Xa te decatarías de que este ano é bisiesto, polo que febreiro ten 29 días. A nós picounos a curiosidade, e pensando en por que sucede cada 4 anos, preguntámonos a que se debe que febreiro sexa o mes máis curto do ano. Atención, este post non vai de matemáticas, aínda que o parece. Tentamos lle dar unha resposta sinxela ao asunto, porque vaia lea.

Por que febreiro ten menos días que o resto?

Para chegar ao calendario gregoriano que hoxe utilizamos tivéronse que realizar moitas medicións, debates e reaxustes. Se é difícil poñerse de acordo en nimiedades, imaxina como debeu ser o do calendario.

O calendario romano foi o primeiro sistema para dividir o tempo. O rei Rómulo estableceu a duración do ano en 10 meses lunares, fundamentalmente definidos en función da actividade agrícola. Por iso, o ano empezaba en marzo, coincidindo coa primavera, e non existían xaneiro nin febreiro, cando non hai actividade no campo. Con este sistema, o calendario duraba só 304 días.

O rei Numa Pompilio non lle viu sentido e decidiu engadir dous meses máis para adaptar o calendario ao ciclo lunar. Así naceron xaneiro e febreiro con 29 e 28 días respectivamente. Novo problema, a superstición dos números pares.

Malia os axustes, a cousa seguía sen cadrar. Finalmente foi Julio César quen fixou o calendario en 365 días e repartiu o excedente de días entre os diferentes meses, agora de 30 e 31 días. Febreiro, un dos últimos en chegar, mes purificador e previo á primavera, quedou con 28. E a el agregábaselle un bisiesto cada catro anos.

Ano bisiesto

Efectivamente o bisiesto pretendía corrixir o desfasamento entre os 365 días do calendario e os 365,2422 días (365 días e unhas 6 horas) que realmente tarda a Terra en virar ao redor do Sol. Pero o cálculo de Julio César desviábase nuns minutos.

En 1582 o Papa Gregorio XIII tomou cartas no asunto para corrixir ese último floco. O calendario gregoriano, o que hoxe utilizamos, mantivo o ano bisiesto de 366 días cada catro anos, pero cunha excepción: non serían bisiestos os múltiplos de 100, agás se son divisibles por 400.

Curiosidades

Despois desta clase de historia, podes facerte unha idea da singularidade dos anos bisiestos. Aquí van unhas cantas curiosidades para que deixes os teus colegas coa boca aberta con todo o que sabes:

  • Os nados o 29 de febreiro só poden celebrar os seus aniversarios cada 4 anos. Por exemplo, Pedro Sánchez.
  • O 29 de febreiro conmemórase o Día das enfermidades raras.
  • Na tradición británica ten lugar o Bachelor’s Day, o Día dos solteiros, que permitía á muller pedir matrimonio ao home.
  • Este é o primeiro ano bisiesto desta nova década.
  • O calendario de 2020 é o mesmo que o de 1936, 1964 e 1992. E é que os almanaques se repiten cada 28 anos, seguindo a regra dos anos bisiestos. Así que o calendario deste ano, poderás reutilizalo en 2048, 2076 e 2116 (aínda que tal vez nese último ano xa nos sexa difícil botar man do calendario).
  • Os anos bisiestos asócianse con mala sorte. Superstición ou non, o certo é que se afundiu o Titanic en 1912, comezou a Guerra Civil española en 1936, asasinaron a John Fitzgerald Kennedy e Martin Luther King en 1968, a Gandhi en 1948 ou a John Lennon en 1980.
  • En 2020 teñen lugar os Xogos Olímpicos de Tokio e a Eurocopa, a Expo de Dubái e ademais é o ano da rata no horóscopo chinés.

E ti, coñeces máis curiosidades dos anos bisiestos? Escríbenos para contárnolas.