O concello pontevedrés do Porriño conta dende o mes pasado con 240 novos fogares e negocios dos núcleos da Rocha, Guía e Covelo que poden gozar da nova rede de fibra ultrarrápida do operador galego.

Todos eles xa poden dispoñer dos servizos de telecomunicacións máis innovadores e de posibles accesos de ata 10 xigas, wifi 6 e tele con deco Android 4K sen ningún custo adicional.

Despregadura de rede

R terminou recentemente outro treito das tarefas de despregadura da súa rede de fibra no Porriño, aproveitando ao máximo as infraestruturas dos devanditos núcleos, onde quedaron conectados 120 fogares e negocios en Guía, 27 na Rocha e 94 en Covelo, respectivamente.

Ao remataren as despregaduras enmarcadas no actual Plan Avanza no que R traballa, máis de 7.000 fogares e negocios teranse unido xa á súa modernísima rede de fibra no concello do Porriño.

Aos preto de 772 inmobles incorporados na contorna do plan do Ministerio haberá que sumarlles os máis de 6.300 conectados a través doutros traballos de desenvolvemento de rede que R vén realizando na zona dende hai anos.

Máis fibra para o sur de Galicia

O Porriño é un dos principais núcleos industriais de Galicia.

Neste concello atópase o principal xacemento de granito de España e, ademais, unha variedade específica: o granito 'rosa Porriño'.

Do seu patrimonio natural destacan as Gándaras de Budiño, un humidal con máis de 150 especies de vertebrados no que tamén se atoparon numerosos restos de asentamentos paleolíticos.

No seu casco antigo consérvanse casas blasonadas con soportais, como a de Quirós, e edificios modernistas como o Concello, obra de Antonio Palacios.

Ademais, polo Porriño discorre o Camiño Portugués que une Tui con Santiago.

Agora, ademais, O Porriño suma máis fogares e negocios conectados á rede de fibra óptica con accesos posibles de ata 10 xigas simétricos de R.

10 millóns de investimento e fondos europeos

Este e outros desenvolvementos de rede na provincia de Pontevedra forman parte dun dos tres proxectos do Plan PEBA-Avanza do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital dos que R resultou adxudicataria en 2018 para despregar a tecnoloxía FTTH en 512 núcleos de Galicia que non dispoñían de alta velocidade ata o momento (“zonas brancas”).

No desenvolvemento dos tres plans investirase un total de 10M€, dos cales preto de 8M€ son subvencionados polos fondos FEDER da Unión Europea. En concreto, as despregaduras do Porriño enmárcanse no proxecto destinado á extensión de redes de nova xeración en 196 núcleos de municipios do sudoeste de Galicia (Pontevedra). Os traballos nestas zonas suporán un investimento total de 3,75M€.

A día de hoxe, só no marco do Plan Avanza, R chegou por primeira vez coas súas redes de nova xeración a núcleos de poboación das catro provincias galegas que nunca dispuxeran de alta velocidade nos concellos do Rosal, Monterroso, Palas de Rei, Boqueixón, Porto do Son, Curtis, Cuntis, Meaño, Mos, Pobra de Trives, Petín, Barreiros, Lourenzá, Ortigueira, Cariño, Camariñas, Muros, Cerceda, Antas de Ulla, Moraña, Guitiriz, Tomiño, Abegondo, Ribadumia, Combarro, Muxía, Valga, Vilaboa e Ponte Caldelas.

A rede máis rápida do mercado para os/as clientes/as de R

Os/as clientes/as de R dos núcleos do Porriño conectados xa poden gozar dos servizos máis innovadores que lles ofrece a nova rede de fibra do operador galego, coa posibilidade de accesos de ata 10 xigas, wifi 6 e tele con deco Android 4K sen ningún custo adicional. Estas vantaxes vanse traducir, entre outras cousas, nunha cobertura óptima dos servizos de R nos fogares e nunha maior capacidade de navegación con varios dispositivos á vez.

A nova rede de R, a máis rápida de España segundo o prestixioso estudo da empresa francesa nPerf, utiliza a tecnoloxía FTTH, que accede directamente aos fogares e permite velocidades simétricas (iguais de suba e de baixada) en toda a súa extensión. É a última tecnoloxía baseada no estándar XGS-PON, preparada para o futuro, idónea para simultanear tarefas de teletraballo, teleformación, videochamadas, streaming, gaming… etc. Un sistema que permite habilitar eses accesos de ata 10 xigas, o que supón 4 veces máis capacidade de descarga que a tecnoloxía actual e ata 8 veces máis capacidade de subida.

Cambio de equipos gratuíto e 5G

A medida que se vai despregando a nova rede, os/as clientes/as de R son avisados/as e informados/as dos pasos que deben seguir para cambiar os seus equipos por outros de nova xeración, máis avanzados, de forma totalmente gratuíta. E as novas altas de R xa están a contratar maioritariamente sobre a nova rede de fibra óptica.

Cando ao longo de 2022 se completen os traballos de despregadura da tecnoloxía 5G e da nova rede de fibra FTTH, os novos equipos quedarán instalados en todos os inmobles e Galicia converterase nunha das rexións máis avanzadas de Europa en tecnoloxía, preparada para o uso e desenvolvemento de todos os servizos da chamada quinta xeración.

Esta tecnoloxía avanzada 5G apóiase na rede de fibra óptica, supón máis velocidade (10 veces máis que o 4G), maior capacidade e a posibilidade de xestionar unha cantidade inxente de datos, establecendo comunicacións ultrarrápidas sen apenas latencia.

Con esta infraestrutura de última xeración que R desprega dende a primavera de 2021, Galicia poderá competir en calquera lugar do mundo ao máximo nivel, ofrecéndolles a fogares e negocios galegos os servizos de telecomunicacións máis avanzados do territorio.

Imaxe de Concello do Porriño: edificio do concello do Porriño.