Tras publicar 18 libros e centos de ilustracións e estrear 4 curtametraxes e unha longametraxe, Alberto Vázquez triunfa coa súa última curta “Homeless Home”. Gañou o Premio do Xurado nos Óscar da animación e arestora vén de recibir o Premio R á mellor curtametraxe galega no FICBUEU 2021 e os galardóns de Mellor Banda Sonora e Mellor Curta de Animación no Festival de Cans.

Sobre premios, charlamos con el, pero tamén sobre os seus rompedores personaxes e a nova peli “Unicorn Wars” na que está a traballar, e que estamos desexando ver.

Director de animación, ilustrador, debuxante de cómics, músico e ata deseñador de videoxogos. En que faceta te atopas máis cómodo?

Síntome cómodo en calquera campo, xa que ao final utilizo o debuxo como linguaxe. Quizais coa animación levo 10 anos bastante intensos e agora mesmo é a miña profesión principal. Coa animación mesturo dous dos meus grandes intereses: o cine e o cómic, e podo contar historias e traballar a narrativa, que é o que máis me interesa.

Os/as teus/túas personaxes non son nada típicos/as. De onde vén a túa inspiración? Tes algún favorito?

Os meus personaxes adoitan ser animais antropomórficos, é dicir, animais con corpo humano. Interésame este tipo de personaxes porque son universais, anacrónicos e remiten ás fábulas e os contos clásicos. É moi interesante porque conectan con calquera persoa de calquera cultura, quizais porque son sintéticos e pola súa universalidade. Dentro destes personaxes teño moitos que me gustan, pero quizais Ramiro, a pantasma rato pervertido da curta “Decorado” sexa un dos meus favoritos, aínda que non podo deixar de nomear a Birdboy, o paxaro drogadicto, que protagoniza a longametraxe “pSICONAUTAS”.

Contrastan coas ilustracións para nenos nos libros de El Hematocrítico. Como xurdiu ese tándem?

Pois son amigo de Miguel dende hai moitos anos. El estaba moi a tope coa súa carreira e empezando a facer libros. Como é coñecedor do mercado da literatura infantil falamos de crear unha serie e así xurdiu “Feliz Feroz”, o noso primeiro libro xuntos que foi un éxito de vendas en España e Corea e aínda seguimos colaborando de cando en vez.

Tes 3 Premios Goya por “Birdboy” (2012), que tamén conseguiu galardón no Festival Animation of Cans, “Psiconautas” (2017) e “Decorado” (2017), co que gañaches os Premios Mestre Mateo. Onde gardas tantos premios?

Pois tenos o meu pai na súa casa e/ou algún dos meus produtores nas súas oficinas. Eu non os gardo, nin me gusta moito ter cousas miñas en casa. Quizais porque xa estou demasiado enfeitizado no meu día a día traballando nos meus proxectos, como para despois estar a ver trofeos ou debuxos das miñas cousas colgados. Hai que desconectar do traballo.

E con tantos premios, algúns pensarán que o camiño foi fácil. Como foi chegar todo o máis alto?

Pois non sei, tras 18 libros publicados, centos de ilustracións publicadas, 4 curtametraxes e unha longametraxe, o único que podo dicir é que traballei moito, que vivín por e para a miña profesión, que foi todo unha montaña rusa de aprendizaxe. A experiencia foi moi positiva, pero tamén houbo malos momentos. Supoño que se queres vivir da arte hai que vivir para a arte.

Agora estás a traballar en “UnicornWars”. Que nos podes adiantar?

“Unicorn Wars” é unha película bélica fantástica na que se narra a guerra ancestral entre os osiños e os unicornios que habitan o bosque máxico, pero en realidade é a historia dunha guerra interna entre dous irmáns xemelgos polo amor da súa nai e os conflitos do pasado. É unha película que agora estamos a facer entre Galicia, País Vasco e Francia e é un paso adiante tanto narrativo como técnico a respecto de “Psiconautas”.

Como ves o panorama audiovisual coa que está a caer?

Vexo que é un sector que xa de seu é fráxil e agora está a sufrir moito máis. A industria da arte, como todas as demais, están ao pasar mal, pero é certo que é un sector que xa estaba precarizado, co que a caída é moito máis dura.

Moita sorte con “Unicorn Wars” e moitas grazas por atendernos.