USC. En Lugo.

• Gústanche os avións? Gústache Elon Musk? Enxeñaría Aeroespacial é o teu, na UVigo.

• Poderías estudar Enxeñaría da Enerxía se queres romper as leis da termodinámica, pero logo non te queixes se te mandan ao cárcere da entropía (entenderás o chiste se estudas este grao).

Big Data é algo máis que unha data moi sinalada para ti? Entón encantarache o Grao en Ciencia e Enxeñaría de Datos que ofrece a UDC.

Outras ofertas de novas tecnoloxías en Galicia

O mundo nunca se detén. As universidades tampouco. Cada dous ou tres anos andan argallando para traer unha nova e mellorada oferta aos seus estudantes. Algunhas destas ofertas son as seguintes:

Creación dixital, Animación e Videoxogos da UDC

Nanociencia e Nanotecnoloxía da UDC

Biotecnoloxía na USC

Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos na UVigo

Graos TIC se non es de ciencias

Un dos grandes problemas que teñen as novas tecnoloxías é que adoitan deixar atrás a quen non posúen amplos coñecementos de ciencias, cando todos sabemos que non sempre as túas habilidades tecnolóxicas virán marcadas polo teu profundo coñecemento da célula eucariota ou o teorema de Fermat. Por iso recompilamos unha lista de graos baseados en novas tecnoloxías que actualizan estudos máis antigos, pero adaptados a novas realidades:

Grao en Administración de Negocios Dixitais, que podes estudar na UIE

Grao en Xestión Dixital da Información, unha proposta de biblioteconomía renovada pola UDC

Grao en Enxeñaría da Empresa, outra das opcións que ofrece a UIE.

Másteres en novas tecnoloxías en Galicia

Todos sabemos que un mestrado ou máster é 'esa cousa dun ano ou dous' que vai a continuación do grao, moitas veces promocionado como a educación profesional orientada ao desenvolvemento dos/as estudantes. Soa aburrido, pero enténdeo desta forma: un máster é o ano extra que necesitas para pasar de ser un graduado con coñecementos aceptables a ser un crack con coñecementos específicos centrados nun sector concreto, pero sen renunciar a vastos coñecementos xerais. É ese peiteado novo que che senta moito mellor, ou a túa camiseta da sorte. Seica non o necesites ao cento por cento, pero no cento por cento dos casos vai axudar, polo que che trouxemos algúns dos nosos mestrados favoritos:

Máster universitario en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos na UDC

Máster universitario en Informática Industrial e Robótica na UDC

Máster universitario Erasmus Mundus en Sostibilidade e Industria 4.0 Aplicada ao Sector Marítimo na UDC

Máster en Enxeñaría da Automoción na UVigo

Ciclos de FP sobre novas tecnoloxías en Galicia

Se non queres pasar entre catro e seis anos estudando tras acabar o instituto, quizais prefiras probar cun grao de Formación Profesional. Estes ciclos teñen unha duración de dous anos nos que aprenderás todo o necesario para converterte nun profesional cualificado e listo para integrarse no mercado laboral.

Se cho estás preguntando, a diferenza fundamental entre un grao universitario e un de formación profesional é que no grao alixeiran o máximo posible a carga teórica para ofrecerche un ensino práctico que che permita desempeñar un labor especializado. Ademais, unha parte fundamental da FP é a realización na etapa final do grao de prácticas externas para terminar de formarte nunha contorna profesional que te saque da zona de confort.

Formación profesional TIC en centros galegos

Os ciclos máis interesantes con relación ás Tecnoloxías da Información e a Comunicación son os seguintes:

Sistemas microinformáticos e redes (FP grao medio)

Administración de sistemas informáticos en rede (FP grao superior)

Desenvolvemento de aplicacións multiplataforma (FP grao superior)

Desenvolvemento de aplicacións web (FP grao superior)

Animación 3d, xogos e contornos interactivos (FP grao superior)

Sistemas de telecomunicación e informáticos (FP grao superior)

Eficiencia enerxética e enerxía solar térmica (FP grao superior)

Enerxías renovables (FP grao superior)

Programación da produción en fabricación mecánica (FP grao superior)

Deseño en fabricación mecánica (FP grao superior)

Ordenámolos dende máis enfocados ao software ata os máis centrados no hardware, deixando no medio o grao de Animación 3D que combina tecnoloxía e artes. Son estudos completos, que che ofrecen unha boa saída profesional e, ademais, teñen un punto a favor súper importante: son accesibles, tanto xeográfica como economicamente.

Cada un destes ciclos ofértase en polo menos unha vintena de municipios por toda Galicia, o que fai case seguro que moi preto de ti haxa polo menos un destes, ademais de existir versións tanto presenciais como a distancia e de educación para adultos.

Ciclos de FP dual

A FP dual é unha modalidade alternativa de Formación Profesional na que, como alumno, traballas dende o primeiro día no que os teus estudos comezan. En lugar de limitar as prácticas á túa etapa final convértense nunha parte fundamental da túa educación e desenvolves as destrezas prácticas a medida que te formas nunha contorna laboral máis ou menos controlada.

Como lado negativo, a súa localización xeográfica é limitada. Existen os seguintes: desenvolvemento de aplicacións web e Intelixencia artificial e Big Data. Pódense estudar nos seguintes centros:

Desarrollo de aplicaciones web

IES Fernando Wirtz Suárez, A Coruña

IES PL. Castro da Luz, As Pontes

IES Máximo Romero Lema, Zas

IES Val de Asma, Chantada

CIFP A Carballeira, Ourense

Inteligencia artificial y Big Data

IES Fernando Wirtz Suárez, A Coruña

Así que, xa sabes, se che interesa o camiño das TIC, tes moitas opcións en Galicia con diferentes tipos de estudos. Podes escoller tanto un grao universitario como un ciclo de formación profesional.

Estás a pensar en dedicarte ás novas tecnoloxías? Cóntanos que formación che gustaría adquirir.

No caso de que vaias estudar unha carreira ou un FP tecnolóxico e queiras tamén a mellor conexión de fibra para estudantes, bota un ollo a esta oferta da internet pensada para estudantes: https://mundo-r.com/gl/estudantes