Son moitas as festas que en xullo enchen as vilas e as cidades de Galicia. Pero en Betanzos conmemoran unha feira con máis de seis séculos de historia. É a Feira Medieval de Betanzos 2025, do 11 ao 13 de xullo. Durante tres días, a vila coruñesa engalánase con postos e actuacións artísticas que fan viaxar a veciñanza e os visitantes máis de 600 anos atrás. Consulta aquí o programa da Feira Medieval de Betanzos 2025 para saber os horarios, datas e actividades.

A Feira Franca Medieval de Betanzos celébrase dende 1998 e nace para lembrar e revivir a feira que tiñan nesta cidade durante o mes de novembro nos séculos XIV e XV. Para iso, as rúas e os balcóns dos edificios do casco histórico decóranse con teas e con estandartes que representan os escudos das familias de Betanzos do baixo medievo.

Programa da Feira Medieval de Betanzos 2025

Feria Franca Medieval de Betanzos 2025
Imaxe: Concello Betanzos

Xa van aló 26 anos dende a primeira Feira Franca Medieval de Betanzos e as representacións que fai a vecindade os días de festa son unhas das máis peculiares e interesantes de todo o panorama festivo galego. Pero hai moitos máis eventos dos que gozar na centenaria vila betanceira.

Este ano espérase que na Feira Franca haxa catro representacións doutros tantos episodios que marcaron a historia da vila, coma o ano pasado. Para isto buscáronse 150 voluntarios para completar o reparto:

  • a Entrada do Señor de Andrade

  • o Incendio da cidade

  • a Revolta Irmandiña

  • a Expulsión dos Leprosos

O Concello tamén confirmou que este ano se ampliará o espazo da feira por todo o casco histórico, incorporando algunhas rúas nas que ata o de agora non había postos, como a rúa Santiago ou Peixaría. Segundo o propio Concello, para os postos presentáronse 360 solicitudes e, aínda que non se aprobarán todas por motivos de espazo, este ano manterase o récord de postos do ano pasado, uns 130.

Velaquí o programa da Feira Franca Medieval de Betanzos 2024 e podes baixalo na seguinte ligazón para telo sempre a man:

Mércores, 9 de xullo

  • 20:30 h. Igrexa Santa María do Azougue: O tratado dos meses, interpretación de obra poética.

Xoves, 10 de xullo

  • 20:30 h. Visitas guiadas para a rapazada polo Casco Histórico de Betanzos.

Venres, 11 de xullo

  • 15:00 h. Remate da colocación da XXVI Feira Franca Medieval.
  • 18:00 h. Apertura dos postos de artesanía.
  • 18:00 h. Praza dos Irmáns García Naveira: Apertura do Recuncho Infantil (ata as 22:00 h.).
  • 19:30 h. Praza Constitución: Actuación do Mago Gonzálvez.
  • 21:00 h. Praza Constitución: Representación da chegada do señor de Andrade. Ao remate dará lectura ao pregón Xan Munín Leira, exprofesor de lingua e literatura galega do instituto Francisco Aguiar de Betanzos, que inaugurará oficialmente a feira.
  • 23:00 h. Praza Irmáns Gracía Naveira: Representación do incendio da cidade do siglo XVI polo Club de Baloncesto Santo Domingo.
  • 00:00 h. Praza Constitución: Representación do espectáculo O Embrujo a cargo da compañía Hípica Celta.

Sábado, 12 de xullo

  • 11:30 h. Apertura das paradas. Durante todo o día haberá espectáculos musicais de Acibreira, os Brincadeiros, O Fauno e La Recua. Tamén haberá exhibicións de tiro con arco na igrexa de Santa María e de cetrería na Rúa Nova.
  • 11:30 h. Praza dos Irmáns García Naveira: Apertura do Recuncho Infantil.
  • 12:00 h. Desfile de músicos, humoristas e malabaristas e representacións teatrais co grupo La Recua.
  • 12:30 h. Adro de Santa María: Actuación do Mago Gonzálvez.
  • 13:30 h. Praza Constitución: Representación da chegada dos mouros para esixir á veciñanza betanceira as súas doncelas para que as entreguen ao Califa de Córdoba.
  • 17:00 h. Apertura das paradas.
  • 18:00 h. Praza dos Irmáns García Naveira: Apertura do Recuncho Infantil (ata as 22:00 h.).
  • 19:00 h. Representación da Revolta Irmandiña co pregón do comerciante Afonso de Carballido. Ao remate, actuación do grupo Azougue da Escola Municipal de Folclore de Betanzos.
  • 20:00 h. Praza dos Irmáns García Naveira: Actuación do Mago Gonzálvez.
  • 00:00 h. Praza da Constitución: Espectáculo de pirotecnia, zancos e lume a cargo do grupo de teatro La Recua.

