O 8 de marzo celébrase o Día Internacional da Muller e nesta ocasión buscamos reivindicar o papel e o esforzo da muller falando con dúas compañeiras de R. A elas e ao resto de profesionais queremos estender o noso recoñecemento polo seu labor e pola súa importante contribución á sociedade. Velaquí a súa experiencia e, por suposto, a nosa pequena homenaxe.
María Vázquez considérase “enxeñeiro”, a pesar de non ser politicamente correcto como ela di, porque para ela o problema non é un simple “a”. Pola súa banda, Susana Rey, do mesmo xeito que María, considérase enxeñeiro tamén. Ambas estudaron Enxeñería Técnica Superior en Telecomunicacións, especialidade en Comunicacións. E mentres María empezou a traballar en R en xullo de 2000, Susana fíxoo uns meses antes.
As dúas pasaron por distintos departamentos, o que demostra a súa experiencia e capacidade. No caso de María Vázquez iniciouse como Técnico do departamento de Enxeñaría e Deseño de Rede en diferentes áreas tecnolóxicas e actualmente traballa como Técnico Audiovisual no departamento de Tecnoloxía. Susana Rey deu os seus primeiros pasos en R no departamento de planificación e investimentos en rede e actualmente é a responsable de ciberseguridade da compañía.
Diferentes roles
Unha das cousas que máis nos chama a atención na súa experiencia é precisamente as ideas preconcibidas, a asignación de determinados roles profesionais que temos moitas veces no caso da muller. Así, María coméntanos que “cando alguén che pregunta onde traballas e respondes que en R, falta a primeira vez que alguén, sexa home ou muller, pregunte "en enxeñería ou operación?" "Instalando na casa do cliente?".
Entran en xogo os estereotipos, porque se unha “nena segue oíndo estes comentarios ou recibe unha boneca para xogar e non un Lego, pois todo perdido. É un labor de todos os ámbitos da sociedade”, resume María.
Pola súa banda, Susana tamén cre que se trata dun "problema cultural, xa non só de machismo (eu oín varias veces na miña vida que como ía estudar unha enxeñaría sendo moza, curiosamente sempre doutras mulleres) senón de visibilidade". Dese xeito, "cando es neno e adolescente buscas referencias, e desas referencias sae entre outras cousas o teu posible futuro profesional. Se sendo nena non coñeces, nunca viches nin oído falar de mulleres enxeñeiro, mulleres informáticos ou mulleres hackers é moi complicado que se che ocorra a ti dedicarte a iso".
Figuras ocultas
Curiosamente, grazas ao cinema puidemos coñecer estes días a historia de tres brillantes mulleres científicas afroamericanas que traballaron na NASA a comezos dos anos sesenta. Unha historia nunca contada e que demostra a pouca visibilidade da muller en certos ámbitos, aínda que “haina, por suposto que si”, sentencia María.
Tanto é así que "agora coñecemos que as houbo na chegada do home á Lúa ou no proxecto Enigma. Hai unhas semanas lin un artigo sobre as "tecedoras de programas" que me sorprendeu enormemente. Á marxe de que estas mulleres eran programadoras, non tecedoras" como pode ser que me decatase a estas alturas do seu labor". Cantos casos máis hai como este e descoñecemos totalmente? Como o vai a coñecer a sociedade se non os coñecemos nin sequera os que nos movemos na materia? Pois iso: a miña admiración por todas as Figuras ocultas da historia e do presente da tecnoloxía".
Susana ponnos sobre a pista de “Hedy Lamarr, enxeñeira, espía e actriz de Hollywood da época dourada. Con varias patentes sobre comunicacións sen fíos, sen algunhas das cales hoxe en día non teriamos TDT ou wifi". Gústalle "porque une dous perfís que a xente cre antagónicos da muller: guapa, feminina, con glamour e ao mesmo tempo forte, trasgresora e intelixente”: Explica que o seu exemplo "debería estudarse nas escolas, porque isto igual si é un referente para as nenas e non outros que vemos na televisión".
Papel minoritario
De feito, Susana aprecia “unha gran regresión social na imaxe pública da muller; e con esa imaxe pública deturpada as nenas de hoxe constrúense o seu auto concepto e así acaban querendo ser cantantes, bailarinas, ou actrices, etc. non enxeñeiros”. De novo, entramos na necesidade de lles dar máis visibilidade ás mulleres profesionais e, sobre todo, ás de tipo técnico “para que teñan referentes e polo menos consideren se queren ser enxeñeiros. Aí creo que deberiamos pedirlle a Disney unha princesa enxeñeiro, que arranxe ela soíña as cousas sen esperar a ninguén azul. Iso igual melloraba a situación substancialmente”.
"O papel da muller neste sector é aínda minoritario, máis do que o é noutros sectores", en palabras de María. "E non o é só en España. Basta ir a congresos internacionais ou traballar en proxectos con multinacionais para percibir a expresión de "sorpresa" ao atoparse cunha muller nunha reunión ou no equipo de integración". E, de novo, ponse de manifesto que "a muller que loita por ascender vai sufrir moito máis que o home que opta por esa opción".
