A localidade coruñesa de Mugardos rende o sábado 13 de xullo homenaxe ao seu produto gastronómico local máis popular, o polbo, cociñado ao estilo mugardés. Aquí tes toda a información imprescindible sobre a "Festa do Polbo de Mugardos".
En Galicia sabemos de polbo e por toda a nosa xeografía podes gozar de suculentas racións de "pulpo á feira". Pero, en Mugardos, o polbo conta co seu propio estilo, de fama consolidada, grande popularidade e ao que cada verán se homenaxea coa "Festa do Polbo". Unha cita gastronómica recoñecida como Festa de Interese Turístico que en 2024 alcanza xa a súa edición número 32 e se celebra o día 13 de xullo.
Programa da "Festa do Polbo de Mugardos"
A "Festa do Polbo de Mugardos" une gastronomía e música. Tamén o fai o cartel deste ano 2024, deseñado por alumnas mugardesas do CS de Márketing e Publicidade do CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro.
Sen dúbida, o momento estelar da "Festa do Polbo de Mugardos" ten lugar ao mediodía, momento de sentarse a tomar o polbo.
Pero, ao longo do día, as charangas amenizan a xornada por toda a localidade e, de noite, toca verbena.
Tamén hai talleres de cociña e actividades para os máis pequenos, con xogos e talleres infantís.
Este é o programa completo da "Festa do Polbo de Mugardos 2024” que deu a coñecer o Concello:
Sábado, 13 de xullo
• Charanga Kilomberos
• Actuación do grupo infantil O Folión do Zampón de Fantoches Baj
• Verbena coa orquestra Jaque
"Festa do Polbo de Mugardos": tíckets e prezos
Mugardos é un pobo pesqueiro no que a pesca do polbo sempre foi moi relevante, xa dende o século XVIII. Así que non é de estrañar a tradición desenvolvida ao redor deste cobizado manxar e o mimo co que o tratan, elaboran e festexan.
A "Festa do Polbo" é unha celebración de marcado carácter popular. Centos de voluntarios de asociacións culturais da vila únense ese día para servir miles de racións aos asistentes. Para que te fagas unha idea, poden chegar a degustarse uns 1.200 quilos do cefalópodo e 3.000 racións.
Se vas a achegarte á festa, ten en conta que debes adquirir previamente un tícket na Oficina de Turismo da localidade. Necesitaralo para recoller a túa ración de polbo e poder sentar a saborealo na carpa principal.
Nos últimos anos, o Concello, para evitar masificacións, organiza a comida en diferentes quendas, cunha duración duns 60 minutos, que van dende as 12:00 h ás 17:00 h.
O prezo dunha ración de polbo (con pan e viño) é de 10 euros. Se lle engades un anaco de empanada, 2 euros máis.
O polbo sérvese en pratos e cuncas de viño de olería tradicional que levan a inscrición da festa.
Garantímosche que está moi bo pero, queres saber como se elabora o "polbo á mugardesa"?
Receita do "polbo á mugardesa"
Trátase dunha receita tradicional na que o polbo acapara todo o protagonismo e que se transmite de xeración en xeración.
En primeiro lugar, repasamos os ingredientes necesarios para cociñar "polbo á mugardesa":
• Polbo galego
• Patacas
• Cebola tenra
• Un par de allos
• Pemento verde e vermello
• Loureiro
• Viño branco
• Pemento
• Perexil
• Sal grosa
• Aceite de oliva extra
E este sería o proceso de elaboración do "polbo á mugardesa":
O primeiro é cocelo con auga nun caldeiro de cobre. Antes de que comece a ferver, introdúcese nel o polbo. Para que estea máis tenro, o polbo mázase ou conxélase un par de días antes. Ademais, os expertos din que hai que "asustar o polbo" e iso faise introducíndoo ata tres veces na auga. É a forma de evitar que a pel caia ao cocelo.
O polbo cócese durante aproximadamente uns 20 ou 30 minutos, dependendo do seu tamaño. Para calcular o punto ideal de cocción, o mellor é picalo de cando en cando.
Doutra banda, hai que picar a cebola, os allos e os pementos en tiras finas. Usarémolos para facer un rustrido en aceite de oliva, ao que tamén lle engadiremos un pouco de pemento e, finalmente, un chorro de viño branco. O seguinte paso é botarlle as patacas peladas e cortadas. Tamén o sal, o loureiro e, moi importante, a auga que utilizamos para cocer o polbo. Todo iso fervémolo uns 15 minutos.
Cando estea listo, é o momento de reunir o guiso co polbo, removéndoo todo e deixándoo ao lume uns minutos. Como toque final, engadimos perexil e aceite de oliva. E a comer!
Festas do Carmen en Mugardos
A "Festa do Polbo" exerce como anticipo da Festas do Carmen de Mugardos, que se celebran na localidade do 16 ao 21 de xullo.
Seis días de ambientazo con actividades para toda a familia. Entre as actuacións máis destacadas do programa, varias representacións teatrais e un trío de orquestras.
No apartado teatral, os días 16, 17 e 18 de xullo poderemos ver, respectivamente, "Moby Dick", "Rogelio 3. A Fete" e "Ándalle mon appétit", a partir das 20:00 h na Praza do Concello de Mugardos.
En canto ás orquestras, "Fuego" dará o pistoletazo de saída ás verbenas o venres 19 de xullo; o sábado 20, quenda para o Grupo América; e o domingo 21, actuación de "Carlos Baul&80 Razones. Tributo a Los Secretos y Hombres G". Na Praza da Constitución, ás 23:00 h.
Que mellor maneira de ir collendo forzas para as festas que tomar unha boa ración de "polbo á mugardesa". Lembra: o sábado 13 de xullo, cita en Mugardos coa "Festa do Polbo".
Imaxe de cabeceria: Deputación da Coruña.