"Queixeamos"? Do 27 de febreiro ao 1 de marzo de 2026, Arzúa recibe a miles de visitantes desexosos/as de degustar o seu famoso queixo na Festa do Queixo de Arzúa 2026, unha das festas gastronómicas máis populares de Galicia. Contámosche máis sobre o programa, o cartel, os concertos, o horario do recinto feiral… e, por suposto, sobre o gran protagonista: o queixo.
Programa da Festa do Queixo de Arzúa 2026

Imaxe: Festa Queixo de Arzúa
Dar unha volta polo recinto feiral Terra do Queixo, probar riquísimos queixos, ir aos concertos ou aos showcookings, saborear tapas elaboradas con queixo DOP Arzúa-Ulloa nos locais de hostalería, gozar da animación das charangas e das gaitas pola rúa… Iso é todo o que che espera na Feira do Queixo Arzúa 2026, a fin de semana do 27 de febreiro ao 1 de marzo de 2026.
Antes de entrar en detalles, na imaxe podes ver o cartel da Festa do Queixo Arzúa 2026 do deseñador Aitor Marín, que nesta 51ª edición rende homenaxe á emigración galega.
Moi pronto se coñecerá todo o programa da Festa do Queixo de Arzúa 2026, que ten como pregoeiro a Federico Pérez Rey.
Festa do Queixo Arzúa 2026: mapa e horario

Imaxe: Festa Queixo de Arzúa
Na imaxe podes ver o mapa da Festa do Queixo Arzúa 2026, coa localización da carpa dos concertos, a carpa de comida e foodtrucks… para que non perdas nada. Tamén podes descargar o mapa aquí:
Ademais de todas as actividades gastronómicas e culturais da Festa do Queixo Arzúa 2026, podes achegarte a probar e comprar queixo e outros produtos no recinto feiral Terra do Queixo, situado na rúa Travesía da feira, ao carón da praza do Mercado.
Deixámosche na seguinte ligazón o plano coa distribución dos diferentes expositores:
E aquí tes o horario do recinto feiral Terra do Queixo durante a Feira do Queixo Arzúa 2026:
- Sábado, 28 de febreiro de 2026: 11:00 - 20:30 h.
- Domingo, 1 de marzo de 2026: 10:00 - 18:30 h.
Concertos da Festa do Queixo de Arzúa 2026

Imaxe: Festa do Queixo de Arzúa
Ademais do queixo, a música é a outra gran protagonista da festa con moitos concertos gratis durante toda a fin de semana.
Aquí tes todos os concertos da Festa do Queixo de Arzúa 2026:
Sábado, 28 de febreiro
- Dorian
- Dakidarría
- Dulzaro
- Cool Nenas
- Dogo
Domingo, 1 de marzo
- Budiño
- Ialma
- MJ Pérez
Feira do Queixo de Arzúa 2026
A primeira edición da Feira do Queixo de Arzúa celebrouse no ano 1975 e nunca faltou á súa cita, nin sequera nos anos de pandemia, aínda que si tivo que adaptarse ás circunstancias sanitarias, así que en 2024 chega xa á súa edición número 49.
A Festa do Queixo de Arzúa está declarada de Interese Turístico e é un escaparate de excepción para o máis famoso dos produtos gastronómicos locais: o queixo Denominación de Orixe Arzúa-Ulloa. É un gran revulsivo económico, pois poden chegar a venderse ata 100.000 queixos en só unha fin de semana.
Mercado de queixo no recinto feiral de Arzúa

Para probar e comprar queixo de Arzúa e outros produtos artesanais, pasa polo recinto feiral da Festa do Queixo de Arzúa 2026.
Unha zona está dedicada a produtos artesáns galegos, conservas de Cantabria, aceites...
Outra área resérvase para as queixerías con DOP Arzúa-Ulloa, as outras Denominacións de Orixe galegas, como a de Tetilla, O Cebreiro e San Simón da Costa, ou queixos internacionais.
É un espazo máis para os Produtores Lácteos Tradicionais (PLT).
Á venda e á degustación de queixo súmanse actividades culturais, musicais e entretemento para todos os gustos e públicos. Este ano haberá tamén espazos de artesanía.
O Queixo de Arzúa, "Produto Galego de Calidade"

O queixo con D.O.P. Arzúa-Ulloa é o que máis producimos e consumimos en Galicia e dende 1989 conta coa denominación de "Produto Galego de Calidade".
Ademais, en 1995 foron recoñecidos como "Denominación de Orixe Protexida" aqueles queixos elaborados seguindo o método estipulado e orixinarios, tanto o leite como a produción, dos concellos da área xeográfica da D.O.P. Arzúa-Ulloa: Arzúa-Ulloa: Arzúa, Boimorto, Curtis, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, O Pino, Santiso, Sobrado, Toques, Touro, Vedra, Vilasantar, Antas de Ulla, Carballedo, Chantada, Friol, Guntín, Monterroso, Palas de Rei, Portomarín, Taboada, Agolada, A Estrada, Dozón, Lalín, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces.
Como é o queixo de Arzúa-Ulloa
Este queixo está elaborado con leite natural e enteiro de vaca e realízase de maneira artesanal.
A súa cortiza é fina e elástica, sen fisuras. O seu sabor, suave, tenro e lixeiramente acedo; conforme vai madurando tende a facerse máis doce. A súa textura é untuosa e conta cun mínimo dun 45% de materia graxa. A súa forma é xeralmente redonda, de "tetiña" ou "periña".
Preséntase en bloques lenticulares con bordos redondeados e cada peza adoita pesar entre 0,5 e 3,5 quilos. Acostuma estar cinguido cunha característica cinta de tea.
Conservación do queixo de Arzúa-Ulloa
Para a súa conservación, é aconsellable que estea en lugares con temperaturas que oscilen entre os 8 e os 10 graos.
A orixinal textura branda vai deixando paso, aos poucos, a un queixo máis duro, denominado de nabiza, que é o máis apreciado.
E para apreciar todo o seu sabor, recomendámosche que o deixes a temperatura ambiente durante un par de horas antes de degustalo.
Que ganas de gozar da Festa do Queixo de Arzúa 2026. Unha cita indispensable coa mellor gastronomía de Galicia, a boa música e unha chea de actividades para toda a familia.
Fonte imaxe de cabeceira: Festa do Queixo de Arzúa
