Internet revolucionouno todo, incluída a nosa forma de ler. Grazas aos eBooks ou libros electrónicos, a pantalla sumouse ao papel de toda a vida para ofrecernos outra maneira de mergullarnos nesas incribles historias de aventura, terror, humor ou romance que poboan os libros. E o 4 de xullo celébrase o Día Mundial do eBook ou Libro Electrónico.
Un eBook (ou ciberlibro) é a versión electrónica ou dixital dun libro. Nos últimos anos, o seu uso medrou de xeito exponencial e, hoxe en día, edítanse cada ano uns 25.000 libros electrónicos, só en España.
É curioso saber que o lector dixital é máis intensivo. Segundo datos da Federación de Gremios de Editores de España (FGEE), le unha media de 13,2 libros ao ano, mentres que nos lectores de papel a media se sitúa nos 11 libros ao ano.
Por que nos gustan os libros electrónicos? Cada lector/a ten os seus propios gustos, pero hai certas características que calan entre os/as lectores/as, especialmente entre os nativos dixitais.
Vantaxes dos eBooks ou libros electrónicos
Para empezar, poden ser lidos en liña, e dende calquera dispositivo, en diferentes formatos: Kindle, EPUB, ASCII, UTF-8 ou HTML.
Ademais, permiten incorporar elementos multimedia como vídeo ou audio e deixan enlazar coas páxinas web que queiras a través de hipervínculos.
Contan cun índice interactivo para saltar a capítulos específicos e facilmente podes subliñar, agregar comentarios ou procurar aquelas palabras que máis che interesan.
Nun mundo que aposta polo sostible, o libro electrónico é respectuoso co medio ambiente.
E nunha sociedade afeita á inmediatez, cómprase nuns poucos clics e descárgase ao instante.
4 de xullo: Día Mundial do eBook ou Libro Electrónico
Así que xa co eBook formando parte das nosas vidas, non é de estrañar que conte co seu día especial. O 4 de xullo rendémoslle homenaxe a través do Día Mundial do eBook ou Libro Electrónico, unha iniciativa que fomenta a lectura e a difusión libre de contidos dixitais, sempre baixo a autorización de dereitos de autor.
A iniciativa partiu de Overdrive, empresa líder no préstamo de libros electrónicos para bibliotecas. No seu catálogo ten máis de 1.000.000 de eBooks, audiolibros e vídeos.
Pero todo ten un principio e xa pasaron décadas dende que naceu o primeiro eBook. E nos seus inicios poucos apostaban por el.
Historia do eBook ou Libro Electrónico
Todo empezou no ano 1971. Na Universidade de Illinois, Michael Hart transcribiu unha copia da Declaración de Independencia dos Estados Unidos, pero non puido enviala por correo debido ás limitacións de almacenamento da época. Ocorréuselle entón creala como un elemento independente e descargable ou, o que é o mesmo, creou un primeiro e moi básico libro electrónico.
Xorde entón o chamado Proxecto Gutemberg, cuxa intención era crear unha gran biblioteca dixital gratuíta que contase con obras dos grandes autores clásicos e con outras de dominio público non suxeitas a dereitos de autor. Inicialmente, o formato reducíase a usos vinculados á educación e á investigación.
Ata unha década máis tarde, en 1981, non saíu á venda o primeiro libro electrónico con fins comerciais. Foi o Random House´s Electronic Dictionary, editado por Random House.
Os libros dixitais desa época distaban bastante dos sofisticados lectores cos que contamos hoxe. Non usaban tinta electrónica e poderíanse definir unicamente como equipos portátiles con pantallas retroiluminadas.
O boom do eBook grazas a Stephen King
O gran empurrón chegou da man dun dos grandes nomes da literatura de terror, Stephen King, cando lanzou en exclusiva a través de internet a novela Riding the bullet. O seu éxito foi tal, cuns 500.000 exemplares vendidos en menos de dous días, que a páxina web se bloqueou e, ademais, abriu a porta a un mundo literario totalmente electrónico.
Estamos xa en 2001. Editoriais e creadores lanzáronse a descubrir e aproveitar as vantaxes da edición dixital de libros.
Ao mesmo tempo, os teléfonos móbiles comezan a incorporar a posibilidade de ler textos dixitalizados. Os tamaños reducidos de pantallas e a súa calidade de entón non axudaban, pero si conseguiron achegar ao gran público unha nova forma de ler.
E entre melloras de deseño e novas funcionalidades chegamos ao momento actual. Coa tecnoloxía omnipresente e tras unha pandemia, os hábitos lectores dixitais consolidáronse, tamén en Galicia.
O eBook ou Libro Electrónico en Galicia
Na nosa terra non somos alleos á tendencia xeral que apunta á ficción como o máis lido. Non perden fol a novela policíaca e a romántica, xunto coas sagas xuvenís. De feito, a unha delas, Los juegos del hambre, pertence a frase máis subliñada da historia dos libros electrónicos: "Porque algunas veces las cosas le pasan a la gente cuando no está preparada para enfrentarlas".
Nos últimos anos, máis coa pandemia, tamén se disparou a demanda de eBooks de autoaxuda ou desenvolvemento persoal.
Varios nomes de autores galegos figuran en todos os rankings de popularidade e vendas: a Miss Marte, de Manuel Jabois; El camino del fuego, a última obra da viguesa María Oruña; e mención especial para o escritor Domingo Villar, recentemente falecido, cuxo detective Leo Caldas se converteu en toda unha icona. El último barco é o seu terceiro caso e esa investigación literaria que arrinca nunha singular casa azul da costa galega é un dos eBooks estrela do ano.
En Galicia contamos tamén cun activo mercado dos libros electrónicos en galego no que conviven grandes clásicos con novelas máis contemporáneas.
Así, figuran títulos como a Conciencia de Galicia, de Carlos Casares, un libro no que recolle a biografía de tres grandes figuras da cultura galega como son Vicente Risco, Curros Enríquez e Otero Pedrayo; La isla misteriosa, de Julio Verne, un clásico de aventuras protagonizado por cinco homes que conseguen escapar do asedio de Richmond nun globo aerostático; A pedra verde, de Julio Santos García, unha colección de libros infantís ilustrados para nenos e nenas a partir dos 7 anos; e obras de Xosé Luís Méndez Ferrín como O crepúsculo e as formigas.
Entre os máis vendidos, moita variedade, con novelas dirixidas ao público infantil e xuvenil como Santoamaro, de Antonio Manuel Fraga; obras de recoñecidos autores galegos como Trece badaladas, de Suso de Toro; e obras de tipo ensaio como a Tertulia revisitada, de Xavier Alcalá.
Títulos para todos os públicos, gustos e opinións. O eBook chegou para quedar e xa sabes que tes moito onde elixir se che apetece gozar dun bo libro electrónico nas túas vacacións ou durante todo o ano. E non esquezas contarnos as túas lecturas favoritas ou recomendarnos un libro ;)
Imaxe de Michael Hart: https://ebookfriendly.com/pictures-of-michael-hart-the-inventor-of-ebooks/