Susana, á que non lle gusta verse "como unha muller profesional, eu son un profesional TIC que ademais son muller, galega, disléxica, sumamente esixente no traballo, entre outras moitas cousas", indica que "empezas a atopar agora compañeiras que están a chegar a postos importantes, con gran esforzo e loita. Pero aínda son poucas e con pouca visibilidade social. Gustaríame pensar que isto vai ir mellorando". Ao tempo, sinala que é fundamental en calquera organización contar "con persoas con diferentes capacidades, formación, forma de pensar, experiencias vitais, etc. Se eliminas ao 50% da poboación deste ecosistema, creo que é obvio que o estás empobrecendo".
Trato diferenciado
"A miña experiencia é que tiven que loitar moito máis que os meus compañeiros porque se tivesen en conta os meus criterios como técnico ou ter que aguantar caras de sorpresa se digo que para min non hai nada máis estimulante que unha chea de "logs" e un problema que cazar". Pero, segundo a experiencia de Susana, "ninguén se sorprende se iso mesmo o di un mozo: é friki, pero vale. Pero se es moza…". E, aínda que sorprenda, explica que "iso pasoume sobre todo en empresas multinacionais ou con estranxeiros".
De feito, "en España, segundo a miña opinión, estamos mellor que noutros países que se xactan de maior igualdade homes-mulleres. Aínda que si hai que seguir loitando por mellorar". María pon o foco non tanto nas empresas como nas persoas, a pesar de que se "sentiu tratada como un máis tanto na vida académica como na profesional. No meu caso particular, e conste que non é o habitual na sociedade, percibo que a miña valoración como profesional por parte da empresa é igual que a que reciben os meus compañeiros". De todos os xeitos, si considera que as empresas teñen "o deber de detectar e corrixir esas situación" ante os "comentarios, actitudes,.. de persoas individuais que si denotan un trato diferente".
Conciliación
Unha das preguntas obrigadas a María e a Susana tiña que ser sobre a conciliación. Para esta última "é un erro asumir nós mesmas que a conciliación é cousa de mulleres. Négome. A conciliación é un problema de todos os profesionais e á que lle hai que buscar solucións globais". Considera que hai que "loitar polos dereitos dos homes: dereito a unha baixa de paternidade de verdade, dereito a reducir a súa xornada para criar os seus fillos, dereito a saír á súa hora para ir levar os nenos a actividades, etc. Algúns no papel están, pero en moitos casos se asume que é cousa de mulleres e, polo tanto, eles non os reclaman, porque estaría mal visto que o fixesen. Cando a vida familiar sexa realmente paritaria e cos mesmos dereitos, xa non haberá diferenza para as empresas por sexo, e acabouse a discriminación".
Aínda que se considera "unha privilexiada" ao poder "simultanear a miña carreira profesional e criar aos meus fillos eu mesma grazas a traballar en R ", ten claro que "non moitas mulleres poden dicir que ascenderon con cada embarazo, que nunca foi un problema a miña redución de xornada á hora de asignarme novas responsabilidades, etc. Pero en xeral, se queres desenvolver a túa carreira profesional nas TIC en España, tes que renunciar a moito na túa vida familiar, sexas muller ou home".
En opinión de María, con respecto á conciliación "sobra a coletilla “familiar" porque iso lévanos de cabeza á redución de xornada por coidado de fillos (maioritariamente solicitada pola muller). E quen non ten fillos, que? Traballa as 24 horas ao día? O traballo é unha tarefa máis da nosa vida, así que a conciliación é coa vida e logo, por extensión: da muller e do home, ambos".
María tamén fai fincapé na necesidade de buscar horarios máis responsables en España, "en aprender que o feito de volver a casa máis cedo non implica traballar menos horas ou peor".
Futuro
Nesta visión con luces e sombras, ambas nos indican que se hai 20 anos había unha relación 50-50 entre os estudantes, “hoxe en día a media nas titulacións técnicas é dun 25% de mulleres e baixando. Imos a peor. Cousa que detectaron os responsables das institucións académicas con gran preocupación. Por exemplo, o María Pita Defcon da Universidade de Coruña púxose como obxectivo, entre outros, potenciar a presenza da muller en ciberseguridade, porque somos escandalosamente minoría”. Precisamente Susana será unha das relatoras nunha das mesas redondas deste congreso.
María si percibe “unha evolución positiva”. Trátase “dunha evolución lenta, aínda que espero que imparable. O problema é que ese incremento está a producirse por abaixo (polo nivel técnico) e aínda non se percibe en postos de responsabilidade. Existe un teito de cristal moi evidente neste sentido e non sabería dicir se é porque non podemos ou non queremos chegar a eses postos”.
Imaxe de Figuras Ocultas de ideas.lego.com
ACTUALIZACIÓN
Xusto despois de facerlle a entrevista a María e a Susana, descubrimos este vídeo realizado por Microsoft que pon en valor o papel da muller na tecnoloxía e na ciencia, polo que queremos compartilo contigo: