A canción dicía que “hai un galego na lúa”. E, segundo un rexistro de 2019, son 143 os países no mundo onde viven galegos/as; é dicir, só quedan 51 países sen galegos ou galegas entre os seus habitantes. Pero de todos eses millóns de galegos, cales son os máis célebres? Hoxe facemos unha listaxe das que consideramos algunhas das personalidades galegas máis ilustres da historia.
Esta lista non é un índice de popularidade; nin pretende selo. Se tivésemos que preguntar quen é o galego ou a galega máis popular, seguramente o nome de Gayoso soaría moito. Pero non imos por aí. Esta listaxe pretende ser unha humilde referencia aos galegos máis insignes e ilustres de todos os tempos. Os que marcaron a historia de Galicia e do mundo enteiro e que aínda lembramos e seguimos como referentes pola súa vida e tamén polo seu legado.
Diego Xelmírez (Santiago de Compostela, 1068-Santiago de Compostela, 1140)
Pódese dicir que no século XII Diego Xelmírez é un dos personaxes máis famosos e coñecidos de España e un dos máis mencionados nos escritos da época. Os tres libros que compoñen a Historia Compostelana están adicados case na súa totalidade a falar do arcebispo. Pero non esquezamos que el foi o autor dese textos, claro. Un bo exemplo do sonado dito: "eu guísoo, eu cómoo".…
Xelmírez foi o primeiro arcebispo de Santiago, e a el debémoslle o impulso da construción da catedral de Santiago de Compostela. Ademais, promoveu a figura do Apóstolo Santiago, a través do Liber Sancti Iacobi, por todo o continente europeo e polo mundo coñecido. E pódeselle considerar igualmente o primeiro grande impulsor do actual Camiño de Santiago.
Imaxe: Arquivo Dixital de Galicia.
María Pita (Cambre 1565-Cambre 1643)
María Mayor Fernández de Cámara y Pita, máis coñecida como María Pita, foi unha heroína na defensa da Coruña. O 3 de maio de 1589 as tropas inglesas chegaron cidade herculina dirixidas por Francis Drake, que seguía as ordes da raíña Isabel I de Inglaterra.
Os ingleses rodearan a cidade e, mentres axexaban, mataron a Gregorio de Rocamunde, o marido de María Pita. Ela, chea de carraxe e, segundo a tradición, berrando "Quen teña honra, que me siga", arenga os seus compatriotas e, arrebatándolle a lanza á bandeira inglesa, mata o tenente que dirixira o assalto, que era o irmán do almirante Francis Drake. Este feito desmoralizou abondo as tropas inglesas e favoreceu a súa retirada.
Conta a tradición que, unha vez rematada a batalla, María Pita e outras mulleres coruñesas axudaron a recoller os cadáveres e a coidar os feridos.
Como dato, para entender a súa relevancia naquel momento, ao enviuvar, o rei Felipe II concedeulle a María Pita unha pensión que equivalía ao soldo dun alférez máis cinco escudos ao mes.
Imaxe: Wikipedia.
Concepción Arenal (Ferrol, 1820-Vigo, 1893)
Escritora, experta en dereito, pensadora, xornalista, poeta e autora dramática española enmarcada no realismo literario e pioneira no feminismo español.
Sorteando as dificultades da época, que se opoñían ao acceso das mulleres á universidade, Concepción Arenal estudou dereito, socioloxía, historia, filosofía e idiomas en Madrid. Fíxoo, ademais, "vestida de home" (basicamente usaba pantalóns).
Considerada a precursora do Traballo Social, defendeu o labor que realizan as comunidades relixiosas en toda España. Ao longo da súa vida, e sobre todo na súa obra, denunciou a situación dos cárceres de homes e de mulleres, a miseria nas casas de saúde ou a mendicidade e a situación da época. Tamén seguiu os postulados das sufraxistas do século XIX e precursoras do feminismo.
Imaxe: Centro de Información Documental de Archivos.
Rosalía de Castro (Santiago de Compostela, 1837-Padrón, 1885)
María Rosalía Rita de Castro é unha das máis grandes poetas da literatura galega e española de todos os tempos, representante do Rexurdimento literario galego e mesmo símbolo cultural e pop na actualidade. O seu libro Cantares gallegos é a primeira grande obra da literatura galega contemporánea.
Rosalía de Castro é tamén un referente para a lingua galega xa que escribir nesta lingua na súa época, cando estaba moi infravalorada, foi toda unha declaración de intencións. Así, Rosalía prestixiou o galego utilizándoo como vehículo da súa obra e afianzou o seu renacemento cultural.
Aínda que foi unha gran prosista, Rosalía destacou no campo da poesía pola creación das que se poden considerar as súas tres grandes obras: Cantares gallegos, Follas novas e En las orillas del Sar.
Tal é a aceptación e o interese que as súas obras espertaron no mundo, que nos últimos anos os seus poemas foron traducidos ao alemán, ao francés, ao ruso e ao xaponés.
Imaxe: Arquivo Dixital de Galicia.
Pablo Iglesias Posse (A Coruña 1850-Madrid 1925)
Tipógrafo obreiro, socialista, político español, fundador e presidente do Partido Socialista Obreiro Español (PSOE) e da Unión Xeral de Traballadores (UXT).
Orfo e procedente dunha familia pobre, Pablo Iglesias Posse aprendeu no hospicio de Madrid o traballo de tipógrafo, que desempeñaría toda a súa vida. En 1890 dirixiu a primeira manifestación do 1º de maio en España, na que se reclamaba unha xornada de 8 horas e o cesamento do emprego dos nenos en actividades laborais.
Imaxe: Wikipedia.
Emilia Pardo Bazán (A Coruña 1851-Madrid 1921)
Emilia Pardo Bazán está considerada a mellor novelista española do século XIX e unha das escritoras máis destacadas da nosa historia literaria. A condesa de Pardo Bazán foi, ademais de novelista, xornalista, ensaísta, crítica literaria, poetisa, dramaturga, tradutora, editora, catedrática e conferenciante que introduciu o naturalismo en España.
Co seu traballo e coa súa vida puxo de manifesto a capacidade das mulleres para ocupar os mesmos postos na sociedade que os homes. Foi pioneira nas súas ideas sobre os dereitos das mulleres e o feminismo. Reivindicou a educación da muller como algo fundamental e dedicoulle unha parte importante da súa actuación pública a defendela.
Imaxe: Wikipedia.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo 1886-Buenos Aires 1950)
Político, escritor e pintor considerado un dos principais creadores da prosa galega moderna e o máximo representante do nacionalismo galego progresista.
Despois de ingresar nas "Irmandades da Fala" en 1916, o pensamento de Castelao madura ata desembocar no nacionalismo. Dende 1926 foi membro da “Academia Galega”. Nas Cortes Constituíntes da República foi nomeado deputado e participou na elaboración do proxecto do estatuto galego.
En 1926 publica Cousas, o seu primeiro libro, formado por relatos, e despois Os dous de sempre e Retrincos, ambos os dous de 1934. O ensaio Sempre en Galiza, de 1944, reflicte claramente as súas ideas políticas e sociais.
A obra literaria de Rodríguez Castelao, escrita case na súa totalidade en galego, está influenciada pola realidade sociocultural galega do momento e ten unha función pedagóxica de denuncia, para o que emprega o humor sarcástico ou esperpéntico. O seu maior interese foi dende sempre a denuncia das inxustizas.
Imaxe: Wikipedia.
Maruja Mallo (Viveiro 1902-Madrid 1995)
Pintora surrealista española á que se lle encadra na "Xeración do 27", dentro da denominada vangarda interior española.
Viviu noites de festa e de poesía surrealista con Dalí, Lorca ou Alberti. Buñuel, en cambio, non a aguantaba, quizais pola defensa do amor libre e da igualdade de xénero que sempre profesaba.
Como artista cultivou un surrealismo moi especial. O seu estilo pasou por dúas etapas diferenciadas, unha colorista nos anos 20 con temas máxicos, cosmopolitas e optimistas; e outra escura e apagada nos anos 30, máis caótica e desequilibrada.
Tamén formou parte das “Sen sombreiro”, as mozas intelectuais da época que escandalizaron á sociedade do seu tempo por atreverse a saír sen esa prenda.
Imaxe: Wikipedia.
Camilo José Cela (Iria Flavia, 1916-Madrid, 2002)
Escritor e representante da literatura española de posguerra, traballou como novelista, xornalista, ensaísta, editor de revistas literarias e conferenciante. Foi académico da Real Academia Española, ocupando a cátedra “Q”, e foi galardoado, entre outros, co Premio Príncipe de Asturias das Letras en 1987, o Premio Nobel de Literatura en 1989 e o Premio Cervantes en 1995.
A súa prolífica obra inclúe títulos como La familia de Pascual Duarte (1942), La colmena (1951), Viaje a La Alcarria (1948), Mazurca para dos muertos (1983) ou Cristo versus Arizona (1988).
Durante a Transición tivo un papel destacado na vida pública española, ocupando un escano no Senado das primeiras Cortes democráticas por designación real, e participando na revisión do texto constitucional elaborado polo Congreso.
Imaxe: Wikipedia.
Isaac Díaz Pardo (Santiago de Compostela 1920-A Coruña 2012)
Intelectual galego, pintor, oleiro, deseñador, editor e empresario español. Figura clave para comprender a cultura galega contemporánea. Marcado pola morte do seu pai a mans dos sublevados en 1936, dedicou toda a súa vida á recuperación da memoria en Galicia a través das súas empresas.
No Castro de Samoedo, en Sada, monta un pequeno taller que serve de laboratorio e onde se realizarán as primeiras probas con caolín da zona de Sargadelos, o xermolo das “Cerámicas do Castro”.
Tras coñecer a Luis Seoane na súa viaxe a América, as dúas personalidades iniciaron o seu traballo creativo a prol da recuperación da cultura e da memoria de Galicia, creando en 1963 o "Laboratorio de Formas".
Díaz Pardo foi a persoa máis galardoada de Galicia: doutor honoris causa pola Universidade de Santiago de Compostela e da Coruña, medalla de ouro da Xunta de Galicia e nomeado “arquitecto de honra” polo Colexio de Arquitectos de Galicia, entre outras moitas distincións.
Imaxe: isaacdiazpardo.gal.
Concordarás en que estes galegos e galegas son recoñecidos/as, famosos/as e eminentes. Seguro que botades de menos a moitos/as nesta lista, pero esperamos ir actualizando a información con personalidades da nosa terra que se converteron en universais.