Parece que o dos drones vai ser algo máis ca unha moda pasaxeira. Trátase, como sabedes, de vehículos aéreos non tripulados aos que cada vez se lles están atopando máis posibilidades de usos civís.
E a verdade é que nos fai sentir ben, ‘importantes’, que en Galicia catro mozas, estudantes da Escola de Deseño Industrial de Ferrol fosen seleccionadas para levar o seu prototipo de dron ao concurso “Drones for Good”, organizado polo emirato árabe de Dubái. O proxecto de Tays, Susana, Macarena e máis Andrea chámase “Dronlife” e está pensado para usos sanitarios; basicamente para o transporte de órganos pequenos dun hospital a outro pero que nun futuro podería ampliar as súas capacidades e mesmo a súa autonomía de voo.
Isto é o que nos contaban hai pouco estas catro mozas, Andrea Magán como voceira, sobre o seu dron e sobre a experiencia de seren seleccionadas para concursar nun país onde rexe a Sharia (lei islámica) e a muller vive segundo os dictados da relixión.
_Que vos animou a participar no concurso e como xurdiu a idea deste “prototipo de drone para transporte de órganos entre hospitais”?Animounos o profesor Adolfo Lamas, da asignatura de Xestión e Innovación do Deseño, na que xurdiu esta idea.
_Quedastes terceiras de entre 20 equipos de todo o mundo e tras unha primeira selección duns 150 participantes... Case nada ;-)Si, foi así. Na primeira fase tivemos que enviar un vídeo de dous minutos contando a idea. Nese momento non sabiamos a que nos enfrontabamos, só que serían 20 os seleccionados. Para a nosa sorpresa, Tays recibiu, a dous días de que se anunciasen os 20 seleccionados, una chamada dun número descoñecido, falando inglés; e a súa primeira impresión foi que aquel home estaba confundido.
_Como foi a experiencia en Dubái?A experiencia foi incrible. Se temos que elixir un só momento quedamos cos instantes previos ao anuncio dos 5 semifinalistas. Cremos que ese foi o momento máis emocionante de toda a estadía. Tamén foi moi especial cando o noso nome saíu entre os 3 primeiros e máis aínda cando a organización nos chamou para transmitirnos a invitación para quedar uns días máis e asistir á Convención “The Government Summit” sobre tecnoloxía, futuro e educación.
_Sodes mulleres, inventoras e valentes... e chegades a un país onde rexe a lei islámica cun proxeto de enxeñaría industrial. O voso é desafiar as estatísticas...A pesar de que Dubái é parte dos Emiratos Árabes é un país moi occidentalizado. En ningún momento nos tiveron a menos ou nos trataron mal. O único que notamos foi a falta de contacto... porque como galegas e españolas estamos acostumadas a dar bicos, apertas ou a man e eles, pola súa cultura, non teñen ese contacto inicial entre homes e mulleres. Pero nada máis que iso. En canto ao de ser inventoras si que chamou a atención sobre todo nos outros concursantes e nos medios de comunicación, pero o que nós queremos trasmitir grazas a esta casualidade (a de ser 4 rapazas) é que dá igual o xénero da persoa, o importante é a idea e o traballo, independentemente de ser homes ou mulleres.
_Contádenos cousas sobre o voso prototipo “Dronlife”...Dronlife é unha idea para recurtar tempos no transporte de órganos nos transplantes. Plantexámonos usar drones como vehículos que poidan substituir os medios actuais (ambulancias, taxis, helicópteros) ou complementalos. Cos drones temos a vantaxe de reducir moito os tempos e gañar así en calidade nos órganos.
