Coa chegada do mes de maio, os "maios" saen ás rúas dos nosos pobos e cidades. Pero, cal é a orixe destas vistosas figuras de madeira recubertas de flores e froitos que conmemoran a chegada do bo tempo e pasean ao compás de coplas satíricas? Contámosche que son os "maios", a súa historia e onde podes ver as "Festas dos Maios" máis populares de Galicia.

Que son os "maios" e as "Festas dos Maios"

As "Festas dos Maios" celebran o final do inverno e a chegada da primavera coincidindo co inicio do quinto mes do calendario.

E como o celebramos en Galicia? A base de enxeño, cor, e, como non, cun pouco de retranca.

Os "maios" son figuras de madeira adornadas con froitos e flores.

Nas "Festas dos Maios" estas figuras desfilan polas rúas á vez que se recitan coplas, breves composicións xeralmente de carácter satírico e crítico coa actualidade. Entóanse acompañadas do ritmo de dous paus (a forma máis tradicional), doutros instrumentos ou do son de elementos típicos galegos, como as cunchas de vieira.

Historia da "Festa dos Maios"

A orixe desta exaltación da natureza ao comezo da primavera remóntase ás civilizacións prerromanas e a tradicións de orixe celta. Pero hai gran diversidade de opinións.

Para moitos, estas manifestacións lúcidas pertencentes ao "ciclo de maio" teñen a súa orixe no Neolítico; aínda que outros sitúan o seu inicio no mundo greco-romano e nos cultos a deuses/as como Ceres (a deusa romana da Agricultura) ou a Maya (deusa da Primavera para gregos e romanos).

Pola parte celta, as miradas diríxense cara á festividade celta de Beltane, que marcaba o inicio do verán pastoral, cando o gando se levaba aos pastos de verán.

Celebracións e tradicións da primavera en Galicia

O que si parece claro é que esta celebración se popularizou e revitalizou en Galicia conforme a agricultura gañaba importancia, coa proliferación de múltiples celebracións populares encamiñadas a conseguir boas colleitas e afastar perigos e malas épocas para o campo.

Así, realizábanse e exhibían arcos e cruces de flores ou celebrábanse festas agrarias como a de "alumear o pan", popular nas rías de Arousa, Noia e Muros. Entoábanse cánticos reivindicando as boas colleitas arredor dunha fogueira ou mentres se percorrían os campos sementados.

Pero, de entre todas elas, a que máis calou en Galicia foi a dos os "maios".

As figuras dos "maios"

Os "maios" son estruturas de madeira compostas a base de paus, varas e canas que, ademais, contan con complementos e adornos como plantas, musgo ou flores silvestres, e mesmo alimentos, como ovos ou froitas. En calquera caso, todos os elementos que se utilicen deben ser naturais.

Estes son os elementos básicos dos chamados "maios figurativos", os máis habituais a día de hoxe, e entre os que diferenciamos dous tipos de figuras:

  • Típicas ou tradicionais. Son as máis antigas e xeralmente teñen forma de pirámide ou cónicas. Son especialmente simbólicos os "palleiros", que poden chegar a medir 5 metros de alto.

  • Artísticas, cun estilo máis libre e moderno, do que se valen para representar actividades domésticas ou monumentos senlleiros.
  • Aínda que moito menos numerosos, e practicamente desaparecidos na actualidade, temos os "maios" humanos, con maior presencia na zona norte de Galicia e na provincia de Lugo. Neles, son os nenos e nenas quen exerce de figuras portadoras de follas, flores e demais elementos.

    A tradición dos "maios" en localidades de Galicia

    Os "maios" tiveron e teñen toques diferenciados en moitas localidades. En Santiago de Compostela, eran habituais os que imitaban as vestimentas dos peregrinos. En Marín, como vila mariñeira, triunfan as figuras en forma de barco. Noutras zonas costeiras máis ao norte, como O Barbanza, máis aló dos tradicionais desfiles, é costume colocar ramas de xesta nas portas das casas ou nos vehículos. En Verín reúnen os seus "maios" tradicionais en recordo de Enrique Gómez Pato, que nos anos 50 percorría as rúas con improvisadas esculturas de madeira cubertas de flores.

    Actualmente, a "Festa dos Maios" vívese especialmente nas provincias de Ourense e Pontevedra e aos "maios" e ás súas coplas acompáñanos a música e moitas outras actividades que conforman unha festividade moi alegre, colorida e participativa.

    "Festa dos Maios" en Ourense

    En Ourense, a "Festa dos Maios" está considerada Festa de Interese Turístico en Galicia e adoita celebrarse o 3 de maio porque é o día da Santa Cruz, que na tradición cristiá representa á árbore da vida, a saúde e a resurrección.

    Aquí decántanse maioritariamente por figuras piramidais de certo tamaño ou, máis ben, carrozas de flores e froitos que percorren as rúas da localidade e que, segundo os estudosos, simbolizan monumentos pagáns de adoración ou montículos celtas. Na súa parte máis alta, estes "maios" levan un pequeno arco cunha campaíña e unha cruz.

    En Ourense, a "Festa dos Maios" inclúe tamén desfile de cabezudos/as e música tradicional pero, sen dúbida, quen goza de especial popularidade son as coplas. Elas son as protagonistas do "Concurso de Maios e Coplas", no que participan todo tipo de asociacións e colectivos sociais e culturais.

    En Ourense, a tradición di que a festa termina queimando ou afogando o "maio".

    "Festa dos Maios" en Pontevedra

    En Pontevedra, os "maios" desprázanse sobre palanquíns portados por grupos de nenos/as, entre os que hai un/a solista que entoa a copla, mentres os seus compañeiros/as seguen o compás con paus e se encargan de repetila cando termina.

    Os "maios" pontevedreses adoitan estar rematados por vistosas coroas de flores, laranxas ou cascas de ovo, e o epicentro da celebración é a emblemática Praza da Ferraría. En Pontevedra adoita convocarse un "Concurso de Maios", organizado en diferentes categorías, como a de Mellor "Maio tradicional", "Mellor Interpretación" ou "Mellor Coroa".

    As coplas das "Festas dos Maios"

    Non hai "maios" sen coplas.

    Poden ser alegres e primaverais, referidas á bonanza e exaltación da estación que chega, ou mordaces e satíricas, dispostas a sacarlles punta a temas e personaxes de actualidade.

    En todo caso, as máis imaxinativas e logradas adoitan ter premio, xa que a maioría das localidades organizan certames e concursos para elixir e premiar as mellores, nas que se valora, por exemplo, a retranca, a composición, o ritmo ou a interpretación. Algunhas destas coplas distribúense en vivo entre os propios asistentes e outras imprímense en formato libreto.

    Nalgunhas localidades, como Portomarín e Lourenzá, tamén contan con composicións tradicionais específicas para os "maios", que se repiten ano tras ano.

    En calquera caso, estas composicións son auténticos derroches de creatividade e tanto o Museo de Pontevedra como a Biblioteca da Deputación de Ourense conservan amplas coleccións de coplas do século XX. Nalgunhas delas, poden verse os cortes ou as modificacións impostas pola censura da súa época.

    Prepárate para celebrar a primavera en Galicia coas "Festas dos Maios", os seus vistosos "maios" e as súas irónicas coplas.

    Imaxes: Wikipedia, Cultura de Galicia, Concello de Ourense, Concello de Pontevedra, Concello de Redondela.