Domingo, 13 de xullo

  • 11:30 h. Apertura das paradas. Durante todo o día haberá espectáculos musicais de Acibreira, os Brincadeiros, O Fauno e La Recua. Tamén haberá exhibicións de tiro con arco na igrexa de Santa María e de cetrería na Rúa Nova.
  • 11:30 h. Praza dos Irmáns García Naveira: Apertura do Recuncho Infantil (ata as 14:00 h.).
  • 12:30 h. Praza Constitución: Actuación de Kote Malabar.
  • 12:30 h. Praza da Constitución: Actuación do Mago Gonzálvez.
  • 13:30 h. Praza dos Irmáns García Naveira: Representación da expulsión dos leprosos.
  • 17:00 h. Apertura das paradas.
  • 18:00 h. Praza dos Irmáns García Naveira: Apertura do Recuncho Infantil (ata as 22:00 h.).
  • 18:00 h. Praza dos Irmáns García Naveira: Torneo Medieval a cabalo na Praza dos Irmáns García Naveira con exhibición de cabaleiros e cetrería. Tamén haberá espectáculo de danza coa escola de baile Danzarte.
  • 20:00 h. Adro de Santa María: Actuación de Kote Malabar.
  • 20:00 h. Praza Constitución: Actuación do Mago Gonzálvez.
  • 23:00 h. Praza Constitución: Espectáculo de teatro de La Recua.
  • 23:30 h. Danzas Mouras.

Actividades destacadas da Feira Medieval de Betanzos 2025

Os actos máis populares e vistosos da Feira Medieval de Betanzos 2025, que tamén a diferencian doutras feiras medievais, son a interpretación de escenas que marcaron o desenvolvemento e a cultura da vila.

Entre os días 11 e 13 de xullo deste ano estarán representadas escenas da propia historia betanceira e faise coa colaboración e coa participación, case exclusivamente, das asociacións e dos habitantes de Betanzos. É dicir, son os propios veciños e veciñas os que actúan como actores e actrices, sen que en ningún momento participe ningunha compañía de teatro profesional.

Son moitos os momentos que se representan durante os catro días de xullo. Comezando pola chegada do Señor de Andrade á cidade, que fai referencia a dous momentos importantes da historia da cidade: a concesión a Betanzos no ano 1465 do título oficial de cidade e a concesión no ano 1467 do privilexio de poder celebrar unha Feira Franca todos os anos en novembro.

A "Batalla de Figueiras"

Este ano espérase que sexan catro as representacións históricas ás que o público asiste masivamente. A primeira delas, a pesar de non corresponder á época exacta na que se centra a feira, é a “Batalla das Figueiras”.

Esta actuación é moi importante porque representou unha das primeiras actuacións en Galicia da Reconquista. Ocorreu a mediados do século VIII e representa a negativa dos nobres e dos plebeos a entregar ás tropas do rei musulmán Mauregato as cen doncelas que lle esixían cada ano.

A negativa deu lugar a unha cruenta batalla na que venceron os betanceiros, empregando todo tipo de aparellos como armas, incluso pólas de figueira, polo que esta se coñece como a Batalla das Figueiras.

Pero a representación non é só a batalla entre ambos os dous bandos, senón tamén a súa negociación e os bailes mouros típicos daquela época para recibir ás tropas musulmás.

A “Revolta Irmandiña”

Feira Franca Medieval de Betanzos
Imaxe: Feira Franca Medieval de Betanzos

A “Revolta Irmandiña” é outra das representacións que máis público atrae na Feira Medieval de Betanzos 2025. Tenta representar como os habitantes de Betanzos e da súa comarca se rebelan contra o señor feudal da época, o famoso Nuno Freire de Andrade "O Malo", pola excesiva dureza coa que trataba os seus vasalos.

Esta revolta foi dirixida por Alonso de Lanzós que encabezou un ataque contra o castelo do señor feudal, situado en Pontedeume.

A expulsión dos leprosos

Feira Franca Medieval de Betanzos
Imaxe: Feira Franca Medieval de Betanzos

O último día da feira, o domingo 13 de xullo, ten lugar quizais a escena máis elaborada e complexa de todas, na que se recrea a peste e as enfermidades que asolaron a cidade en 1381, e que conclúe cunha representación da expulsión dos leprosos da cidade.

A escena represéntase co traslado dunha impresionante parella de bois que tiran dun carro que transporta os leprosos para expulsalos da cidade e como os propios enfermos tentan fuxir polo camiño e son detidos polos veciños.

Os enfermos son expulsados dos límites da cidade en dirección ao barrio da Magdalena onde se atopaba nese momento unha colonia de leprosos.

A historia da Feira Medieval de Betanzos

A historia da primeira Feira Franca de Betanzos remóntase varios séculos atrás. Todo naceu por un favor que o rei Enrique IV lle concedeu á cidade de Betanzos, que foi a autorización para celebrar unha feira anual de trinta días de duración, libre de impostos, tributos e alcabalas.

Enrique IV indicou que esta feira debía celebrarse entre o 1 e o 30 de novembro, e foi formalizada por carta de privilexio en 1467 e confirmada polos Reis Católicos o 12 de abril de 1475, en Valladolid.

Esta feira celebrouse ata finais do século XVIII, sendo un evento comercial e social de grande importancia, non só para a vila, senón tamén para todo o Reino de Galicia.

Visto todo o que ofrece a Feira Medieval de Betanzos 2025, non queda máis que buscar un oco nas nosas axendas para visitar a vila betanceira e gozar da súa gastronomía, da súa música e das representacións históricas entre o 11 e o 13 de xullo deste ano.

Fonte imaxe de cabeceira: Feira Franca Medieval de Betanzos.