A aplicación principal sería a de levar órganos pero o deseño do refrixerador permite transportar mostras médicas, material cirúrxico, seroloxía, vacinas... etc. O dron que temos nestes intres é un modelo comercial cedido por CARTOGALICIA que empregamos como prototipo a escala (1:3). Este dron só soporta 1,5 kg e ten unha autonomía de 40 km polo que só podería trasladar córneas ou tecidos en distancias moi curtas. Pero a nosa idea, tal e como foi concibida, é a de ter un dron cunha capacidade de 30 kg e unha autonomía de 200 km. Propuxémonos dúas tipoloxías: un cuadricóptero como unha solución de futuro, pois hoxe aínda non alcanzan tantas prestacións, e outro tipo helicóptero, que si existe no mercado coas características antes descritas. Co dron a escala 1:1 poderiamos trasladar calquera órgano: corazóns, pulmóns, riles… etc.
-Tamén é voso o deseño do refrixerador-neveira onde irían os órganos, non si?En realidade o noso deseño é o refrixerador e a cápsula onde vai albergado. O dron, como comentabamos, é comercial, pois non tiñamos medios nin tempo para deseñar un propio. Aínda así, hoxe si podemos dicir que estamos traballando xunto con IFFE Industrial para facer todo o proxecto realidade coa empresa Dronlife.SL O refrixerador si é diseño noso. A súa concepción xurde para intentar mellorar as condición de transporte, pois actualmente van en neveiras como as de praia, con xeo. Nós propoñemos un refrixerador intelixente que manteña o compartimento do órgano a temperatura constante mediante células Peltier e que sexa monitorizable o estado do órgano mediante a comunicación “refrixerador – dron – estación de control” durante todo o transporte. Deste modo, ademais de preservar o órgano en mellores condicións, podemos estar informados de se nalgún caso oscilou a temperatura ou se ocorreu algo fóra do habitual durante o voo. O refrixerador leva una pantalla na que se poden introducir os datos necesarios e dous portos USB para cargar ou descargar a información do órgano (doante, receptor, gráfica de temperatura, tempo dende a extracción… etc.) Ademais de todo isto leva un mango telescópico e rodas para o seu doado transporte a xeito de trolley e que o órgano non sufra movementos bruscos.
_Tedes respaldo económico para desenvolvelo?A día de hoxe temos montada a empresa Dronlife.SL xunto cos compañeiros de IFFE Industrial, que foron os que nos financiaron xa na aventura en Dubái. De todas maneiras, isto non supon ter o financiamento necesario para o desenvolvemento do proxecto senón unha axuda para buscar investidores.
_Canto podería custar o voso dron se se comercializase a día de hoxe?Non sabemos canto podería custar porque é complicado estimar o investimento en desenvolvemento e fabricación de algo novo. Pero outros drones de características algo superiores empregados para Defensa poden roldar os 800 mil euros.
_Pero xa hai un regulamento sobre o voo deste tipo de aeronaves no espazo aéreo, non si?Nos últimos meses estableceuse a través de AENA a normativa para o voo de aeronaves non tripuladas. Nun congreso na Comunidade de Madrid sobre aplicacións civís de drones, ao que asistimos como invitadas, falouse moito sobre o tema da lexislación, que resulta bastante restritiva. Dende a directiva de AENA expresaron a necesidade de limitar o voo dos drones por mor da perigosidade que poden supoñer para a poboación civil. Ainda así, este regulamento é preventivo, pola cantidade de drones que están aparecendo. Prevén que se vaian facendo cambios na normativa segundo avance o tempo e se estabilice o sector.
_Rematades este ano a carreira. Seguiredes a traballar xuntas nalgún proxecto ou aínda non tedes plans?A nosa idea é presentar o proxecto de fin de grao e logo, na IFFE Bussines School, completar os estudos cun máster mentres traballamos para o desenvolvemento de Dronlife.SL. Así que si, seguiremos a traballar as catro xuntas para que Dronlife se converta, no menor tempo posible, nunha realidade.
Pois así o esperamos tamén nós, rapazas.
Estas heroínas galegas, mulleres novas, valentes e emprendedoras xa teñen, sen dúbida, un gran camiño percorrido. Noraboa, xentiña!