A Festa do Polbo é unha romaría gastronómica que congrega cada ano a decenas de miles de visitantes no Carballiño o segundo domingo de agosto. A Festa do Polbo do Carballiño 2025 será o 10 de agosto, día grande, pero as actividades e concertos comezan xa uns días antes. Consulta aquí as datas e o programa das Festas do Polbo do Carballiño 2025, que este ano celebra a súa 63 edición dedicada á cidade italiana de Noventa Padovana.
Máis de corenta mil quilos de polbo, elaborados por medio centenar de polbeiros/as, se consumen nesta Festa de Interese Turístico Internacional.
Programa das Festas do Polbo do Carballiño 2025

O cartel da Festa do Polbo do Carballiño 2025 foi deseñado pola artista carballiñesa Ari Quitas. Ademais, a edición deste ano está dedicada á cidade italiana de Noventa Padovana, simbolizando a unión entre ambas as dúas culturas a través dunha imaxe que evoca o vínculo entre o polbo galego e a pasta italiana.
Un ano máis, a Festa do Polbo no Carballiño conta cunha ampla axenda de actividades para todos os públicos, dende o luns 28 de xullo ata a gran festa gastronómica do domingo 10 de agosto.
No programa das Festas do Polbo do Carballiño 2025 destacan a Mostra de Viños do Ribeiro, o 2 e 3 de agosto, a popular Tapa Xigante de polbo o martes 5 de agosto, e moito máis.
Aquí tes o programa resumido da Festa do Polbo do Carballiño 2025, que publica o Concello do Carballiño.
Luns, 28 de xullo
- 18:30 h. Praza da Veracruz: Semana Grande para Pequenos (do 28 de xullo ao 1 de agosto).
Xoves, 31 de xullo
- 11:00 h. Todas as rúas da vila: Feira e música con Cantos de Taberna e pasarrúas con Feitizo de Pau.
- 12:00 h. Praza Antón Losada Diéguez: Animación á lectura.
Venres, 1 de agosto
- 21:00 h. Praza Maior: Concerto de Tacrolimus.
Sábado, 2 de agosto
-
12:00 h. Praza Maior: Inauguración da II Mostra de viño do Carballiño. Animación de Polo pan baila o Can.
-
15:00 h. Praza Maior: Peche do recinto.
-
20:00 h. Praza Maior: Apertura do recinto e animación.
-
21:00 h. Praza Maior: Concerto de Tres pesos.
-
00:00 h. Praza Maior: Peche do recinto.
Domingo, 3 de agosto
-
12:00 h. Praza Maior: Apertura do recinto e animación de Perrito Piloto.
-
15:00 h. Praza Maior: Peche do recinto.
-
20:00 h. Praza Maior: Apertura do recinto e animación.
-
21:00 h. Praza Maior: Concerto de Amigos do Acordeón Terras de Celanova.
-
00:00 h. Praza Maior: Peche da mostra.
Luns, 4 de agosto
- 20:00 h. Praza Maior: Concerto de Isidro Vidal.
Martes, 5 de agosto
- 20:00 h. Praza Maior: elaboración da tapa xigante de polbo.
Mércores, 6 de agosto
- 23:00 h. Praza da Veracruz: Concerto de Cuarteto Alfonso Medela "On Cue".
Xoves, 7 de agosto
- 20:30 h. Praza da Veracruz: Actuación dos Coribantes de Buchabade.
Venres, 8 de agosto
- 23:00 h. Praza Maior: Concerto de Zapato Veloz e de Los Limones.
Sábado, 9 de agosto
- 20:00 h. Praza Maior: Festa das Camisetas con batucada polas rúas.
- 23:00 h. Praza Maior: Concerto de Gin Tonics.
Domingo, 10 de agosto: Festa do Polbo do Carballiño 2025
- 11:00 h. Parque Municipal e rúas: Charangas e grupos de música tradicional.
- 11:30 h. Parque Municipal: Festival Folclórico de Música e Danza Tradicional coa banda de gaitas Os Catro Ventos, Uxía Lambona e a banda molona, Canta nas croas e Pelepau.
- 22:30 h. Praza Maior: Orquestra La Oca Band.
Orixe e historia da Festa do Polbo do Carballiño

Todo empezou cunha reunión informal dun grupo de amigos alá polo ano 1962.
Querían render homenaxe ao polbo e a unha elaboración que en Arcos era toda unha arte.
Porque o epicentro da tradición polbeira é a parroquia de Santa María de Arcos, que pertence ao municipio do Carballiño. É aí onde xorden os polbeiros e polbeiras, auténticos artesáns da elaboración do polbo, transmitida entre xeracións.
Tendo claro o protagonista da festa, tamén necesitaban un lugar para celebrala. E o elixido foi o Parque Municipal do Carballiño, inaugurado no ano 1927, con varias fontes naturais, muíños, un balneario centenario e máis de trinta e dúas hectáreas de arboredo.
A considerada primeira edición da Festa do Polbo celebrouse en setembro, coincidindo coa celebración das Festas de San Cibrao do Carballiño. Pero pronto se trasladou a agosto considerando que así faría mellor tempo e tería maior asistencia de visitantes foráneos, especialmente tratándose dunha zona con moito emigrante que no verán retorna a pasar uns días de vacacións na súa terra.
E vaia se acertaron. A día de hoxe, a Festa do Polbo do Carballiño é unha das festas máis populares de Galicia.
A tradición do polbo á feira
O polbo galego ten a súa orixe na Idade Media. E foron os monxes da zona quen, séculos atrás, comezaron a repartir o sobrante de polbo que recibían como pago dos seus parceiros da costa; en concreto, de Marín, que foi priorado de Oseira.
O novo manxar atopou o seu lugar de venda ideal na feira que por aquel entón se celebraba mensualmente en Cea, localidade próxima ao Carballiño.
Aí comezou a tradición do chamado polbo á feira. Un prato suculento cuxa elaboración ten truco.
A receita do polbo á feira do Carballiño

O polbo cócese en caldeiras de cobre e sérvese nun prato de madeira. O segredo está na cocción. E está claro que no Carballiño conseguiron dar con el.
Esta é a receita oficial do polbo á feira do Carballiño:
Elaboración:
- Poñer nunha pota auga cun pouco de sal a ferver.
- Introducir o polbo, subíndoo e baixándoo 3 veces.
- Deixar cocer durante 20 ou 30 minutos, dependendo do seu grosor.
- Apagar o lume e deixalo repousar 20 minutos.
- Cortar o polbo en láminas, engadir o aceite de oliva virxe, o sal groso e o pemento picante ou doce.
- Pódese acompañar de patacas cocidas.
Ingredientes: 1 quilo de polbo, aceite de oliva virxe, pemento picante ou doce e sal groso
Fonte imaxe cabeceira: Concellería de Turismo do Concello do Carballiño